Tratado de Sèvres

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Repartición de Anatolia e Tracia polo Tratado de Sèvres de 1920, derrogado polo Tratado de Lausana en 1923.

O Tratado de Sèvres foi un tratado de paz entre o Imperio Otomán e as nacións aliadas da Primeira Guerra Mundial (a excepción de Rusia e Estados Unidos), que foi asinado en Sèvres (Francia) o 10 de agosto de 1920. O Tratado deixaba o Imperio Otomán sen a maior parte das súas antigas posesións, limitándoo a Istambul e parte de Asia Menor. En Anatolia Oriental creábase un estado autónomo para os curdos (Curdistán), e varios distritos pasaban a Armenia (a República de Armenia independizouse de Rusia en 1918) para formar a Grande Armenia. Grecia recibía Tracia Oriental, Imbros, Ténedos e a rexión de Esmirna. Recoñecíase a separación de Exipto, Hedjaz e Iemen; mentres que Mosul, Palestina e Transxordania pasaban á administración británica e Siria, Líbano e Alexandreta á administración francesa, que tamén recibía unha zona de influencia en Cilicia. Chipre quedou para os británicos que xa o administraban e Castellorizo para os italianos cunha zona de influencia na rexión de Antalya. A navegación nos estreitos sería libre e controlada por unha comisión internacional.

O imperio Otomán segundo o Tratado de Sèvres.

Contra este tratado, aceptado polo Sultán e o goberno otomán, erguéronse os nacionalistas ao mando de Mustafa Kemal Atatürk, que tomaron o poder e combateron vitoriosamente contra gregos e armenios logrando manter a posesión de toda Anatolia, e parte de Tracia Oriental, e pór fin ás zonas de influencia de Francia e Italia, tras o cal foi asinado o Tratado de Lausana en 1923, deixando sen aplicar o tratado de Sèvres.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]