Uig

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 57°35′N 6°22′W / 57.58°N 6.36°W / 57.58; -6.36

Vista da vila de Uig e do seu peirao

A vila de Uig é un pequeno lugar na costa setentrional da illa de Skye, en Escocia. Pertence á área municipal da Terra Alta.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Está situada nunha baía abrigada, na costa occidental da península de Trotternish, da que é a vila máis importante se ben non chega aos 500 habitantes. Esta posición protexida permitiu a existencia dun pequeno porto de onde parten varias liñas de ferri que unen a localidade con Tarbert (illa de Harris) e Lochmaddy (illa de Uist do Norte), ambas as dúas nas Hébridas Exteriores. Tamén ten liñas de bus que a vencellan con cidades importantes de Escocia, como Fort William ou Glasgow.

Cultura e turismo[editar | editar a fonte]

Ademais de ser un punto de embarcadoiro do ferri, pouco máis chama a atención do visitante que se achega a Uig. Ademais da vista que ofrece a estrada que vai cara a Staffin, o único monumento de interese é o "capricho" do capitán Fraser, unha pequena torre de pedra construída polo ementado mariñeiro en 1890, que ademais non se pode visitar.