Théophraste Renaudot

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Théophraste Renaudot.

Théophraste Renaudot ou Teofrasto Renaudot, nado en decembro de 1586 na vila de Loudun, cerca de Poitiers (Francia) e finado o 25 de outubro de 1653 en París, foi un médico, xornalista e filántropo francés.

Foi o fundador da publicidade e da prensa francesa polas súas dúas creacións, o Bureau d'adresse (en 1629) e La Gazette, un periódico semanal (o 30 de maio de 1631).

Médico ordinario do rei, foi nomeado "comisario dos pobres do reino".

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Protestante e médico[editar | editar a fonte]

Orfo dunha modesta familia da burguesía protestante de Loudun, contaba cun físico pouco agraciado, o que lle afectou ao longo de toda a súa vida. Cóntase que unha experiencia vivida na súa xuventude o marcou aínda máis. Viu como unha morea de xente batía nun ancián que roubara para comer. Ao intentar defendelo a xente insultouno e, nese momento, propúxose estudar e para aplicar o seu coñecemento axudando aos pobres e aos marxinados sociais. Para intentar axudalos, fixo a carreira de medicina, ao lado dos cirurxiáns de París e na universidade de Montpellier, que daquela estaba aberta aos protestantes.

Médico aos 20 anos, viaxou a Italia, a Alemaña e quizais a Inglaterra. En 1602, enfermou de escrófulas, orixe das cicatrices da súa cara.[1]

En 1609 casa e establécese en Loudun, levando unha vida modesta. Encontra entón ao predicador franciscano François Leclerc du Tremblay, chamado o père Joseph, místico e ardente partidario da Contrarrefoma católica, que o leva a interrogarse sobre a cuestión da pobreza no reino de Francia, que causaba estragos a principios do século XVII. Conseguiu facer chegar á raíña rexente María de Médicis un tratado, Sur la condition des pauvres ("Sobre a condición dos pobres"), que lle valeu obter o título de médico ordinario do rei Luís XIII, en 1612. Favor que foi da noite para a mañá, quizais pola oposición dos devotos católicos entón moi hostís aos protestantes.

Ao servizo dos pobres e do Estado[editar | editar a fonte]

Estatua de Théophraste Renaudot na súa vila natal.

Contra 1625 converteuse ao catolicismo e entrou no Consello de Richelieu. Parroquiano do cardeal, Renaudot é o exemplo mesmo do éxito social dun home talentoso a pesar das súas orixes modestas e protestantes, e no momento en que o reino se empregaba na posta en causa dos dereitos dos protestantes.

En 1628 ou 1629, abriu un Bureau d’adresses (Oficina de enderezos)[2] por un privilexio real. Trataba nel de recoller ofertas e demandas de empregos, co fin de facer chegar un remedio aos pobres e vagabundos sen o concurso da Igrexa, da caridade tradicional ou aínda do encerro dos desgraciados. Durante estes anos, tamén se dedicou a coidar sen ánimo de lucro aos máis necesitados, incluso facéndolles compañía. Tamén empezou a seleccionar as noticias máis importantes da correspondencia co seu amigo Pierre de Hozier para imprimila en pregos e vendela, co permiso e a colaboración de Richelieu.

En 1633, unha ordenanza obrigaba a todos os desempregados a inscribirse na oficina. Esta medida foi acompañada un ano despois coa creación do primeiro xornal de anuncios: a Feuille du bureau d’adresses. A oficina, instalada na illa da Cidade coa insignia do Grand Coq, prosperou e acolleu numerosas actividades. Por tres patacos podían inserirse no xornal proposicións de venda, de aluguer ou de servizos.

Instalou nela tamén un dispensario, de pago para os que podían e gratuíto para os pobres. Alí celebráronse desde 1632 conferencias médicas semanais, e despois variadas, abrindo a era das reunións mundanas e formando a imaxe do "home honesto". Finalmente Luís XIII autorízao, o 27 de marzo de 1637, a abrir un Monte de Piedade no seu bureau d'adresses, que transforma en sala de vendas.

O seu éxito foi tal que, en 1641, puido abrir no Louvre unha sucursal da súa oficina de enderezos. Porén, isto fíxolle gañar moitos inimigos na facultade de Medicina de París.

Un dos fundadores da prensa[editar | editar a fonte]

A Gazzette de France.

Théophraste Renaudot foi un dos precursores da prensa. O 30 de maio de 1631 aparece, co apoio de Richelieu, o primeiro número da súa célebre La Gazette, seguindo así os pasos das Nouvelles ordinaires de divers endroits dos libreiros parisienses Martin e Vendosme, que apareceron algo antes (xaneiro de 1631).

Sostido por Richelieu, que fixo da Gazette un instrumento da súa propaganda política, en 1635 o Estado acordou un monopolio para el e os seus sucesores.[3]

Pouco a pouco a Gazette foi prosperando debido ao éxito que tivo e foron mellorándose a forma (mellor tipografía) e o fondo (contidos ampliados), e a súa tiraxe pasou a ser de centos a miles de exemplares.

A partir de 1632, Renaudot envía ao rei unha vez ao ano unha reprodución de todos os números editados, ao que o rei contestou eloxiando a Teofrasto e recoñecéndoo como un dos homes máis selectos de Francia.

Calidade, abundancia, diversidade xeográfica, concisión e claridade das noticias, a Gazette foi un grande éxito e engadiu, desde 1634, o suplemento Extraordinaires, relatando con detalle os acontecementos máis importantes. En 1611 apareceu o primeiro volume, Mercure François, recompilación dos acontecementos dos anos 1605 a 1610, entre eles o relato da primeira instalación dos franceses no Canadá.

Os irmáns Richer encargáronse da súa publicación até 1635. Théophraste Renaudot continuou esta importante publicación até 1643.[4].

Dificultades coa Fronda. Morte[editar | editar a fonte]

Coa morte de Richelieu en 1642 e a de Luís XIII o ano seguinte, Teofrasto Renaudot perdeu aos seus principais protectores. A Rexencia non puido arriscarse a descontentar aos inimigos de Teofrasto. A Facultade de Medicina obtivo a prohibición das consultas médicas e das reunións no seu bureau d’adresses, e posteriormente a oficina foi clausurada (en 1646). La Gazette sobreviviu, pasando ao servizo de Mazarino, pero a Fronda conseguiu, en 1649, dificultar a súa aparición regular. Renaudot seguiu á corte, cando a fuxida da familia real co fin de protexer ao moi novo Luís XIV, á raíña e a Mazarino a Saint-Germain, deixando aos seus fillos Eusèbe e Isaac a redacción do xornal. O seu monopolio foi entón diminuído pola aparición de títulos rivais en París e nas provincias.

Renaudot foi recompensado pola súa fidelidade co cargo de "historiógrafo do rei". O 25 de outubro de 1653 morreu, á idade de 67 anos, case na miseria e no olvido, a pesar de que La Gazzete foi confiada ao seu fillo maior e de que seguira publicándose como órgano oficioso do Goberno francés até 1762.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Prix Renaudot. Historique.
  2. Bureau d'adresses et de rencontres na illa da Cidade, entre a rue de Calandre e o quai du Marché-neuf, coa enseña do "Grand Coq"
  3. "La presse en France des origines à 1944", por Gilles Feyel, páx. 15, Editions Ellipses, 2007.
  4. Véxase Sagapresse.com

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Duplantier, Raymond (1947): La Vie tourmentée et l’œuvre laborieuse de Théophraste Renaudot (1586-1653). Poitiers.
  • Hatin, Eugène (1885): La Maison du Grand Coq et le bureau d'adresses, le berceau de notre premier journal, du Mont-de-piété, du dispensaire et autres innocentes innovations de Théophraste Renaudot. Paris: Champion éditeur.
  • Lacouture, Jean (2000): Les impatients de l'histoire, grands journalistes français de Théophraste Renaudot à Jean Daniel. Éditions Grasset & Fasquelle.
  • Roudy, Pierre (2005): Théophraste Renaudot journaliste & médecin du peuple. Éditions Le Bord de l'eau.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]