Tifón (mitoloxía)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tifón nun mural etrusco

Na mitoloxía grega, Tifón, Tifaón ou Tifeo (en grego antigo Τυφών Typhôn, Τυφάων Typhaôn, Τυφωεύς Typhôeus o Τυφώς Typhôs, de τῦφος tuphos, ‘humo’; en latín Typhon) é unha divindade primitiva que se presenta en forma de furacán destrutor ou dun enorme e horrible monstro alado cun centenar de serpes repartidas polas súas coxas que lanza chamas pola boca.

Foi o último fillo de Xea, esta vez con Tártaro, o cavernoso baleiro inferior:

Pero cando Zeus expulsara aos Titáns do ceo,

a enorme Terra tivo ao seu fillo menor Tifeo do amor de

Tártaro, coa axuda da dourada Afrodita.
Hesíodo, Teogonía 820-868

O Himno homérico a Apolo fai do monstro Tifaón en Delfos un fillo da arcaica Hera na súa forma minoica, xerado por ela soa, como unha versión monstruosa de Hefesto, parido nunha cova de Cilicia e confinado alí na misteriosa terra de Arimos (A Ilíada, ii. 781-783). Foi en Cilicia onde Zeus loitou co antigo monstro e derrotouno, nunha complicada batalla: Tifón atacou a Zeus coas súas chamas, derrotándoo temporalmente, cortándolle os tendóns e deixándoo nun saco de coiro, o korukos, que é a orixe etimolóxica de korukion atron, a cova Coricia. A rexión de Cilicia, no sueste de Anatolia, tivo moitas oportunidades de relacionarse cos hititas do norte. Walter Burkert advirte algunhas coincidencias próximas desta historia co mito hitita de Iluyanka.

O inveterado inimigo dos deuses olímpicos foi finalmente derrotado por Zeus e arroxado ao Tártaro, ou encerrado baixo o volcán Etna (Esquilo, Prometeo encadeado 370; Píndaro, Píticas, I. 19-20) onde «o seu leito raspa e aguilloa todo o longo das súas costas estendidas contra el», ou noutras rexións volcánicas, onde é o causante das erupcións.

Tifón é pois a figuración ctónica das forzas volcánicas, como Hefesto (Vulcano na mitoloxía romana) é a manifestación olímpica.

Entre os fillos de Tifón con Equidna están Cerbeiro, Ortro, a Quimeira, a Esfinxe, a Hidra de Lerna, o dragón Ladón, o León de Nemea, a Aguia de Prometeo, o Dragón da Cólquida e a Porca de Cromio. Tamén é o pai dos cálidos e perigosos ventos (do grego typhein, 'fumar'), polo que é considerado como unha posible etimoloxía para a palabra «tifón», supostamente tomada polos persas como طوفان Tufân e polos árabes para incluír as tormentas ciclónicas do Océano Índico.

Escritores helenísticos posteriores identificaron a Tifón co deus exipcio Set, e os investigadores relixiosos identifícano co arcanxo Sandalfón.

Ás veces menciónase a un segundo Tifón, fillo do primeiro, idéntico a el e considerado xeralmente un dos Xigantes.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Tifón