Triángulo de Amor Bizarro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Triángulo de Amor Bizarro
A banda no Festival Mundo Vermello en Vilagarcía de Arousa no ano 2010
OrixeA Coruña, Galicia
Períododende 2004
Xénero(s)shoegaze, indie rock, noise rock, space rock, post-punk
Selo(s) discográfico(s)Mushroom Pillow
MembrosIsabel Cea (baixo, voz)
Rodrigo Caamaño (guitarra, voz)
Rafael Mallo (batería)
Zippo (guitarra, teclado)
Antigos membrosJulián Ulpiano (batería)
Oscar Vilariño (guitarra, teclado)
Na rede
MySpace da banda
Musicbrainz: c99d1db4-d5ab-4795-a7f5-42ebba5fd0bc Songkick: 21043 Discogs: 1965807 Editar o valor em Wikidata

Triángulo de Amor Bizarro é un grupo galego de shoegaze, indie rock e noise rock formado no ano 2004 na Coruña.

Ata a data leva editado seis álbums de estudio e está composto por Isabel Cea (baixo, voz), Rodrigo Caamaño (guitarra, voz), Rafael Mallo (batería) e Zippo (guitarra, teclado).

Biografía[editar | editar a fonte]

O grupo formouse na Coruña aínda que os seus membros iniciais eran orixinarios de distintos lugares do Barbanza, mentres que o batería era de Albacete. Colleron o seu nome do título da canción "Bizarre Love Triangle" do grupo británico New Order. Antes da gravación do seu primeiro disco, Triángulo de Amor Bizarro gravou dúas maquetas auto-producidas que acadarían as semifinais dos concurso de maquetas Proxecto DEMO do Festival de Benicassim dos anos 2004 e 2005. Neses comezos o grupo foi cuarteto, derivando co tempo en quinteto antes da gravación do primeiro disco no que se fixará a formación definitiva de trío con Isabel Cea no baixo e nas voces, Rodrigo Caamaño na guitarra e nas voces e Julián Ulpiano na batería. A formación foi esta ata a entrada en 2009 de Rafael Mallo, substituíndo a Ulpiano, e Oscar Vilariño, encargado dos teclados e a guitarra.

Unha vez que ficharon polo selo Mushroom Pillow, gravaron o seu disco de estrea, Triángulo de Amor Bizarro (2007), co técnico Carlos Hernández, coñecido pola produción de discos de música independente de bandas ben coñecidas coma Los Planetas, Sr. Chinarro ou Mercromina. O disco recolleu moi boa crítica entre a prensa especializada, aparecendo nos primeiros postos entre os discos españois do 2007 (posto 2 na revista Mondosonoro e 9 na Rockdelux).

Ese mesmo ano publicouse tamén El hombre del siglo V, disco no que se compilan as cancións das súas dúas maquetas xunto con descartes do seu álbum de estrea.[1]

Tamén participaron no 2007 no disco homenaxe a Surfin' Bichos Family Album II, cunha versión do tema "Un perro feliz".

A finais do ano 2009 comezaron a gravar o seu segundo traballo, titulado Año Santo, que foi publicado no mes de maio do 2010.[2] Año Santo tivo mellor acollida que o primeiro disco, tanto pola prensa como polo público, e foi celebrado como un dos mellores álbums estatais dese ano. Con el xiraron por México e participaron nos festivais máis importantes da península, como o FIB ou o Paredes de Coura, e de México, onde tocaron no Corona Capital, ao lado de bandas como Pixies ou Interpol. A xira promocional estendeuse durante o ano 2011.

En 2011 entrou Zippo no grupo e saíu Oscar Vilariño. Gañaron o premio IMAS en México á mellor banda española. Año Santo foi nomeado a 9 categorías nos premios da música independente (UFI), resultando premiados en catro delas, incluíndo Álbum do Ano e Mellor Directo.

En 2012 gravaron nos estudios Red Bull de Madrid o sinxelo dixital Ellas se burlaron de mi magia, producido por Peter Kember (Sonic Boom) e mesturado por Roberto Mallo. A finais dese ano comezaron a gravación do seu terceiro disco de estudo, Victoria Mística, que foi editado en xullo de 2013, producido pola propia banda, gravado no seu propio estudo por Roberto Mallo con mesturas de Manny Nieto (Breeders, Health, Los Lobos). A masterización correu a cargo de Shane Smith.

En 2016 publicaron o seu disco Salve Discordia e pasaron o ano dando concertos en salas e festivais coma o BBK de Bilbao ou o Noroeste Pop Rock de A Coruña. O disco tivo un recibimento excelente por parte da crítica e gañou o premio Ruído ao mellor disco nacional de 2016.

En 2018 publicaron un novo EP de catro cancións da man de Mushroom Pillow, co nome de El gatopardo. O primeiro avance deste disco foi a canción O Isa.[3] Dous anos despois publicouse o seu sexto álbum, titulado oɹɹɐzıqɹoɯɐǝpolnƃuɐıɹʇ, o nome da banda do revés.[4]

Influencias[editar | editar a fonte]

Entre as súas influencias máis evidentes estarían grupos británicos da escena Shoegaze - Noise de finais dos oitenta como The Jesus and Mary Chain, My Bloody Valentine ou The Telescopes. Dentro da escena alternativa española actual estarían emparentados co grupo navarro El Columpio Asesino, e son seguidores dos desaparecidos Surfin' Bichos. Nun dos temas do seu disco de debut (Triángulo de Amor Bizarro, 2007) contan coa colaboración de Joaquín Pascual, antigo integrante de Surfin' Bichos e Mercromina, e na actualidade líder do grupo Travolta.

Discografía[editar | editar a fonte]

LPs[editar | editar a fonte]

Álbum Ano Selo Observacións
Triángulo de Amor Bizarro 2007 Mushroom Pillow
El Hombre del siglo V 2007 Mushroom Pillow Recompilatorio de demos
Año Santo 2010 Mushroom Pillow
Victoria Mística 2013 Mushroom Pillow
Salve Discordia 2016 Mushroom Pillow
oɹɹɐzıqɹoɯɐǝpolnƃuɐıɹʇ 2020 Mushroom Pillow

Sinxelos e EPs[editar | editar a fonte]

Título Ano Selo Observacións
Amigos del género humano 2011 Mushroom Pillow Sinxelo vinilo 10"
Ellas se burlaron de mi magia 2012 Mushroom Pillow Sinxelo dixital
Baila Sumeria 2016 Mushroom Pillow Sinxelo dixital
El gatopardo 2018 Mushroom Pillow EP

Presenza en discos colectivos[editar | editar a fonte]

  • Family Album II (Molusco Discos, 2007)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Mondo Sonoro (ed.). "Triángulo de Amor Bizarro - Caras B". Arquivado dende o orixinal o 25 de abril de 2017. Consultado o 25 de abril de 2017. 
  2. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 07 de febreiro de 2009. Consultado o 24 de xaneiro de 2010. 
  3. "Triángulo de Amor Bizarro dedican la furiosa ‘O Isa’ a la “Reina Malvada y su estirpe”" (en castelán). 15 de febreiro de 2018. 
  4. "Triángulo de Amor Bizarro dánlle unha volta ao seu son para ser eles mesmos". 23 de marzo de 2020. Consultado o 19 de febreiro de 2021. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]