Pazo de Hermida

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Torres de Lestrobe»)
Pazo de Hermida
ConcelloDodro
ProvinciaA Coruña
ComunidadeGalicia
Coordenadas42°43′58″N 8°40′17″O / 42.73276, -8.67131Coordenadas: 42°43′58″N 8°40′17″O / 42.73276, -8.67131
Estilo arquitectónico
editar datos en Wikidata ]

O Pazo de Hermida[1] é unha construción civil situada en Lestrobe, é un dos lugares máis singulares do concello de Dodro. Está declarado Ben de Interese Cultural con categoría de monumento. É coñecido tamén como Torres de Lestrobe, e actualmente é unha casa de turismo rural.

Características[editar | editar a fonte]

Encóntrase situado nunha ladeira e cunha boa vista de Padrón e do val. Atópase nun terreo de máis de 500 ferrados[2], unha das extensións máis grandes da comarca. Esta parcela está amurallada de pedra e repoboada de piñeiros na parte máis afastada da edificación. A situación na que se encontra o edificio crea un recanto moi agradable, cuberto por unha viña e cunha fonte de pedra no extremo.

A fachada principal do pazo presenta un corpo central e dúas torres de planta cuadrangular en cada extremo. Cara á parte posterior desenvólvese formando un L resultado dunha ampliación arquitectónica, aínda que nun principio a estrutura debeu ser rectangular. Na fachada suroeste hai unha pequena terraza con balaustrada de pedra.

Brasón.

O escudo, de seis divisións, situado entre dúas fiestras, atópase na fachada nordeste do inmoble. No ornado deste emblema do século XVIII hai armas dos Luaces, unha lúa cinguida por cinco estrelas, dos Mosquera cinco cabezas de lobo, o axadrezado dos Bermúdez e o año máis a bola dos Bolaño, entre outros.

A edificación ten perpiaños de granito, combinados con cachotería nalgunhas zonas. No extremo dunha á, engadida na parte posterior, hai un patio no que parece ser que houbo unha torre. A construción orixinal eran dúas torres defensivas pero debido ás diversas incursións sufriron danos ata que se reconstruíron no século XVII uníndoas por un corredor e converténdose deste xeito nun pazo. Na parte superior estaban as cociñas, os cuartos, a biblioteca e dende alí accedíase ó terreo por unha fermosa solaina que aínda hoxe existe. Debaixo estaban o lagar, as cortes dos cabalos e a capela. Accedíase ó primeiro andar por un patín que estaba na fachada principal. Tamén se conserva un patio interior, denominado patio de armas, onde nunha parede se esculpiu o escudo brasonado.

Os encargados de levar a cabo esta obra foron os mariñeiros da bisbarra coa axuda dun construtor. A cociña garda certa similitude na súa construción coas pallozas dos Ancares, de forma redonda e cun ángulo semellante. Os materiais empregados para facela obra son a pedra, o barro e as cunchas da ría. O pazo está cuberto de tella na actualidade.

Este pazo atopábase deshabitado e case arruinado na década de 1990, sendo rehabilitado a finais do século XX.

Historia[editar | editar a fonte]

Neste casal dos Hermida o historiador de Galicia Manuel Murguía, esposo da poeta Rosalía de Castro, constatou a existencia de fragmentos de ladrillo romanos, tellas e pedras que constituían o sitio arqueolóxico dun castro.

Hai documentos que indican que este lugar debeu ser residencia dun xefe na Idade Media. Cítase o pazo de Hermida en gran número de documentos medievais; aparece na lírica profana galego-portuguesa e tamén se menciona nas Cantigas de Santa María[3]. A construción orixinal eran dúas torres defensivas pero debido a diversas incursións, sufriron danos, ata que se reconstruíron no século XVII uníndoas por un corredor e converténdose deste xeito no pazo que é na actualidade.

Antigamente na horta deste pazo había un frondoso érbedo que viu como co paso dos anos se formaba nel, a pouca altura do chan, un asento. Dise que era o lugar predilecto de Rosalía, dende o que admiraba a fermosura da paisaxe e no que concibiu cantares e poesías de seu. Trala morte da súa nai en 1868, a poetisa galega, refuxiouse nas Torres de Lestrobe. En 1881 escribiu neste lugar Padrón y las inundaciones[4] e pénsase que tamén deu vida ou retomou no pazo obras como Follas novas, El primer loco, Costumbres gallegas e El Domingo de Ramos.

Un dos propietarios deste pazo naquel entón, Gregorio Antonio de Hermida, estaba casado coa tía materna de Rosalía de Castro, sendo este o motivo polo que o matrimonio pasou longas tempadas en Lestrobe, convidados por José de la Hermida, curmán de Rosalía. En Lestrobe naceron os xemelgos Ovidio e Gala[5] (Gala Blanca Eleonora), fillos do matrimonio, o 2 de xullo do 1871.

O 26 de marzo de 1930 celebrouse neste lugar o Pacto de Lestrobe, promovido pola Organización Republicana Gallega Autónoma, no que se asina a alianza das distintas forzas republicanas. José Vázquez Batalla, dono do pazo ofreceu a súa casa para celebrar o comicio clandestino. Na reunión, á que acudiron representantes dos diversos partidos e agrupacións que compuñan o espectro republicano, acordouse a creación da Federación Republicana Gallega. Unha anécdota que determina o entusiasmo republicano de Vázquez Batalla é que mentres se deliberaba, el serviu de vixía na torre do pazo para facilitar a fuxida ós montes do Barbanza se eran sorprendidos.

No terceiro aniversario do pacto, xa en plena República volveron reunirse case todos os asistentes, no mesmo lugar para ofrendar a Vázquez Batalla cun pergameo en conmemoración da data daquel acto. O pergameo, coa bandeira republicana, consérvase no pazo de Hermida ao igual que a mesa onde se asinou o pacto.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Pazo de Hermida na páxina web colaborativa Patrimonio Galego.
  2. Un ferrado equivale a 420 m² no concello de Dodro.
  3. Manuel Lorenzo Baleirón: "Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga", en pdf, páxina 227.
  4. Publicado en catro entregas consecutivas en La Ilustración Gallega y Asturiana, Madrid: o 28 de febreiro Arquivado 24 de setembro de 2018 en Wayback Machine. e o 8 Arquivado 24 de setembro de 2018 en Wayback Machine., 18 Arquivado 24 de setembro de 2018 en Wayback Machine. e 28 de marzo de 1881 Arquivado 24 de setembro de 2018 en Wayback Machine..
  5. López, Uxía (12-06-2021). "A igrexa de Dodro recupera a pía na que foron bautizados dous fillos de Rosalía". La Voz de Galicia. Consultado o 22-06-2021. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]