Touro de Osborne

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Touro de Osborne preto de Las Cabezas de San Juan (provincia de Sevilla).

O touro de Osborne é un reclamo publicitario do brandy de Xerez Veterano, en forma de silueta dun touro de lida. Teñen un tamaño duns 14 metros de altura e están situadas en outeiros a carón das estradas de España.

Aínda que a función inicial era publicitaria, co paso do tempo e o arraigo cultural foi mudando, transpasando os límites da marca comercial da empresa, nun símbolo cultural de España[1][2]. Existen reclamos similares, pero co nome do brandy Magno impreso sobre eles, nas estradas de México[3]. En 2011 colocouse o primeiro touro de Osborne en terras africanas, na cidade de Melilla, visible desde Marrocos[4].

Historia[editar | editar a fonte]

Logo do Touro de Osborne, deseño do pintor Manolo Prieto.

En 1956 a axencia Azor Publicidad realiza, por encargo do Grupo Osborne, o deseño dun símbolo que servise para representar o brandy Veterano en vallas publicitarias de estrada. O artista Manolo Prieto, director da axencia, foi quen propuxo a figura do touro bravo[5]. Os primeiros carteis comezaron a colocarse en novembro de 1958. Estaban fabricados en madeira e medían 4 metros de altura. Tiñan os cornos pintados de branco e un rótulo que anunciaba a bebida. En 1961 os carteis comezaron a construírse en metal, xa que as condicións meteorolóxicas adversas danaban os de madeira. O seu tamaño aumentou até os 7 metros. En 1962 o seu tamaño pasou aos 14 metros de altura, logo dun cambio na normativa dos carteis publicitarios de estrada.

En xullo de 1988 a Ley Xeral de Estradas obrigaba a retirar a publicidade de calquera lugar visible desde as estradas estatais. Porén, os touros de Osborne mantivéronse. En setembro de 1994 publicouse o Regulamento Xeral de Estradas, que ordenaba retirar estes reclamos. Varias comunidades autónomas, numerosos municipios, asociacións culturais, artistas, políticos e xornalistas pronunciáronse a favor do mantemento dos reclamos. A Junta de Andalucía pediu a súa catalogación como Ben Cultural e a Comunidade Foral de Navarra amparouse nunha Lei Foral para manter o touro existente no seu territorio. Nese mesmo ano foi declarado polo Congreso dos Deputados «patrimonio cultural e artístico dos pobos de España».[2]. Isto provocou que en decembro de 1997 o Tribunal Supremo ditase sentenza a favor do mantemento dos touros de Osborne. Así, desde 1998 o touro de Osborne deixou de ser un símbolo estritamente comercial.

Está considerado un símbolo asociado ao nacionalismo español e á identidade de España, e recibe boicot por parte de movementos nacionalistas. Así, o único touro existente en Cataluña foi derrubado en numerosas ocasións[6]. En 2008 o touro existente en Abavides (Trasmiras) foi pintado de laranxa nunha acción contra a simboloxía española[7].

Distribución[editar | editar a fonte]

Un dos sete touros de Osborne da provincia de Alacant.
Número de touros de Osborne por provincias.

En 2011 existían 91 touros de Osborne. Existe unha concentración arredor do Marco de Xerez, nas provincias de Cádiz e Sevilla. O resto están dispersados de forma non sistemática: así, mentres que algunhas comunidades autónomas carecen deles (Cantabria, Cataluña, Ceuta e a Rexión de Murcia) ou teñen exclusivamente un (Baleares, Canarias, Melilla, Navarra e País Vasco), existen outras pequenas concentracións en torno a Asturias, Zaragoza ou Alacant.

En Galicia existen cinco touros de Osborne, situados en Abavides (Trasmiras) a carón da N-525 e da A-52; San Vicente de Fervenzas (Aranga) a carón da N-VI; Petán (A Cañiza) xunto á N-120; Ponte Sampaio (Pontevedra) pegado á N-550; e Cadoalla (Becerreá) a carón da N-VI e da A-6.

Comunidade Autónoma Cantidade Comunidade Autónoma Cantidade
Andalucía 23 Estremadura 5
Aragón 6 Galicia 5
Asturias 5 Madrid 2
Illas Baleares 1 Melilla 1
Illas Canarias 1 Rexión de Murcia 0
Castela-A Mancha 13 Navarra 1
Castela e León 14 A Rioxa 2
Cantabria 0 Comunidade Valenciana 11
Cataluña 0 País Vasco 1
Ceuta 0 TOTAL 91

Folclore[editar | editar a fonte]

Bandeira de España co Touro de Osborne.

A imaxe do touro de Osborne adoita aparecer noutros ámbitos á marxe do publicitario: aparece en autocolantes en coches, en recordos de viaxe (camisetas, gorras, chaveiros, cinceiros, postais...). En ocasións aparece sobreimpreso na bandera española a modo de escudo, e é portado por seareiros en eventos deportivos.

Propiedade industrial e intelectual[editar | editar a fonte]

Dado que é un logotipo comercial, ningunha empresa allea ao Grupo Osborne pode reproducir a imaxe do touro sen unha autorización. En setembro de 2005 unha xuíz penal de Sevilla absolveu varios comerciantes acusados do seu uso ilegal en artigos de agasallo destinados a persoas que ven na figura do touro un símbolo nacional e non a marca concreta dunha empresa. Porén, a Audiencia Provincial de Sevilla revogou a primeira sentencia en xaneiro de 2006, condenando aos comerciantes, aclarando que a carga cultural e simbólica que o touro de Osborne indudablemente ten, non podía implicar un desapoderamento dos dereitos de autoría sobre a imaxe.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Rivera, J., Molero, V., Rivera Camino, J., Arellano Cueva, R. e Molero Ayala, V. C. (2009): Conducta del consumidor: Estrategias y políticas aplicadas al marketing. ESIC Editorial. ISBN 9788473565936 (en castelán).
  2. 2,0 2,1 Gran Enciclopedia de España Enciclopedia de España, S.A. Zaragoza, 1990. 84-87544-01-0 (obra completa) (en castelán).
  3. "El Toro de Osborne, de icono publicitario a símbolo de la España cañí, artigo en El Mundo, 23 de xaneiro de 2007 (en castelán).
  4. "El toro de Osborne cruza el charco para instalarse en Melilla", artigo en El Mundo, 7 de febreiro de 2011 (en castelán).
  5. Eguizábal, R. (2010): 'Industrias de la conciencia: Una historia social de la publicidad en España (1975-2009). Ediciones Península. ISBN 9788483079140 (en castelán).
  6. "Derribado el único toro de Osborne que queda en Cataluña", noticia en El Mundo, 13 de outubro de 2002 (en castelán).
  7. "Pintam de laranja touro de osborne de Abavides", artigo na web de AGAL, 22 de xaneiro de 2008.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Touro de Osborne