The Caves of Steel

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

The Caves of Steel é unha novela escrita por Isaac Asimov e publicada no ano 1951. Nesta obra, Asimov introduce a dúas das súas personaxes máis coñecidas, Elijah Baley e Daneel Elivaw, que volverán aparecer no resto de "Novelas dos Robots".

Características[editar | editar a fonte]

A historia sitúase nun futuro no que o ser humano leva séculos espallándose pola galaxia, ata chegar a ter 50 Mundos Exteriores colonizados. No comezo da novela, a colonización está estancada, e a situación dos habitantes destes planetas colonizados (espaciais ou spacers) e dos terrícolas é moi diferente.

Os terrícolas amontóanse nas Cidades, enormes construcións subterráneas que intentan aproveitar os recursos limitados dunha forma eficiente para poder abastecer á cada vez maior poboación.

Os espaciais atópanse nunha situación completamente diferente. Viven en mundos cunha baixa densidade de poboación, gozan dunha lonxeva vida (chegan facilmente aos 300 anos), viven en harmonía cos robots e teñen un elevado nivel de vida.

Argumento[editar | editar a fonte]

Aviso: Esta sección pode revelar detalles da trama e/ou do argumento.

A Elijah Baley, detective do departamento de policía da Cidade de Nova York, encárganlle a investigación dun asasinato no Enclave Espacial, no que viven os poucos espaciais que se atreven a permanecer na Terra. Para resolver o caso, e evitar que os Mundos Exteriores esixan responsabilidade á Terra, deberá traballar cun robot humaniforme, R. Daneel Olivaw.