Trompe-l'œil

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pere Borrell del Caso, "Escapando da crítica", 1874, col. Banco de España
Trompe l'œil en Solingen, Alemaña
Perspectiva ilusionista da cúpula da igrexa dos Xesuítas en Viena (Austria)

O trompe l'œil (expresión francesa que significa «enganar ao ollo») é unha técnica pictórica que intenta enganar á vista xogando coa perspectiva e outros efectos ópticos.

Os trompe l'œil adoitan ser pinturas murais realistas creadas deliberadamente para ofrecer unha perspectiva falsa. Poden ser interiores (representando mobles, fiestras, portas ou escenas máis complexas) ou exteriores, en muros de inmobles.

Tamén poden atoparse pintados en mesas (aparentando naipes dispostos para unha partida, por exemplo) ou outros mobles.

Malia ser máis propios da pintura tamén existen famosos «enganos» en arquitectura, algúns dos máis coñecidos son a Scala Regia no vaticano de Gianluca Bernini ou a Galería Spada do Palazzo Spada de Borromini, nestes casos trátase de contrarrestar certas impresións ou modificar a percepción do espazo mediante efectos arquitectónicos, como variar a altura das columnas para conseguir, no caso da escaleira, que esta pareza moito máis profunda.

Trompe l'œil no cine[editar | editar a fonte]

Os trompe l'œil tamén foron empregados con profusión no cine ata a aparición dos efectos especiais dixitais. Dende simular unha vista exterior a través dunha fiestra en escenas rodadas en decorados interiores, ata a simulación de todo un "grandioso" decorado exterior.

Un método habitual (Matte en inglés) era pintar o "gran" exterior (cidades, ceo, etc.) nunha táboa de madeira de poucos metros que se situaba relativamente preto da cámara pero ocupando só unha parte do encadre, mentres que a escena real tiña lugar máis lonxe e ocupando o resto do encadre da cámara; así, facendo coincidir o bordo do trompe l'œil pintado coa escena real, o efecto é que todo se desenvolvese nun gran escenario, cuxo custo de construción fose prohibitivo. Ata se podía chegar a ter todo o decorado como trompe l'œil, ocupando todo o encadre, e só a través dun oco nel tiña lugar a escena real. Poderíase dicir que no cine para conseguir este efecto de ilusión óptica se xoga con elementos como a escala (dos distintos elementos que conforman a perspectiva) así como a distancia da camara ao obxecto filmado e a profundidade de campo.

Unha variación é o método Schüfftan (polo seu inventor Eugen Schüfftan), no que diante da cámara o que se colocaba era un espello parcialmente transparente (quitando parte da película reflectante do espello). Na parte espellada reflectíase o trompe l'œil e a través da parte transparente tiña lugar a escena real.

Trompe l'œil na pintura[editar | editar a fonte]

Os pintores hiperrealistas utilizan con frecuencia esta técnica.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Persoas[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Trompe-l'œil