Tutú

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Alexandra Ansanelli cun tutú.

Un tutú é unha saia feita con diversas capas de tul ou dun tecido similar, que levan habitualmente as bailarinas de danza clásica.[1] Pode ser moi sinxelo, dunha soa cor, e que se pon por riba do maillot abrochado cunha cinta, un botón ou unha cremalleira, aínda que os hai de moitas cores, con engadidos e brocados. Os dos espectáculos, e algúns de simples, van directamente cosidos ao vestido, como se fose unha soa peza, e neste caso pódese considerar que todo o vestido é un tutú, a pesar de que estritamente só o é a saia. Acostuma a levar mitóns ou manguiñas a xogo, especialmente se o maillot, ou eventualmente o corsé, é sen mangas, e ás veces a indumentaria acaba cunha ligadura na cabeza.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O termo tutú non se comezou ata 1881, a orixe deste nome continúa a ser un misterio, algúns pensan que provén da palabra «tulle» («tul»), outros evocan á vella broma obscena dos suscriptores da Opèra de Paris «panpan-tutu» e outros consideran que é unha deformación da palabra «cucul». A palabra en galego tutú vén do francés tutu, lingua na cal se formou pola duplicación do son tu, como xeito familiar de referirse ao tul da saia e máis concretamente a esta.

Tipos[editar | editar a fonte]

Anna Pavlova cun tutú romántico.

Os primeiros tutús apareceron no século XIX, concretamente co ballet La Sylphide (1832), e co tempo foi evolucionando, o que deu diversos tipos distintos de tutú:

  • Tutú romántico: unha lonxitude de tres cuartos, saia en forma de campá feita con dúas ou tres capas de tul engurradas á cintura e á altura no nocello. O ruedo cae entre o xeonllo e o nocello. O tutú romántico flúe libremente para salientar a lixeireza, para adaptarse á cualidade etérea dos ballets románticos como Giselle ou La Sylphide. Dise que foi inventado, ou que cando menos o popularizou, por Marie Taglioni, primeiro en 1832 en La Sylphide. Hai dous tipos de tutús románticos, un que comeza na cintura e outro cunha cintura caída e xibao chamado tutú romántico con xibao. As primeiras cores empregadas eran o branco e cores pastel, e adoitaban ser da mesma cor que o maillot.
  • Tutú clásico (crepe): moi curto, saia ríxida feita con capas de mallas que se estenden rectas cara ao exterior (dos cadrís) nunha forma de crepe plano, e ten un corpiño axustado. O estilo crepe ten máis capas de malla e adoita usar un aro de arame e moitas partes viradas para manter as capas planas e ríxidas.
  • Tutú clásico (campá): unha faldra lisa moi curta con forma de campá pequena, é frecuentemente máis longo que o tutú clásico (crepe). Está feito con capas de malla e ten un corpiño axustado; esténdese cara ao exterior da cadeira e non emprega arco de arame. Pode verse nas famosas pinturas de ballet de Degas.
  • Tutú Balanchine/Karinska: tamén coñecido como a "esponxa de po", é unha saia moi curta sen aros, e menos capas de malla que os tutús clásicos. A saia está libremente hilvanada para dar unha aparencia máis suave. Este estilo foi deseñado orixinalmente para a versión de ballet da Sinfonía en Do Maior de Georges Bizet.
  • Tutú Platter: un tutú cunha cinta plana que se pega cara a fóra da cintura da bailarina. É moi similar ao tutú crepe, aínda que a parte superior do tutú é completamente plana, mentres que o tutú crepe é un pouco máis cheo na parte superior.

Fabricación do tutú[editar | editar a fonte]

Os tecidos empregados no século XIX adoitan ser de cor branca ou branca rota, xa que non foi ata máis tarde cando se comezaron a fabricar tutús de cor. Son lixeiros, transparentes, finos, vaporosos e deixan pasar a luz. Un tutú está composto por tres partes:

  • as calzas (o pantalón curto).
  • as enaguas (ou a saia propiamente dita).
  • o corpiño.

As capas de tule están montadas sobre as calzas e pregadas nas cadeiras. Un tutú nunca está montado na cintura, co fin de evitar engordar a silueta da bailarina.

Para os tutús de prato as capas de debaixo son normalmente máis ríxidas, e a miúdo están reforzadas con costuras, para que soporten o peso das partes sen pregar. A capa superior está feita de tule de seda, a miúdo adornada con bordados e cequís que personifican o papel da bailarina (plumas para Odette do Lago dos Cisnes, pedras preciosas para as fadas da Bela durminte...). O corpiño, axustado ao corpo da bailarina por medio de baleas ou pinzas, está feito con arredor de dez pezas de satén ou de tecido de seda e está decorado xeralmente da mesma maneira ca o tutú.

A fabricación dun tutú é un traballo longo (vinte horas de traballo para os baixos dun tutú simple) e delicado, perpetuado por artesáns cada vez máis escasos, o que explica o custe oneroso dun verdadeiro tutú de profesional. O traxe pode fabricarse a partir dos seguintes materiais: a crinolina, a gasa, a muselina, o organdí e a organza, a tarlatana, o tule, o veo, o nailon (este último desde o século XX – cómpre dicir que ata a aparición do nailon, manter un limpo un tutú era un auténtico crebacabezas durante varios decenios: o tule de seda non se podía lavar e logo se avellentaba,...).

Existe desde o século XIX unha tradición que atingue aos tecidos dos tutús que aínda dura hoxe: daquela as bailarinas do corpo de baile só podían levar tutús de algodón, mentres que as bailarinas estrelas tiñan dereito ao tul de seda. Hoxe os tutús das estrelas están feitos de muselina, mentres que as outras os levan de organza.

Historia[editar | editar a fonte]

Emma Livry en 1862 cun tutú longo característico da época.

Se en 1784 Marie Sallé se atrevera a levar unha simple saia de muselina sobre o seu corsé e as súas enaguas, foi en 1832 cando Marie Taglioni inmortalizou a saia montada sobre varias enaguas: tratábase dun corpiño apertado e unha saia de varias capas, que se estendía case ata o nocello, tamén chamado Tutú Romántico, e cando é curto chámase Tutú Italiano. O vestido de La Sylphide converteuse así no uniforme por excelencia da bailarina. O vestido, no en tanto, non recibiu o seu nome actual ata 1881. Naquela época, eran as propias bailarinas as que debían fornecer o tutú que levaban no escenario, un traxe dunhas dimensións estritas e impostas: as enaguas debían estar entre os 50 e os 60 centímetros de altura, constar de dúas ringleiras de tarlatana e estaren suxeitos por un cinto cosido de quince centímetros de ancho.

Máis tarde, o romántico, branco e longo, marcado por bailarinas en Giselle ou les Wilis, La Bayadère, pasou a ser o estándar na actualidade.

Asociado dende mediados do século XIX ás «pequenas ratas da Opéra», era o uniforme que levaban as alumnas novas da escola de danza de París. Mais a lonxitude dos vestidos diminúe progresivamente, co fin de deixar as siluetas claras e deixar ver as pernas, que efectúan un traballo cada vez máis técnico. Deste xeito, na década de 1890, os tutús da Opéra chegan aos xeonllos das bailarinas. Tamén se pode invocar un motivo tráxico como motivo para o acurtamento dos vestidos, un motivo que custou a vida da prometedora Emma Livry: os tutús longos eran pouco seguros dada a iluminación de gas dos escenarios da época, e os riscos de incendio eran elevados.

Saia chamada de traballo en danza clásica. Consta dunha peza de roda con caída. Non é un tutú.

Logo da segunda guerra mundial e dadas as dificultades de subministración, os tutús acúrtanse aínda máis, e deben facer fronte ao crecente desamor dos coreógrafos, que comezan a preferir os vestidos máis axustados e modernos (como o académico, os pantis e os leotardos) . Nesa época levábanse moi arriba das cadeiras.

O tutú tardo-romántico, ou italiano, é unha superposición de saias curtas e ríxidas, en forma de pétalos ao redor da cintura da bailarina e deixando expostas as pernas, xeralmente é un conxunto de saións brancos, aínda que hai unha variedade colorida e brillante.

Actualmente os tutús non se empregan nos ensaios nin na formación e mantemento que fan cada día os bailaríns, só nalgúns espectáculos. Empréganse os longos e os curtos e, como ocorre coa moda de rúa, o uso dun ou outro depende moitas veces de modas seguindo os anos, a pesar de que algúns ballets clásicos ás veces fanse co mesmo tipo de saia empregado na época da súa estrea.

Moitos espectáculos de danza clásica actual non empregan tutús na indumentaria, xa que non é obrigatorio nin necesario. Nalgúns espectáculos, como os Ballets de Trocadero, lévannos bailaríns que fan o papel de muller. Na danza contemporánea o tutú en principio non se emprega, mais tampouco existe ningunha norma que o prohiba. Ás veces poden verse tutús en espectáculos de patinaxe artística ou diversos espectáculos de circo.

Nos ensaios, os bailaríns adoitan levar maillots e complementalos con pantalóns curtos ou mallas, ou pantalóns axustados de la, que ás veces cobren o corpo para o quecemento. A finais do século XX ás veces empregábase unha saia sinxela, chamada de traballo, que consistía nun anaco de tea semicircular, frecuentemente dunha cor pastel ou negro, atado á cintura cun elástico.

A saia tutú[editar | editar a fonte]

Na década de 1980 xurdiu e púxose de moda un novo tipo de saia que frecuentemente é coñecido como tutú porque lembra ao tutú da bailarina, se ben en realidade se trata dunha versión da saia corola dos anos corenta. É, xa que logo, unha minisaia ampla e soprada que se leva con cancán debaixo. Este tipo de saia pasou de moda ao finalizar a década, aínda que tivo retornos. A partir de 2008 as saias tutú, en versióm mini ou media, non son raras nas pasarelas dalgúns deseñadores como Alexander McQueen,[2] Zac Posen[2] ou Rodarte,[2] que os inclúen principalmente en vestidos de noite ou de festa.

O tutú na arte[editar | editar a fonte]

Degas
Outros artistas

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para tutú.
  2. 2,0 2,1 2,2 "Fotos de tutús a les passarel·les al segle XXI". Arquivado dende o orixinal o 21 de outubro de 2012. Consultado o 18 de agosto de 2013. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]