Tesouro de Villena

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Conxunto do Tesouro de Villena.
Conxunto do Tesouro de Villena e o do Cabezo Redondo, tal e como se atopan expostos no Museo Arqueolóxico José María Soler.

O Tesouro de Villena é un dos achados áureos máis importantes da Idade de Bronce europea. Está conformado por 59 obxectos de ouro, prata, ferro e ámbar que totalizan un peso de case 10 quilos. Esa magnitude convérteo no tesouro de vaixela áurea máis importante da Península Ibérica e o segundo de toda Europa, só superado polo das Tumbas Reais de Micenas, Grecia.[1] Ademais, destacan as pezas de ferro xa que son as máis antigas achadas en España e corresponden a unha fase na que o ferro se consideraba metal precioso e, polo tanto, atesourable.

Encontrouno en 1963 o arqueólogo villenense José María Soler nas proximidades de Villena (Alacant, España), e desde entón foi a peza clave do Museo Arqueolóxico de Villena. Do seu descubrimento fixéronse eco a maioría dos medios estatais varios do estranxeiro, entre eles de Francia, Alemaña e os Estados Unidos. O orixinal foi exposto en Madrid, Alacant, Tokio e Kioto, e existen dúas copias de todo o conxunto que son usadas para expoñelo sen poñelo en perigo, mentres que o orixinal se conserva permanentemente nunha vitrina blindada do Museo Arqueolóxico de Villena.

O descubrimento[editar | editar a fonte]

Mapa arqueolóxico de termo de Villena, onde aparece o lugar no que se atopou o tesuoro.

Antecedentes[editar | editar a fonte]

A crecente actividade urbanística que se estaba levando a cabo en Villena na década de 1960 levou a buscar lugares dos que extraer grava para fabricar formigón. En outubro de 1963, o albanel Francisco García Arnedo encontrou unha peza metálica entre a grava dunha obra que se estaba a realizar na rúa de Madrid e entregoulla ao capataz, Ángel Tomás Martínez, crendo que se trataba dunha peza da engrenaxe dalgún camión. Dito capataz limitouse a colgalo nun lugar visible onde o dono puidera encontralo. Transcorridos varios días, chamou á atención doutro albanel, Francisco Contreras Utrera, que o colleu e o levou para a súa casa. A muller deste, Esperanza Fernández García, foi quen decidiu levalo ao xoieiro Carlos Miguel Esquembre Alonso o día 22 de outubro de 1963. O xoieiro, ao decatarse de que a peza era un extraordinario brazalete de ouro avisou ao arqueólogo José María Soler, quen inmediatamente se presentou na xoiería. Soler, temendo que o brazalete fora mutilado ou que parte da información fora falsa, puxo o caso en coñecemento do Xuíz de Instrución de Villena. As indagacións empezaron ao pouco tempo, pero non se encontraron circunstancias aclaratorias do achado.

O día 25 de novembro, o mesmo xoieiro avisou a Soler de que chegara ás súas mans outro brazalete de similares características. Neste caso levárao á xoiería a parella formada por Esperanza Martínez Morales e o seu home Juan Calatayud Díaz, transportista de gravas, que aseguraban que a peza pertencía á avoa de Esperanza Martínez. Dado o parecido de ambos brazaletes e ao feito de que o segundo presentaba as mesmas adherencias terrosas que o primeiro, Soler puxo de novo o caso en coñecemento do Xuíz de Instrución. O día 26, antes de comparecer no xulgado, Juan Calatayud apareceu na casa de Soler afirmando que encontrara o obxecto nunha das ramblas próximas da cidade, ao pé da Serra do Morrón. O día 30 de novembro, dentro do marco das dilixencias xudiciais, fíxose unha inspección ocular de dita rambla tras a cal se decidiu escavar na zona.

Escavación[editar | editar a fonte]

Imaxe do tesouro tal como apareceu na vasilla.

A rambla na que apareceran os brazaletes está no val de Beneixama, ao sur da Serra do Morrón, a uns 5 km do casco urbano de Villena. A rambla en si é a parte baixa do Barranco Roch, que toma como nome Rambla do Panadeiro. O día 1 de decembro presentouse alí José María Soler, acompañado dos irmáns Enrique e Pedro Domenech Albero e os seus respectivo fillos. A zona sinalada atopábase preto das ruínas duns barracóns islámicos e alí localizou o equipo unha área duns 30 m² baixo a que podería encontrarse o lugar de proveniencia dos brazaletes. Non deu resultado e dispuxéronse a escavar por estratos unha área con restos de incineración de 1 m². Tampouco se encontrou ren e ás 5 da tarde, xa dispostos a regresar, Pedro Domenech, que se desprazara un pouco, descubriu co seu sacho dous brazaletes e o bordo dunha vasilla.

As circunstancias eran pouco favorables, xa que era noitiña e non se dispoñía dos medios para levantar o achado con garantías, amén de que para Soler a idea de cubrilo de novo para volver o día seguinte era "francamente temeraria". Polo tanto, enviouse aos dous rapaces, Enrique e Pedro, ao encontro do taxi que estaría de camiño para recoller o equipo, cunha nota para o avogado Alfonso Arenas García na que se pedía un fotógrafo con medios de iluminación. Ao cabo de dúas horas, apareceron o avogado, o taxista Martín Martínez Pastor, os dous rapaces e o fotógrafo Miguel Flor Amat, que tomou as únicas fotografías do achado in situ. Despois, montouse a vasilla no taxi e levouse ao despacho de Soler.

Presentación ao público[editar | editar a fonte]

A primeira exposición levouse cabo durante o Nadal de 1963 nas dependencias do Museo Arqueolóxico de Villena. O 27 de decembro de 1963, o ferroviario Pedro Lorente García entregou por propia vontade a José María Soler un terceiro brazalete que o tiña perdido no rocho da súa casa, ao que chegara 4 ou 5 meses antes e que fora identificado pola súa filla como semellante aos do Tesouro tras contemplalo na exposición.

Pezas[editar | editar a fonte]

Conxunto completo das pezas que integran o tesouro de Villena.

O tesouro está formado por 66 pezas, 56 das cales se agrupan claramente para formar 49 obxectos diferenciados. As outras 10 pezas deberon pertencer a obxectos complexos dos que foron arrancadas e é difícil determinar a súa natureza, polo que hai que consideralas como obxectos individuais. Isto dános un total de 59 obxectos cunha cantidade e peso que se distribúen do seguinte xeito:[2]

Obxecto Cantidade Peso (gramos)

Brazaletes de ouro

Brazaletes de ferro

Cuncos de ouro

Frascos de ouro

Frascos de prata

Remate ou broche de ferro e ouro

Botón de ouro e ámbar

Diversos

Totais

28

1

11

2

3

1

1

12

59

5.170,35

31,85

3.508,141

380,97

556,83

50,49

5,84

49,81

9.754,31

Pódese observar a preponderancia de brazaletes, que constitúen case a metade do conxunto de obxectos e supoñen o 54% do peso. Seguen os cuncos, co 36% do peso. Os frascos de ouro e prata supoñen un 6% do total, mentres que os 15 obxectos restantes conforman tan só un 4% de entre todos eles. A seguinte táboa amosa a relación entre os materiais utilizados e o peso dos mesmos entre as pezas do tesouro:

Ouro Prata Ferro Fero e ouro Ámbar Totais
Número de pezas 60 3 1 1 1 66
Peso en gramos 9.112,1252 556,8370 31,8574 50,4958 3 9.754,3154

Claramente o material máis importante é o ouro, cun 91% das pezas e un 93% do peso. A prata ocupa un lugar moi secundario, con tan só o 4,5% das pezas e o 5,7% do peso. As cantidades de ferro e ámbar son practicamente insignificantes.

Tipoloxía[editar | editar a fonte]

Brazaletes[editar | editar a fonte]

Brazalete número 28, un dos máis interesantes do conxunto.

Unha característica principal destes brazaletes é que presentan os extremos separados, a excepción do número 5, que ten os extremos unidos aínda que sen soldar. O diámetro medio é de 58 mm e o peso medio de 184 gr. Segundo Soler, a fabricación dos brazaletes levouse a cabo mediante catro sinxelas operacións:

  • 1ª Fusión, simple ou múltiple, de tiras plano-convexas.
  • 2ª Obtención dos sucos das molduras nas pezas así fundidas, quizais por batido sucesivo sobre molde cortante que deixaría no fondo das rañuras uns pequenos filetes.
  • 3ª Perforación, con cicel ou punzón, dos calados centrais.
  • 4ª Transformación das molduras en aros de puntas por medio dun instrumento adecuado.

Mais, non en todas as pezas se levaron a cabo todas as operacións. As combinacións están recollidas na táboa seguiente:

Peza 2 3 4 5 6 7 8 9 10 11 12 13 14 15 16 17 18 19 20 21 22 23 24 25 26 27 28 29
1ª fase x x x x x x x x x x x x x x x x x x x x x x x x x x x x
2ª fase x x x x x x x x x x x x x x x x x x x x x x x
3ª fase x x x x x x x x x x x x x x x x x x x x x
4ª fase x x x x x

Dado que o dos brazaletes é o grupo máis numeroso, Soler dividiunos en varias categorías segundo a súa morfoloxía:

Lisos[editar | editar a fonte]
Brazaletes lisos número 2, 3, 4 e 5.

Os catro brazaletes lisos (pezas 2, 3, 4 e 5) presentan unha cara interior plana ou lixeiramente cóncava e unha superficie convexa, producindo unha sensación case oxival. Presentan os extremos remachados e unha lixeira dilatación cara ao exterior ou a cara interna. A superficie externa puíuse en todos eles, pero a interior en só dúas. A cara interna de todos presenta sucos acanalados que se corresponden con molduras saíntes, aínda que nalgúns enmascaráronse.

Moldurados sen calar[editar | editar a fonte]
  • Sen puntas

Só hai un exemplo (peza 7), formado por dous aros simétricos de cinco molduras cada un, unidos por unha tira central brunida. Dado ao seu parecido cos brazaletes moldurados con calado simple, crese que está inacabado.

  • Con puntas

Hai dous brazaletes (pezas 25 e 26), derivadas das tiras plano-convexas dos brazaletes lisos. Ambos teñen unha sucesión de molduras desiguais, que conservan a superficie curvada da peza da que proceden. Outras molduras transformáronse en aros de puntas utilizando unha boquilla ou broca, aplicada a intervalos regulares. No brazalete 26, as puntas son cónicas, mentres que no 25 son simples avultamentos romos.

Moldurados e calados[editar | editar a fonte]
Brazalete con calado dobre e sen puntas número 23.

Son a serie máis numerosa, á que pertencen 21 dos brazaletes (75%). O número 6, único no conxunto, consiste en dous aros plano-convexos unidos por unha franxa central calada. Todos os demais presentan un característico perfil ameado na sección transversal.

Calado simple

Son 17 os brazaletes que presentan unha serie de perforacións, obtidas a golpes de cicel na franxa central.

  • Sen puntas

Este grupo está formado por 16 brazaletes (pezas 6, 8, 9, 10, 11, 12, 13, 14, 15, 16, 17, 18, 19, 20, 21 e 22). Todos, excepto o número 6, consisten nunha franxa central calada que une dous aros con tres molduras cada un, a central cadrada e as outras triangulares. Aínda que son idénticos en canto á técnica e aspecto, o tamaño varía moito, desde os 56 aos 384 gr.

  • Con puntas

Só o brazalete número 27 se encadra nesta categoría. Está intensamente brunido e presenta arredor da base de cada punta e nas paredes laterais pegadas do instrumento cilíndrico co que foron moldeadas. En cada suco atópanse 25 puntas, o que dá un total de 500.

Calado dobre

Brazalete número 29, unha das pezas máis fermosas do conxunto.

Existen catro pezas nas que hai dúas filas de calados, unha a cada lado dun elemento central, que en dous casos son aros moldurados e noutros dous, aros de puntas.

  • Sen puntas

As pezas 23 e 24 son case idénticas e presentan unha versión duplicada dos de calado simple. As proporcións son tamén case iguais, a excepción da altura.

  • Con puntas

O brazalete número 28 está formado por dous aros de 5 molduras. A franxa central consta doutro aro rematado con 47 puntas cónicas. Os extremos preséntanse unidos, aínda que sen soldar. A superficie interna está menos puída que a exterior e deixa ver os acanalados correspondentes ás molduras. Podería ser unha versión simplificada do Brazalete de Portalegre e o Brazalete de Estremoz.[3][4]

O brazalete número 29 é, sen lugar a dúbidas, a peza principal do conxunto e unha das máis belas de toda a prehistoria española. A súa composición esencial é a mesma que a da peza anterior, pero o conxunto enriquécese coa transformación de varios filetes en filas de puntas, que son un total de 522 e alternan cas molduras saíntes e os 124 orificios do enreixado central en contraste rítmico pola diferente altitude dos distintos elementos.

Cuncos[editar | editar a fonte]

Cuncos de ouro (pezas 37, 36 e 38).

O conxunto dos cuncos está composto por 11 pezas, que conforman unha vaixela sen parangón da Idade de Bronce ibérica. Todos están construídos con chapa de ouro batido con forma de casquete semiesférico e colo curto en escocia, encaixando plenamente na tipoloxía das vaixelas argáricas. En todos, salvo na peza 31, o diámetro da boca excede ao dobre da altura. En todos eles a decoración é exclusivamente xeométrica e está obtida mediante puntos en relevo levantados cun punzón romo desde o interior.

O cunco número 30 é o único exemplar ovoide e vai ornado con once verdugóns concéntricos que delimitan 11 franxas adornadas con sendas filas de puntos grosos. A súa color é a amarela limón, máis clara que o alaranxado que impera en case todos os demais.

Destaca o cunco carenado número 31 porque o diámetro da boca non excede ao dobre da altura. A súa decoración consiste en 23 círculos de apertados puntos arredor dun máis groso da base. Pola súa forma e decoración parécese ao cunco de Zúric.[5][6]

Os nove restantes difiren só no tamaño e o tema decorativo. O cunco número 32 é o máis simple, cunha decoración de catro franxas concéntricas que alternan con catro lisas e un círculo liso na base.

Os cuncos número 33, 34, 35 e 36 pertencen a unha serie similar, adornados con franxas concéntricas e grilandas entre as dúas máis altas. O número 35, máis pequeno, reduce o número de fileiras, ao igual que o 36, que só posúe catro. O ouro deste último é tamén do tipo amarelento.

Os outros catro cuncos (37, 38, 39, 40) agrúpanse nunha serie con decoración radial. Tres dos exemplares teñen un tema decorativo que Soler denominou "en Y", mentres que o número 37 varíao para convertelo nun tema "en V". O número 40, un dos maiores, ten o círculo basal rodeado dunha circunferencia de puntos grosos.

Frascos[editar | editar a fonte]

Os dous frascos de ouro e un dos de prata (pezas 41, 43 e 42).

Os frascos están divididos en tres exemplares de prata e dous de ouro (pezas 41, 42, 43, 44 e 45). Os cinco teñen a mesma forma, técnica e decoración, aínda que os tamaños varían. O corpo de todos é esferoidal, con aplanamento na base e o colo cóncavo, co bordo liso. A decoración consiste en dúas molduras horizontais e paralelas, que unen outras seis molduras verticais. Da moldura superior parten outras dúas verticais, que se perden a poucos milímetros do bordo. Todas están fabricadas dunha soa peza, sen rastros de soldadura.

O estado de conservación dos frascos de ouro (41 e 42) e o máis pequeno dos de prata (43) eran excelentes. Non obstante, os dous frascos grandes de prata foron moi danados polo peso dos brazaletes e tiveron que ser restaurados en 1963 e 1998.

Broches ou botóns[editar | editar a fonte]

Hai dúas pezas compostas (obxectos 46/47 e 48/50) que teñen en común un pasador solto que atravesa a peza e se abre en dúas ramas polo envés. O maior (46/47) consiste nunha semiesfera oca, de metal fundido, cor chumbo escura, con pátina ou óxido de cor marrón e aspecto ferroso, recuberta dunha fina lámina de ouro. O adorno consiste en oito bandas radiais, sucada cada unha por tres liñas incisas. O resultado é unha estrela de catro puntas. O outro botón (48/50) consiste nun disco de ouro con reborde levantado e orificio central. Na parte interna atópase un disco de ámbar, recollido en fragmentos. A suxeición do ámbar lográbase mediante un pasador cilíndrico que atravesaba as dúas pezas e se abría en dúas ramas por detrás do disco. O extremo visible deste pasado puíuse en busca do efecto decorativo.

Pezas diversas[editar | editar a fonte]

Fragmentos. Supostamente restos dun cetro (obxectos, de dereita a esquerda e de arriba a abaixo, 51, 48/50, 53, 61, 59, 60, 56/57, 55, 62, 63, 64, 65, 46/47, 58 e 52/54).

A peza 51 é un pequeno cunco semiesférico de 5 cm de diámetro, co bordo estreito. Posiblemente, máis que como verdadeiro recipiente, actuaba como revestimento doutro obxecto: o pomo dunha arma, a cabeza dun centro ou bastón de mando, etc.

O obxecto 52-54 está formado por unha peza de ouro con perfil de carrete (52), rematada por unha especie de soporte ou conteira, na que encaixa (53). É unha lámina cóncava, cerrada sobre si mesma por medio de tres cravos, un deles in situ (54). Atópase decorada con tres franxas de seis liñas incisas, que alternan con catro franxas caladas, de cadrados as intermedias e de triángulos apuntados cara aos bordos as exteriores. A peza 55 é unha conteira de ouro similar á anterior.

O obxecto 56/57 trátase dunha peza de ouro similar á número 52 (56), tamén en forma de carrete e cerrada por medio dos cravos, un deles in situ (57). Está constituída por tres tiras paralelas sucadas por cinco liñas incisas e separadas por espazos baleiros rectangulares. Na zona de peche, a lámina prolóngase en dous apéndices triangulares que sobresaen dos bordos da peza, nun dos cales se aloxaba un remache.

A peza 58 é unha peza anular de ouro, lixeiramente troncocónica, formada por unha ancha cinta con tres filas de triángulos calados a cicel. A 59 é unha peza anular de ouro, troncocónica, con lixeira concavidade das paredes. A base menor remata en bordo liso e afinado; a base maior dóbrase nun estreito rebordo descoidadamente recortado. Vai decorada con nove liñas incisas paralelas. A 60 é unha peza de ouro similar á anterior, de cinta máis fina e coa concavidade das paredes apenas acusada, mentres que a 61 é practicamente idéntica ás dúas anteriores.

As pezas de 62 a 64 son case idénticas, e están formadas por láminas de ouro alongadas, cos extremos curvados e aguzados. Recordan o perfil dunha nave. Un dos bordos puíuse e aplanouse en toda a súa extensión. Do bordo oposto emerxen cinco pequenos apéndices remachados. A peza 65 é similar ás anteriores, pero case dous terzos menor, con só tres apéndices ou remaches e sen a acusada curvatura daquelas. A peza 66 é un cravo pertencente, sen dúbida, á peza 52 ou 56. Apareceu solto.

Por último, a peza 67 é un brazalete ou anela aberta, de sección plano-convexa e extremos redondeados ou aplanados. Está composta por un metal de cor chumbo escura, brillante nalgunhas zonas e cuberto dun óxido de aspecto ferroso.

O ouro do tesouro[editar | editar a fonte]

Entre as 66 pezas do tesouro hai tres de prata, dúas de ferro e unha de ámbar. As restantes son de ouro, e delas analizáronse 54 a cargo do doutor Hartmann, do Winterberg-Landesmuseum de Stuttgart (Alemaña) en setembro de 1968. Na táboa seguinte amósase a composición destas pezas (a proporción de prata refírese ao peso total da peza, mentres que os restantes metais exprésanse en porcentaxes sobre o ouro que conteñen):[7]

Peza número prata cobre estaño níquel mercurio
Brazalete 2 aprox. 6 0,26 0,26
" 3 " 6 0,12 0,14
" 4 " 4 0,28 0,14
" 5 " 13 0,34 0,15
" 6 " 8 0,37 0,34
" 7 " 6 0,17 0,15
" 8 " 5 0,22 0,17
" 9 " 7 0,17 0,18
" 10 " 5 0,24 0,28
" 11 " 6 0,22 0,17
" 12 " 4 0,30 0,11
" 13 " 7 0,29 0,29
" 14 " 5 0,19 0,12
" 15 " 7 0,17 0,074
" 16 " 7 0,36 0,12
" 17 " 4 0,04 0,013
" 18 " 8 0,37 0,062
" 19 " 5 0,16 0,28
" 20 " 9 0,27 0,21
" 21 " 11 0,62 0,17 aprox. 0,02
" 22 " 5 0,20 0,35
" 23 " 9 0,64 0,30
" 24 " 6 0,18 0,10
" 25 " 9 0,25 0,18
" 26 " 8 0,13 0,20
" 27 " 9 0,18 0,23
" 28 " 6 0,10 0,031
" 29 5-10 0,24 0,11
Cunco 30 5-10 0,30 0,22
" 31 10-15 0,70 0,18
" 32 5-10 0,18 0,12
" 33 5-10 0,24 0,12
" 34 5-10 0,20 0,086
" 35 * 10 0,26 0,14
" 36 aprox. 4 0,15 0,068
" 37 " 6 0,25 0,087 Sp. (?)
" 38 " 4 0,15 0,12
" 39 " 7 0,16 0,14
" 40 " 7 0,17 0,12
Frasco 41 " 6 0,32 0,16
" 42 " 4 0,16 0,11
Remate 46 " 5 0,92 0,28 0,30
Pasador 47 " 3 0,20 0,17
Montura 48 " 6 0,11 0,18
Remate 51 " 7 0,28 0,064
Peza calada 52 " 11 0,02 0,12
Conteira 53 " 7 0,02 0,16
" 55 " 6 0,58 0,17
Peza calada 56 " 8 0,59 0,14
" 58 " 8 0,25 0,22
Virol inciso 59 " 4 1,20 0,31
" 60 " 5 0,22 0,20
" 61 " 6 0,25 0,20
Lámina 65 " 4 0,05 0,22

Segundo Hartmann, a cantidade de prata que conteñen todas as xoias é de orixe natural e a súa proporción de cobre é a que existe no ouro extraído de areas fluviais. Nin o Segura nin o Vinalopó foron nunca considerados auríferos, pero non se pode desbotar que si o foran noutros tempos. Figueras Pacheco falou dunhas pistas mineiras no termo de Guardamar del Segura,[8] mentres que Juan Bautista Carrasco aduce á estatística oficial para afirmar a existencia de minas de ouro en San Fulgencio,[9] e a explicación do Mapa Xeolóxico de España de 1951 afirma sobre o criadeiro de cobre de Santomera que é "unha masa de bastante consideración de pintas de cobre, cobres rubios, carbonatos verde e azul e, non poucas veces ouro nativo, precisamente en contacto cunha erupción hipoxénica".[10]

Tamén en época antiga se falou da riqueza aurífera desta área. Francisco Diago, por exemplo, comenta que na Serra de Mariola (cun extremo meridional que é a villenense Peña Rubia), tiña Sexto Mario as minas de ouro que o fixeron o home máis rico de España.[11] Ibarra, pola súa parte, comenta de Elx que "nas entrañas da súa terra o metal máis precioso, que desde os primeiros tempos ambicionou o home e que espertaría a súa cobiza ao explotalo en antigas idades, como nos dan elocuente testemuño numerosos traballos levados a cabo na Serra do Molar, en época descoñecida polo remota".[12] Polo tanto, para Soler resulta certo que Cabezo Redondo durante a Idade de Bronce foi un "riquísimo foco cultural capaz de irradiar a súa influencia até rexións moi afastadas".[7]

As pezas de ferro[editar | editar a fonte]

Os dous obxectos de ferro (46/47 e 67) teñen un grande interese xa que se tratan dos obxectos deste material máis antigos aparecidos na Península Ibérica e corresponden a un estadio arcaico do uso deste metal, no que se considera como un metal nobre e, polo tanto, se emprega en elementos de ourivería ornamental, tese que xa apuntou José María Soler.[1]

Intervencións[editar | editar a fonte]

Se ben as pezas de ouro se encontraron en perfecto estado de conservación, non foi así coas de prata, que se viron afectadas pola exposición que sufriron durante uns 3.000 anos ao solo alcalino, a presión do terreo, etc. Todo isto propiciou que as pezas sufriran unha corrosión prolongada e tiveran que recibir unha primeira intervención a cargo de José Serrano Martínez, en especial os dous frascos de prata máis grandes (pezas 44 e 45). Serrano reintegrou as partes faltantes e reforzou as existentes proporcionándolle ás pezas unha estabilidade suficiente xa en 1963. Ao cabo de 35 anos daquela primeira restauración, as pezas comezaron a sufrir os efectos do paso do tempo e algúns fragmentos ameazaban con desprenderse do soporte. O Concello de Villena púxoo en coñecemento da Consellaría de Cultura, Educación e Ciencia da Comunidade Valenciana e a Dirección Xeral de Patrimonio Artístico fixo as xestións para que se levara a cabo a restauración no centro que maiores garantías ofrecera. O elixido foi o Instituto do Patrimonio Histórico Español, dependente do Ministerio de Cultura. As pezas trasladáronse a mediados do mes de abril de 1998 e recolléronse en agosto dese mesmo ano. Nesta nova intervención realizouse a reintegración volumétrica mediante resina con carga totalmente reversible e, finalmente, aplicouse unha capa de protección específica para prata.[1]

Comparacións e cronoloxía[editar | editar a fonte]

Desde o momento do seu descubrimento houbo diversos interrogantes en torno ao tesouro que moitos investigadores, empezando por Soler, intentaron resolver. Estes xiran arredor da súa orixe, cronoloxía, autores, relacións, etc. O primeiro en plantexar posibles respostas foi Soler, que o relacionaba en principio co Tesouriño do Cabezo Redondo, a cuxa poboación adxudicaba como moi probable o ocultamento, dado que os aneis atopados neste lugar gardan moitas similitudes cos brazaletes deste Tesouro. Ademais, a vasilla na que se fixo a ocultación é claramente argárica na súa forma, pasta, cocción, color e espatulado.[13][14][15] Tamén consideraba que os cuncos áureos tiñan enormes semellanzas coas cerámicas tanto do Cabezo Redondo coma doutros xacementos da comarca. Os frascos compáraos coas vasillas excisas do Cabezo Redondo así como cunha xerra encontrada no poboado argárico de San Antón (Orihuela).[16] Tamén atopou paralelismos con outros achados da parte atlántica da Península Ibérica, en especial cos de Portalegre e Estremoz,[3][4] así como coa diadema encontrada en Mira-de-Aire (preto de Peniche).[17] Polo tanto, para Soler non era arriscado supor a fabricación local, sobre todo tendo en conta que hai constancia da existencia de polo menos un ourive en Cabezo Redondo, poboado argárico.[18][19][20][21][22] En canto á cronoloxía, el encadraba o Tesouro nun contexto do Bronce tardío, arredor do 1000 a. C., baseándose no estado de evolución das pezas e da súa decoración con respecto á doutros achados peninsulares e europeos, xa que non é necesaria unha influencia hallstáttica,[6][23][24] que incluso podería darse en sentido contrario,[25][26][27] dado que se cre que o ferro era de uso común na península sobre o século IX a.C.,[28] e hai constancia no Mediterráneo Oriental de que antes de ser usado en masa considerouse un metal nobre.[29] En canto ao ouro, Soler sinalaba que a magnitude do Tesouro de Villena supera a todos os achados áureos da cultura hallstáttica en conxunto, e que o Tesouro do Cabezo Redondo a todos os argáricos, con que foi un importante foco cultural centralizado na comarca de Villena o que fixo que a materia prima chegara até alí. Juan Maluquer fíxose eco de todo o anterior ao afirmar o que segue:

"[o foco villenense] crea a primera vaixela de occidente en ouro e prata con formas orixinalísimas, que en van intentaremos atopar en focos de ourivería europeos, e esa orixinalidade móstrase en todas as súas creacións e principalmente en aneis e brazaletes de ouro macizos, que influirán en amplas zonas de España e de todo o Occidente".[30]

Repercusión[editar | editar a fonte]

O gato Pumby, obra de José Sanchis, mostra o Tesouro de Villena no Parc Ceràmic d'Història Valenciana de Manises (Valencia).
Baldosas de Villena co motivo dun dos frascos do Tesouro.

O lema turístico da cidade, Villena un tesouro!, creouse en referencia a este tesouro.[31]

Recoñecemento[editar | editar a fonte]

O 1 de abril de 2005 foi declarada Ben de Interese Cultural a Colección Arqueolóxica do Tesouro de Villena.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Ministerio de Educación y Cultura (1 2003). "RESOLUCIÓN de 7 de xaneiro de 2003, da Dirección Xeral de Patrimonio Artístico da Consellaría de Cultura e Educación, pola que se incoa expediente de declaración de ben de interese cultural a favor da colección arqueolóxica do Tesouro de Villena." (en español) (pdf). Boletín Oficial do Estado (BOE) (Goberno español) (49): 7798–7802. http://www.boe.es/boe/dias/2003/02/26/pdfs/A07798-07802.pdf. Consultado o 26 de marzo de 2012. "Desde o punto de vista histórico, artístico e arqueolóxico, o Tesouro de Villena constitúe un «unicum», un depósito non normalizado, polo seu peso e contido (A. Perea). De feito, trátase do segundo tesouro de vaixela áurea máis importante de Europa, tras o das Tumbas Reais de Micenas en Grecia (A. Mederos)." 
  2. Soler García, José María (1967). Los tesoros de Villena. Editado por Alacant: Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes, 2005. Outra ed.: Historia 16, Ano VII, núm. 73 (maio 1982), pp. 121-128.. http://www.cervantesvirtual.com/servlet/SirveObras/soler/67920626541281674832457/index.htm. 
  3. 3,0 3,1 Cardozo, Mario (1959). "Joalharia lusitana". Conimbriga I: 13-27. 
  4. 4,0 4,1 Blanco Freijeiro, Antonio (1957). "Origen y relaciones de la orfebrería castreña". Cuadernos de Estudios Gallegos XII (36): 6 e seg.. 
  5. Déchelette, Joseph (1927). Manuel d'Archéologie Préhistorique Celtique et Gallo-Romaine. III. pp. 280. 
  6. 6,0 6,1 Becatti, Giovanni (1955). Oreficerie antiche. 
  7. 7,0 7,1 Soler García, José María (1969). El oro de los tesoros de Villena. Edición dixital: Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes, 2005. Servizo de Investigacións Prehistóricas da Deputación Provincial de Valencia, 22 p. (Serie de trabajos varios; 36). http://www.cervantesvirtual.com/servlet/SirveObras/12920525416710495654213/index.htm. Consultado o 26 de marzo de 2012. 
  8. Figueras Pacheco, Francisco. "Provincia de Alicante". Geografía General del Reino de Valencia (Carreras Candi). 
  9. Carrasco, Juan Bautista (1861). Geografía General de España. pp. 676. 
  10. Dupuy de Lome, E.; A. Almela (1951). Explicación de la Hoja núm. 913 (Orihuela) del Mapa Geológico de España. pp. 77. 
  11. Diago, Francisco (1613). Anales del Reyno de Valencia. I. pp. 136 v. 
  12. Ibarra, A. (1879). Illici, su situación y antigüedades. pp. 27. 
  13. Siret, E.; L. Siret (1890). Las primeras edades del metal en el Sudeste de España. 
  14. Cuadrado Díaz, Emetrio (1950). "Útiles y armas de El Argar". I Congreso Nacional de Arqueoloxía e V Congreso do Sueste: 103. 
  15. Martínez Santa-Olalla, Julio; Bernardo Sáez Martín; Carlos F. Posac Mon; José Antonio Sopranis Salto; Eduardo del Val Caturla (1947). "Excavaciones en la ciudad del Bronce Mediterráneo II de la Bastida de Totana (Murcia)". Informes y Memorias (Comisaría General de Excavaciones Arqueológicas) (16). 
  16. Furgús, P. Julio (1937). "Col·lecció de treballs sobre prehistòria valenciana". Serie de Trabajos Varios (Servicio de Investigación Prehistórica de la Excma. Diputación de Valencia) (5). 
  17. Do Paço, Afonso; Maxime Vaultier (1946). Braceletes de ouro de Atouguia da Baleia (Peniche). 
  18. Soler García, José María (1949). "El poblado prehistórico del Cabezo Redondo". Programa oficial de fiestas del Ayuntamiento de Villena (M.I. Ayuntamiento de Villena). 
  19. Soler García, José María (1952). "Poblado del Cabezo Redondo". Noticiario Arqueológico Hispánico I (1-3): 38-43. 
  20. Soler García, José María (1953). "Un enterramiento en urna en el Cabezo Redondo". Revista Villena (M.I. Ayuntamiento de Villena) (3). 
  21. Soler García, José María (1954). "Cerámica ornada de la Edad del Bronce. Dos interesantes vasijas del Cabezo Redondo". Revista Villena (M.I. Ayuntamiento de Villena) 4. 
  22. Tarradell, Miguel (1962). "El país valenciano del Neolítico a la iberización". Anales de la Universidad de Valencia XXXVI (II): 151-153, 162-164 e 211. 
  23. Maluquer de Motes, Juan (14-XII-63). "El más sensacional hallazgo arqueológico de la Edad del Bronce en Europa. El tesoro de Villena". Gaceta Ilustrada (375): 62. 
  24. Neustupny, Evzen; J. Neustupny (1963). Checoeslovaquia. 
  25. Powell, T. G. E. (1963). "La Europa bárbara". El despertar de la civilización. Stuart Pigott. 
  26. Schüle, Wilhelm (1960). "Probleme der Eisenzeit auf der Iberischen Haibinsel". Jahrbuch des Römisch-Germanischen Zentralmuseums. 
  27. Martínez Santa-Olalla, Julio (1934). "Casco de plata céltico de la Edad del Hierro". Investigación y Progreso (1). 
  28. Maluquer de Motes, Juan (1960). "Bases para el estudio de las culturas metalúrgicas de la Meseta". Primer Symposium de Prehistoria de la Península Ibérica (1959). 
  29. Obermaier, H.; A. García Bellido; L. Pericot (1957). El hombre prehistórico y los orígenes de la Humanidad (6ª ed.). 
  30. Maluquer de Motes, Juan (1967). "Raíces de España". La España de la Edad del Hierro. 
  31. Bettt Wason, «The gypsy's treasure», Horizon vol. IX, n.º 1, New-York, 1967.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Tesouro de Villena