Tinguidura de Giemsa
A tinguidura de Giemsa é un método habitual para o exame de frotis sanguíneos, cortes histolóxicos e outro tipo de mostras biolóxicas. Este método ten utilidade sobre todo para manifesta-las ricketsias localizadas dentro da célula hóspede. A coloración Giemsa emprégase tamén para tinguir frotis de sangue no exame para protozoos, aínda que tamén se poden empregar outras coloracións como é a técnica de citoconcentración para parasitos sanguíneos, a cal ten un baixo custe e ofrece a posibilidade de illar e identificar no mesmo sedimento o parasito principal, con excepción dos trofozoitos máis novos e o Plasmodium falciparum. Tamén se emprega a modificación de Wright.
Índice |
Fundamento [editar]
Estes organismos adquiren unha coloración diferencial e vense dentro do citoplasma da célula hóspede. A técnica de Giemsa está formada por varios colorantes: as tinturas neutras empregadas combinan o azul de metileno como tintura básica e a eosina como tintura ácida, o que da unha ampla gama de cores; o azul de metileno é un colorante metacromático, de aí que moitas estruturas se tingan de púrpura e non de azul. O pH da solución de coloración é crítico e débese axustar idealmente de acordo a diversos fixadores. A gama do pH debe estar entre 6.4 e 6.9.
Para mostras histolóxicas, os mellores resultados obtéñense en mostras fixadas con formol, incluídas en parafina e cortadas entre 3 e 6 micras.
Procedemento [editar]
- desparafinar e hidratar
- aplicar solución de traballo de Giemsa durante 10 minutos
- deshidratar con alcohol absoluto, 3 cambios
- aclarar con xilol, 3 cambios
Os resultados obtidos son os seguintes:
- Citoplasma: rosa
- Núcleos: azul
- Eritrocitos: vermello
- Gránulos das células cebadas: púrpura
- Bacterias: azul
- Parasitos: azul
Esta técnica presenta multitude de variantes, pero as diferencias baséanse no emprego ou non de diferenciador, o tempo de permanencia do colorante, o uso de alcohois en diferente graduación, etc.
Véxase tamén [editar]
Bibliografía [editar]
- Métodos Histotecnológicos. ARP. 1992.
- Sheehan, Dezna; Hrapchak, Barbara (1980). Theory and practice of Histotechnology (2 Ed ed.).