Torre-Pacheco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Torre-Pacheco é un municipio da Rexión de Murcia, pertencente á comarca natural do Mar Menor e Partido Xudicial de San Javier. Coloquialmente a localidade é coñecida como Pacheco.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Ten unha extensión de 189,4 km², que corresponde co 1,67% da superficie total da rexión e dista 37 km da capital, Murcia. Limita ao leste con San Javier e Los Alcázares, ao sur con Cartagena, ao norte con Murcia, e ao oeste con Fonte Álamo de Murcia. O terreo é practicamente chairo, sen apenas accidentes, asucado por numerosas ramblas e a única elevación do municipio é o Cabezo Gordo, onde se atopa a Sima das Pombas. Nesta cova atopáronse numerosos restos humanos, os segundos máis antigos da Península Ibérica tras Atapuerca, converténdose no segundo sitio arqueolóxico máis importante da península e un dos máis ricos de Europa.

Demografía[editar | editar a fonte]

Con 30.351 habitantes (INE 2008), o municipio presenta unha situación demográfica marcada pola inmigración, a alta taxa de natalidade e a chegada de turistas aos numerosos complexos residenciais. A actividade económica do municipio é maior no sector servizos, que está orientando a súa actividade ao turismo, pero tamén destaca a súa gran actividade agrícola, baseada en modernos e eficientes sistemas de rega e colleita cun alto nivel de produtividade. A actividade manufacturera agroalimentaria e o gran número de empresas relacionadas coa construción proporcionan unha gran parte dos ingresos do municipio. Nos próximos 20 anos e atendendo ás previsións, o municipio podería triplicar a súa poboación actual. Xa que logo, a súa importancia geopolítica é moi relevante na Rexión de Murcia.