Termas romanas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Termas romanas de Lugo.
Baños públicos romanos en Bath, Inglaterra. Reconstrución posterior da área de baños.

As termas romanas son recintos públicos destinados a baños típicos da civilización da Roma antiga. Os baños das vilas romanas chamábanse Balmes ou balneum, e se eran públicos thermae ou therma.

Estes baños públicos tiñan estancias reservadas para actividades ximnásticas e lúdicas. Tamén eran consideradas lugares de reunión, e a elas acudía a xente que non podía ter un na súa casa, como os plebeos ou escravos. Ás veces os emperadores ou os patricios concedían baños gratis para o resto da poboación.

Termas de Cabezo de Alcalá, Azaila.

Os baños, tanto públicos como privados, estiveron presentes en moitas das civilizacións ao longo da historia. Son numerosas as prácticas relixiosas e sociais, que desde a antigüidade tiveron como acto principal o baño, asociado este á limpeza, tanto hixiénica do corpo como a da alma ou espírito, a purificación.

Na civilización romana a institución dos baños, as termas, era fundamental nos servizos para a cidadanía. As termas públicas romanas respondían a unha función social e política. Foron lugares ideais para a conversa relaxada, o recreo e a relación social. Coidábase o ambiente cunha delicada decoración con frescos, mosaicos e estatuas.

Historia[editar | editar a fonte]

Vista parcial das ruínas das Termas de Caracalla, en Roma.

A finais do século V a. C. as antigas estancias de baño asociadas aos ximnasios gregos perfeccionáronse e creceron en complexidade, converténdose en estancias independentes destinadas só ao baño. Estas estancias ofrecían baños de vapor e piscinas frías, temperadas e quentes.

En Roma, seguindo o exemplo grego, construíronse estancias similares que axiña foron do gusto da cidadanía. Xa non só se realizaban os actos de limpeza e relaxación, así como aqueles medicinais cando as augas tiñan propiedades curativas, senón que se engadía un coidado do corpo que incluía prácticas deportivas e un ritual de masaxes con diferentes substancias como esencias e aceites especiais.

Os restos termais romanos máis antigos dos que hai noticia son as termas de Pompeia, datadas no século II a. C. O uso das termas xeneralizouse no mundo romano a partir do século I a. C., cando o enxeñeiro Caio Serxio Orata descubriu un sistema que permitía quentar e distribuír o aire quente. O seu uso foi difundido polo Imperio romano a toda Europa.

O nome de termas aplícase por vez primeira a uns baños construídos por Agripina a Maior no ano 25. Nerón construíu unhas termas no campo de Marte, as termas de Nerón, das que apenas se conservan restos. As primeiras termas de carácter monumental son as que iniciou Domiciano e inaugurou Traxano, as Termas de Traxano, mais foron amplamente superadas polas de termas de Caracalla, inauguradas no ano 216. As ruínas das termas de Caracalla dan idea do monumental tamaño do complexo termal, que se estendía con servizos como biblioteca ou tendas. Estas instalacións tiñan unha capacidade de mil seiscentas persoas. As termas de Diocleciano, outras das importantes instalacións deste tipo da capital do Imperio, foron remodeladas por Miguel Anxo que converteu o tepidarium na igrexa de Santa María dos Anxos.

Os baños romanos abrían ao mediodía e pechaban co solpor. Nos lugares destinados ao baño había departamentos separados para homes e mulleres; de non haber espazos separados, o establecemento abría unhas horas ao día para mulleres e outras para homes, e só unha vez ao ano as termas eran abertas ao pobo. Nalgunhas ocasións, durante o Imperio, permitiuse o baño conxunto a homes e mulleres. As termas, así como outros espazos públicos da cidade, como o teatro, eran usadas tamén para socializarse e para acoller reunións informais.

Disposición[editar | editar a fonte]

Frigidarium ou natatio das Termas romanas de Caesaraugusta.

As estancias termais eran, dentro da diversidade, similares en todo o Imperio. Normalmente constaban das seguintes estancias:

  • Palestra: patio central ao que se abrían todas as demais estancias, no que se podían practicar exercicios físicos.
  • Tabernae: tendas anexas ás salas de baños, onde se vendían bebidas e comida, que os vendedores pregoaban a grandes voces entre os bañistas.
  • Caldarium: baños de auga quente, o alveus. Era a habitación máis luminosa e adornada. Nas grandes termas había mesmo piscinas onde se podía nadar. Nas máis pequenas, o baño tomábase en bañeira ou depósitos de auga quente chamados labra.
  • Frigidarium: baños de auga fría. Nas grandes termas o frigidarium estaba descuberto e incluía entre as súas instalacións unha gran piscina na que practicar a natación (Natatio).
  • Tepidarium: habitación de temperatura morna que preparaba o bañista para a de auga quente.
  • Apodyterium: vestiarios. Habitación próxima ao pórtico da entrada onde os bañistas deixaban as súas roupas. Había un banco corrido e na parede uns ocos sen portas nas que se depositaban as roupas e os obxectos persoais, que quedaban vixiados por un escravo.
  • Laconicum: baño de vapor.
Detalle do hypocaustum das termas de Vaison-la-Romaine, Francia.

Os recursos hidráulicos eran traídos mediante a rede de acuedutos que adoitaban ter as cidades romanas. O interior das estancias e as piscinas de auga quente realizábase mediante o sistema de hypocaustum, baseado na distribución de auga quente e vapor mediante túneles e tubos que se estendía por baixo do chan das estancias e piscinas, e alimentado por unha serie de fornos situados nos sotos.

Termas romanas en Galicia[editar | editar a fonte]

A maior parte das termas construídas en Galicia estaban baseadas en mananciais de augas termais que en moitos casos tiñan compoñentes medicinais. Dous casos urbanos que se seguen a usar son As Burgas de Ourense e as termas romanas de Lugo. As termas romanas de Cuntis estaban a carón do actual balneario. As termas romanas de Carballo foron escavadas a finais do século XVIII, e están soterradas no núcleo urbano[1]. Había tamén termas nalgunhas villae dentro da muralla de Lugo.

Noutros casos construíronse villae a carón de mansio das vías romanas. Así, na Vía Nova (Vía XVIII do Itinerario de Antonino) construíuse unha mansio entre as termas romanas de Bande e o campamento de Aquis Querquennis, nos Baños (Bande). A seguinte mansio indo desde Braga cara a Astorga era Aquis Originis, en Río Caldo (Lobios).

Outras termas romanas eran as da villa de Noville[2] (en Mugardos, a carón do mar), en Vilar de Eimil (Gondaísque, Vilalba) e en Castrelo de Miño[3], xunto ao río Miño.

Consérvanse algúns outros hidrónimos (topónimos relacionados coa auga) relativos ás termas e baños, como Baños de Molgas, Caldelas de Tui ou Caldas de Reis.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "As termas ocultas de Galicia", artigo en Cultura Galega, 3 de outubro de 2013.
  2. Pérez Losada, F. et allii (1997): "Sobre a villa romana de Noville (Mugardos): síntese científica-divulgativa e valoración patrimonial", en Ferrolterra Galaico-Romana, p. 85-136.
  3. Vila romana de Noville na páxina web colaborativa Patrimonio Galego.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]