The Body Politic

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

The Body Politic foi unha revista mensual canadense de temática LGTB, que se publicou entre 1971 e 1987. Foi a primeira publicación gai realmente importante no Canadá.

Características[editar | editar a fonte]

Inspirados polo éxito da marcha ao Parlamento, diversos membros da comunidade gai-lésbica de Toronto botaron a andar unha publicación para todo o colectivo o 28 de outubro de 1971, dous anos despois de que a homosexualidade fose legalizada no Canadá. O seu prezo de venda inicialmente foi de 25 céntimos de dólar canadense. Antes desta revista, publicáranse no país americano outras dúas publicacións, de vida breve, a Gay International e a Two, ambas as dúas editadas en Toronto.

A publicación foi o berce dos Arquivos Gai Lésbicos do Canadá en 1973. En 1975 o grupo de xente que traballaba ao redor do Body Politic botou tamén a andar Pink Triangle Press, unha empresa editora e xornalística canadense que botou a andar moi diversas iniciativas en prensa e televisión ata o día de hoxe. Entre os escritores vencellados a esta publiciación estiveron Gerald Hannon, Stan Persky, John Greyson e Gary Kinsman.

O primeiro anuncio publicitario apareceu no cuarto número da revista. No seu cumio, The Body Politic tivo 3.000 subscritores, un terzo deles fóra do Canadá. Ao longo da súa vida tivo 80 correspondentes regulares en 21 cidades canadenses. Por veces The Body Politic foi controvertido. Foi acusado de publicar material obsceno en dúas ocasións, en 1977 por un artigo de Hannon titulado Homes que queren a rapaces que queren a homes (Men Loving Boys Loving Men), e en 1982, por un artigo sobre fisting. A revista foi absolta nos dous casos, aínda que o material que a policía apreixou no proceso polo artigo de Hannon tardou oito anos en serlle devolto.

A revista deixou de publicarse en 1987, logo de 135 números, despois de que a súa editora botase á rúa o tabloide Xtra! en 1984.