Tartaruga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Testudines")
Tartarugas
(Testudines = Chelonia)
Testudo hermanni hermanni Mallorca 02.jpg

Tartaruga mediterránea
Testudo hermanni Gmelin, 1789

Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Reptilia
Subclase: Anapsida
Orde: Testudines Linnaeus, 1758
Subordes

A tartaruga ou quelonios (Testudines vel Chelonia) [1] conforma unha orde de réptiles que se caracteriza por ter un tronco ancho e curto e unha cuncha, coiraza ou envoltura que protexe os órganos internos do seu corpo, e que está formada por dúas capas —a superior (espaldar) e a inferior (peto ou plastrón), unidas por unha ponte— de ósos planos e que posúe orificios para a saída, por diante, da cabeza e as patas anteriores e, por detrás, das patas posteriores e a cola. Carecen de dentes pero teñen un peteiro córneo para coller e esmagar o alimento.

Características[editar | editar a fonte]

Cuncha e esqueleto[editar | editar a fonte]

Organización dos escudos da coiraza dunha tartaruga.

A cuncha o coiraza é parte máis típica do corpo dunha tartaruga, e ten tanto ósos do esqueleto interno como outros planos e anchos que se orixinan na pel e acaban por soldarse aos primeiros. A parte externa da cuncha, que pode ser continua ou non, está revestida de placas, córneas case sempre, pero hai un pequeno número de especies que están cubertos de pel branda e dura (como, por exemplo, a tartaruga de coiro). A forma e número destas placas serve para a clasificación sistemática das especies desta orde.

A cobertura das tartarugas esta formado por dúas partes: unha superior chamada espaldar ou escudo e outra inferior chamada plastrón ou peto, que poden estar soldadas entre si ou unidas por certos ligamentos elásticos que lle pode dar algo de mobilidade. O espaldar ten 5 series lonxitudinais de placas óseas: unha serie media que vai polas vértebras, dúas placas costais, as máis anchas, e dúas series marxinais. O peto ten catro pares de placas simétricas que levan os nomes de epipeto, epiplastrón, plastrón, xifiplastrón, e unha única placa impar chamada endoplastrón.

O esqueleto da cabeza, ademais de ter interese para a clasificación sistemática, ten características propias como, por exemplo, non ter nunca fosas temporais, carecer de forame interparietal e que o cóndilo occipital aparece trilobulado. Carece de dentes, e no seu lugar aparece unha capa córnea a modo de bico ou peteiro con bordos afiados que serven para cortar os alimentos.

O colo, a cabeza e as patas permanecen sempre fóra do escudo (como nas tartarugas mariñas) ou ben poden retraerse total ou parcialmente dentro del.

Extremidades[editar | editar a fonte]

As extremidades están provistas de cinco uñas, aínda que hai grandes diferenzas entre as distintas especies. As tartarugas mariñas teñen as extremidades anteriores máis longas e fortes que as posteriores, e teñen forma de aleta. As extremidades das tartarugas de auga doce non teñen nunca forma de aleta, pero si posúen fortes uñas e unha membrana interdixital. Nas tartarugas terrestres os dedos das mans e dos pés son moi curtos, con uñas robustas rematadas en punta.

Aparello dixestivo[editar | editar a fonte]

O aparello dixestivo destes animais ten certas particularidades: carece de dentes, a lingua é branda e non protráctil, o esófago ten moitas papilas revestidas de formacións córneas rematadas en punta, e coa punta dirixida cara atrás. O estómago é sinxelo e o intestino ten pouca lonxitude e pode ter cego ou non. Desemboca nunha cloaca ampla, que abre ao exterior a través dunha fenda circular na que verten os seus produtos tanto o aparello excretor como o xenital.

Aparello circulatorio[editar | editar a fonte]

O aparello circulatorio é de tipo reptiliano, non sendo distinto do da maioría dos membros da clase dos réptiles.

Aparello respiratorio[editar | editar a fonte]

O aparello respiratorio presenta características propias deste grupo. Os pulmóns teñen unha estrutura moito máis complexa que nos outros réptiles e a mecánica respiratoria tamén é distinta á dos outros tetrápodos pulmonados. A caixa torácica é completamente inmóbil e a entrada e saída de aire realízase grazas aos movementos en pistón do colo e as extremidades dianteiras. Inflúe tamén o aparello hioideo e a farinxe, a cal ten capacidade de dilatarse. Nas especies acuáticas, a respiración realízase a través dos pulmóns e da cloaca, especialmente de dous sacos laterais desta.

Aparellos excretor e reprodutor[editar | editar a fonte]

O aparello excretor non ten tampouco características moi distintas do resto da clase dos réptiles. O aparello reprodutor masculino, a diferenza doutros réptiles, posúe un sinxelo pene. O aparello reprodutor feminino ten un grande ovario que produce ovos grandes, con moito vitelo e unha casca ás veces calcárea e ríxida e outras branda e apergamiñada.

Sistema nervioso[editar | editar a fonte]

O sistema nervioso tamén segue a pauta da maioría dos réptiles e non posúe características especialmente diferentes. Entre os sentidos predominan a vista, o olfacto e o sentido do tacto.

O oído non parece moi agudo nestes animais. Carece de conduto auditivo externo e nalgunhas especies hai unha membrana timpánica visíbel a ambos os dous lados da cabeza; noutras está cuberta de pel e é invisíbel.

Os ollos non son moi grandes, e teñen a pupila circular e unha esclerótica con moitas placas óseas que semellan un diafragma. Ten tres pálpebras: unha superior, outra inferior e a terceira móvese verticalmente (membrana nictitante).

Distribución mundial das tartarugas

Azul:Tartarugas mariñas, Negro:Tartarugas terrestres.

Modo de vida[editar | editar a fonte]

Segundo as distintas especies, as tartarugas poden vivir fóra ou dentro da auga, algunhas indistintamente, e caracterízanse por ter unha dura cuncha que lle serve de defensa ante os depredadores, posto que de non tela e pola súa gran lentidude serían moi vulnerábeis. O grupo ten cerca de 300 especies e ocupa hábitats moi diversificados como oceános, ríos zonas secas ou bosques intertropicais húmidos.

Reprodución[editar | editar a fonte]

As tartarugas reprodúcense por medio de ovos, que ás veces teñen forma esférica e outras elipsoidal. As femias soterran os ovos, en area ou terra branda, a unha certa profundidade para que os depredadores non poidan alcanzalos. Hai especies que poñen poucos ovos e outras, en cambio, poñen un número moi elevado (máis de cen). A incubación é longa, e baséase na calor ambiental. Neste sentido é interesante o que acontece coas tartarugas mariñas, xa que na época de reprodución se achegan durante a noite a unha praia areosa e alí deixan a posta nun burato que elas mesmas escavan. Cando as pequenas tartarugas nacen teñen que chegar rápido á auga, sendo este uns dos momentos máis perigosos da súa vida, por seren febles e, loxicamente, atopárense expostas a moitos depredadores.

Clasificación[editar | editar a fonte]

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Chelodina longicollis, un pleurodiro, unha das subordes actuais de tartarugas.
Trachemys scripta elegans, común como mascota.
Macrochelys temminckii, un quelídrido.
Chelonia mydas, un quelónido.

Suborde Proganochelydia (extinta)

Suborde Paracryptodira (extinta)

Suborde Cryptodira

Suborde Pleurodira

Algunhas especies coñecidas[editar | editar a fonte]

Tartaruguiñas da especie Trachemys scripta.

En Galiza[editar | editar a fonte]

Tartarugas de auga doce[editar | editar a fonte]

Citáronse en Galiza dúas especies de tartarugas dulciacuícolas ou sapoconchos, aínda que se dubida da autenticidade dunha delas. Son réptiles moi escasos e ameazados, raros de ver na nosa terra, que viven sempre preto da auga, xeralmente de lagoas ou ríos de curso lento con abundante vexetación acuática. A diferenza das tartaurgas terrestres son carnívoras, alimentándose de animais acuáticos e preas (corpos de animais mortos en descomposición):[2]

Tartarugas de terra[editar | editar a fonte]

As tartarugas de terra foron obxecto dun intensísimo comercio que levou case á extinción á maior parte das poboacións salvaxes mediterráneas destas especies. As dúas especies autóctonas da península Ibérica e as illas Beleares, a tartaruga grega ou moura (Testudo graeca) e a tartaruga mediterránea (Testudo hermanni) gozan dese 1973 de protección oficial en España, que prohíbe a súa captura, tráfico e comercio, pero isto non impediu que seguisae a venda e, até hai moi poucos anos case non había en Galiza ningunha horta ou xardín, e mesmo as terrazas das casas, que non tivesen a súa tarttaruga. Estas especies, moi termófilas e propias de zonas secas, como corresponde á súa orixe mediterránea, sobreviven mal no noso país, a pesar da súa proverbial lonxevidade, polo que agora se ven moi poucas.[3]

Cando as dúas especies ibéricas comezaron a escasear no mercado, máis pola case extinción dos espécimes salvaxes que pola eficacia das medidas protectoras, as tendas especializadas en mascotas comezaron a importar especies exóticas, entre elas:[4]

Tartarugas mariñas[editar | editar a fonte]

Ás veces, extraviadas, son ocasionais visitantes das nosas augas varias especies de tratarugas mariñas:[5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. ITIS
  2. Galán (1993), p. 247.
  3. Galán (1993), p. 259.
  4. Galán (1993), pp. 259-266.
  5. Galán (1993), pp. 267-283.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Tartaruga Modificar a ligazón no Wikidata
Wikispecies-logo.svg
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Tartaruga

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Ayres, C. e Cordero, A. (2002): "La situación de los galápagos en Galicia" en Quercus 201: 20-24.
  • Ayres Fernández, C. & Cordero Rivera, A. (2001): "Sexual dimorphism and morphological differentiation in European pond turtle (Emys orbicularis) populations from northwestern Spain" en Chelonian Conservation and Biology 4: 100-106.
  • Cordero, A. & Ayres, C. (2004): "A management plan for the European pond turtle (Emys orbicularis) populations of the river Louro basin (NW Spain)" en Biologia, 59/Suppl. 14, 161-171.
  • Galán Regalado, P. e Fernández Arias, G. (1993): Anfibios e réptiles de Galicia. Vigo: Ed. Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-722-6.
  • Galán, P. (1999): Conservación de la Herpetofauna Gallega. A Coruña: Universidade da Coruña. Servicio de publicacións. Monografía 72.
  • Sociedade Galega de Historia Natural (1995): Atlas de Vertebrados de Galicia. Tomo I. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega / Sociedade Galega de Historia Natural. ISBN 84-87172-89-X.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

En castelán[editar | editar a fonte]

En portugués[editar | editar a fonte]

En inglés[editar | editar a fonte]