Tupamaros

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bandeira dos Tupamaros

Os Tupamaros, tamén coñecidos como MLN (Movimiento de Liberación Nacional) foi unha organización de guerrilla urbana en Uruguai nos anos 60 e 70 e que na actualidade actúa como partido político na Fronte Ampla. Toma o nome de Túpac Amaru II, líder dunha revolta contra os españois no século XVIII.

En 1960 apareceu no seo do Partido Socialista do Uruguai, partido que virara cara a esquerda sumándose ao terceiromundismo, un grupo que miraba cara as loitas de liberación que se desenvolveran en Alxeria, China e especialmente en Cuba e discutía a viabilidade dunha guerrilla rural no Uruguai, este grupo confluíu coa Unión de Traballadores Azucreiros de Artigas dirixida por Raúl Sendic, tamén membro do PSU e que estivera en Cuba varios meses tralo triunfo da revolución.

O 31 de xullo de 1963 realizan a primeira acción armada, o asalto ao Club de Tiro Suízo, apropíanse de varias armas e munición, Raúl Sendic idenficado pola policía como o ideólogo marchou ao exilio. Ao longo do ano foron incorporándose ao grupo inicial membros procedentes do anarquismo e o maoísmo, seguironlle máis accións armadas pero ningunha foi reivindicada ata que a partir de decembro de 1964 comezaron a asinar as súas accións co nome de Tupamaros, independizándose do PSU.

Tras ser practicamente desbaratado pola policía en 1966, o MLN-T recuperouse, cunha serie de accións que combinaban a recollida de fondos e materiais para a organización, o axustizamento dalgúns funcionarios policiais acusados de torturas e a propaganda política.

Contra 1970 a loita armada fíxose de maiores proporcións, realizando algunha das súas accións máis coñecidas, como o secuestro e axustizamento en agosto de 1970 do funcionario norteamericano Dan Mitrione, enviado polos Estados Unidos para asesorar á policía, ou a fuga do penal Punta Carretas en 1971.

En 1972 detívose á case toda a dirección da organización, mantidos como reféns tras o golpe de estado de 1973, os tupamaros deixaron de realizar accións armadas no Uruguai.