Thomas Young

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Thomas Young
A partir dun retrato de Thomas Lawrence.

Thomas Young, nado en Milverton o 13 de xuño de 1773 e finado en Londres o 10 de maio de 1829, foi un científico inglés, que destacou nos campos da física e a lingüística.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Foi o máis novo dos dez fillos dunha familia de cuáqueros. Á idade de catorce anos comezou estudos de grego e latín e posteriormente chegou a dominar o francés, o italiano, o hebreo, o caldeo, o siríaco, o árabe, o persa, o turco e o amhárico. Comezou estudos de medicina en Londres en 1792, mudándose pouco despois a Edimburgo (1794) e a Göttingen (1795) onde obtivo o grao de doutor en física en 1796. Entre 1801 e 1803 foi profesor de física na Royal Institution, pero renunciou a este cargo para que as tarefas docentes non interferisen coa súa actividade médica. O 1802, foi nomeado secretario externo da Royal Society, institución da que o elixiran fellow en 1794.Morreu en Londres o 10 de maio de 1829.

Obra científica[editar | editar a fonte]

Como físico[editar | editar a fonte]

Durande os seus anos como profesor da Royal Institution realizou 91 conferencias sobre moi diversos temas. Estas conferencias foron publicadas en 1807 co título Course of Lectures on Natural Philosophy e contiñan un bo número de anticipacións de teorías que Young había desenvolver con posterioridade.

Young é coñecido polas súas experiencias de interferencia e difracción da luz, demostrando a natureza ondulatoria desta. En 1801 fixo pasar un raio de luz a través de dúas fendas paralelas sobre unha pantalla, que xeraron un patrón de bandas claras e escuras e non simplemente dúas raias claras, o que demostraba a natureza ondulatoria da luz (ver «experimento da dobre fenda»). Young tamén realizou estudos de materiais, propoñendo unha medida da rixidez de diferentes materiais coñecida hoxe como módulo de Young. Foi tamén o fundador da óptica fisiolóxica: en 1793 va explicou a maneira na que o ollo acomoda a vista a diferentes distancias segundo o grao de curvatura do cristalino e en 1801 describiu o defecto óptico coñecido como astigmatismo.

Como lingüista[editar | editar a fonte]

Nun campo de investigación completamente diferente, Young foi un dos primeiros investigadores en traballar no desciframento dos xeroglíficos exipcios. En 1814 traducira por completo o texto en demótico da pedra de Rosetta e poucos anos máis tarde avanzara bastante no coñecemento do alfabeto xeroglífico. En 1823 publicou unha obra sobre os seus descubrimentos en materia de escritura e cultura exípcias. Malia ter dado Young pasos moi importantes non deu determinado o valor dobre de moitos símbolos (á vez como ideograma e como fonograma), que pouco despois conseguiría Jean-François Champollion. Algunhas das conclusións de Young apareceron tamén no artigo sobre Exipto que escribiu en 1818 para l'Encyclopædia Britannica.

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Thomas Young