Tifón Haiyan

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tifón Haiyan.

O tifón Haiyan (coñecido tamén como supertifón Haiyan, designación internacional: 1330, designación JTWC: 31W, designación PAGASA: Yolanda) foi o máis mortífero na historia de Filipinas, tamén foi o ciclón máis intenso en tocar terra e o cuarto máis intenso na conca do Pacífico, matando a aproximadamente 5771 persoas só neste país.[1] Este sistema acadou ventos máximos de 315 km/h nun minuto e 230 km/h en 10 minutos en 48 horas cunha presión mínima de 895 hPa, sendo superado en presión mínima polo tifón Tip de 1979.[2] O nome Haiyan foi posto pola China e significa «petrel» (海燕) en chinés.

Descrición[editar | editar a fonte]

O Haiyan orixinouse nunha área de baixa presión a uns centos de quilómetros ao leste-sueste de Pohnpei, Micronesia o 2 de novembro. Desprazándose ao oeste, as condicións ambientais favoreceron unha cicloxénesis tropical e o sistema converteuse nunha depresión tropical ao día seguinte. Despois de converterse nunha tormenta tropical e ser nomeado como Haiyan ás 00:00 UTC do 4 de novembro, o sistema comezou un período de rápida intensificación que o converteu nun tifón ás 18:00 UTC de 5 de novembro. O día seguinte o Centro Conxunto de Advertencia de Tifóns ascendeu o sistema á categoría cinco de super tifón na Escala de furacáns de Saffir-Simpson; a tormenta pasou por riba da illa de Kayangel rapidamente despois de alcanzar esta categoría.

Despois, o sistema continuou intensificándose; ás 12:00 UTC do 7 de novembro, a Axencia Meteorolóxica do Xapón mediu os ventos de Haiyan en dez minutos de 235 km/h, os máis intensos en relación ao ciclón. Ás 21:00 UTC, a JTWC estimou os seus ventos nun minuto de 315 km/h, considerándoo extraoficialmente como o cuarto ciclón tropical máis intenso xamais observado. Varias horas despois, o ollo de Haiyan tocou terra por primeira vez en Guiuan, na provincia filipina de Sámar Oriental sen ningún cambio na súa intensidade; se os seus datos son verificados, Haiyan podería ser o ciclón tropical máis intenso en tocar terra, o que podería superar o récord anterior do Furacán Camille de 1969. O 8 de novembro, o ciclón ingresou no Mar da China Meridional, xa degradado a categoría catro. Algúns datos indicaban que Haiyan estivo desprazándose por riba do mar como categoría tres, con ventos máximos sostidos en 190 km/h nun minuto con refachos maiores a 210 km/h. O 10 de novembro, o Haiyan finalmente tocou terra en Vietnam traendo con el precipitacións e ventos intensos; disipouse o 11 de novembro.

O ciclón causou danos catastróficos e unha gran crise humana no centro de Filipinas, particularmente nas illas de Sámar e Leyte; a Oficina de Coordinación de Asuntos Humanitarios da Organización das Nacións Unidas estimou inicialmente o número de falecementos en 4.460, pero o Goberno do país confirmou 5.723 falecidos, 1.779 desaparecidos, 26.233 feridos e 381.022 evacuados.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Scientific American (12 de novembro de 2013). "Was Typhoon Haiyan a Record Storm?" (en inglés). Consultado o 24 de novembro de 2013. 
  2. Digital Typhoon. "Digital Typhoon: Typhoon List" (en inglés). Consultado o 7 de novembro de 2013. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]