Teoría do dominó

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A teoría do dominó, ou tamén chamada de efecto bóla de neve, aplicado na política internacional, establece que, se un país entra nun determinado sistema político, arrastrará os outros da súa área cara a esa mesma ideoloxía.

Non se sabe con certeza o ideólogo desta teoría; pero adoitase nomear o político estadounidense John Foster Dulles e a Doutrina Truman, que vaticinaban que o comunismo podería expandirse por todo o mundo se non se lograba deter a espiral.

Ilustración da teoría do dominó en Asia.

Antecedentes da Teoría[editar | editar a fonte]

Esta teoría naceu durante a Guerra fría ante a observación de varios sucesos que parecían corroborala.

Antes e durante a Segunda Guerra Mundial sucedeu un contaxio de ideoloxías en Europa. Ben por propia iniciativa, como Hungría ou Romanía, que adoptaron gobernos profascistas ou pronazis;[1] ou ben pola forza, como a Francia de Vichy, Noruega, España ou os Países Baixos. Outro exemplo era a ideoloxía comunista que estendía a República Rusa (pouco despois rebautizada como Unión Soviética tras incorporar a Rusia dos Soviet varios territorios máis) ao anexionar países que formaran parte do Imperio como Ucraína, Bielorrusia ou as Repúblicas Bálticas.

Estes fenómenos mencionáronse como antecedentes, Jonathan Schell comenta que durante a guerra de Vietnam poñíanse como exemplo en varias ocasións para vaticinar o que pasaría se Vietnam do Sur caía fronte ao comunismo.[2] Non obstante, ditos casos son antecedentes e non a base da Teoría; principalmente porque Estados Unidos, o formulador da mesma, non era unha potencia mundial antes da Segunda Guerra Mundial.

Inicios[editar | editar a fonte]

Alianzas mundiais en 1958.

Antes sequera de ter capitulado o Eixe as tensións entre os vencedores eran xa patentes, especialmente tras o Cumio de Potsdam e a cancelación do Cumio de Washington. Churchil e Truman vían á Unión Soviética de Stalin como un aliado pouco fiable (o Gran Can Vermello, como o chamaría o xeneral Curtis LeMay anos despois) con constantes roces, problemas en Berlín e unha política inflexible sobre as súas demandas nos cumios de Teherán e Ialta.

Nos cumios mencionadas, a URSS comprometerase a celebrar eleccións nas nacións ocupadas tras a Guerra para que decidiran os seus gobernos; pero estas eleccións a veces non se levaron a cabo. Desta forma, ás nacións invadidas pola URSS sumáronse Albania e Iugoslavia, mentres en Asia a comunista Corea do Norte ameazaba con arrastrar á súa veciña do Sur. Parecía ser a constatación do que afirmara Truman durante a Guerra Civil de Grecia: se un ou varios países caían baixo a pouta do comunismo, arrastrarían aos seus veciños.

Nos anos seguintes, as dúas potencias trataron de atraer as nacións Non Aliñadas ao seu bando. Estados Unidos parecía ter as de gañar polo seu poderío armamentístico, especialmente nuclear, económico e cultural fronte á URSS; pero os acontecementos non transcorreron nesa dirección. A China Nacionalista era derrotada por Mao Zedong, en 1950 esta nación invadía o Tíbet, a guerrilla comunista malaia facía grandes progresos fronte aos ingleses, en Indochina Ho Chi Minh abrazaba o comunismo e Indonesia estaba a piques de pasar ao lado comunista; esta foi a gota que colmou o vaso para lanzar os programas Mercurio, Xéminis e Apolo.[3]

Isto parecía indicar que, pese á aparente superioridade norteamericana, existía un certo contaxio duns países a outros, contaxio que ameazaba con rodear todo Estados Unidos de países comunistas.

Parar a Teoría de Dominó[editar | editar a fonte]

Para as sucesivas administracións norteamericanas, a Teoría do Dominó converteríase nunha prioridade na súa axenda de política internacional e realizaron todo tipo de accións nos cinco continentes para neutralizala.

Europa e a creación da OTAN[editar | editar a fonte]

O gran perigo de que o comunismo se estendera por unha das rexións máis desenvolvidas e prósperas do Planeta era sentido como máis que posible polos estadounidenses e os propios europeos.

A resposta foi dobre:

  • O Plan Marshall para evitar a fame e o desemprego nas nacións aliadas. Se estes efectos da guerra non se corrixían, a forza dos partidos comunistas podía chegar a romper o equilibro de forzas e arrastrar a holandeses, alemáns, belgas, etc. cara ao comunismo.
  • A OTAN foi creada, como di un dito, “para deixar a Rusia fóra, a Francia dentro e a Alemaña boca abaixo”. Nesta alianza no só entraron nacións democráticas senón tamén outras de dubidoso comportamento como Turquía ou Grecia que incluso chegaron a ter choques por Chipre; pero ditas tensións resultaban secundarias fronte ao principal obxectivo, deixar fóra a Rusia.[Cómpre referencia]

América e o TIAR[editar | editar a fonte]

A gran diferenza entre ricos e pobres, case endémica na maior parte do Continente, e a gran acumulación de terras e riquezas en mans de poucas familias en sistemas case feudais, foi un dos maiores motivos para a aparición de movementos revolucionarios comunistas.

A principios do século XX, Estados Unidos xa mostraba o seu carácter de potencia continental, máis tarde mundial, e non desexaba que esa rexión puidera escapar do seu control. O seu exército realizara incursións en México ou O Salvador e especialmente Panamá durante os chamados os anos yankis.[4]

Pero a situación cambiou cando comenzaron a xurdir movementos guerrilleiros inspirados nos logros obtidos por Vo Nguyen Giap na Indochina. Tras a derrota en Vietnam, o movemento foi moito máis claro e numeroso, o que alarmou enormemente a Estados Unidos.

  • O apoio da Guerra Sucia: Estados Unidos fomentou numerosos gobernos ditatoriais, adestrou oficiais como Galtieri ou Pinochet na Escola das Américas e enviou miles de asesores aos países americanos para combater os movementos comunistas.

Asia e a ASEAN[editar | editar a fonte]

Coa sinatura dos Acordos de Xenebra de 1954, catro novos países entraban na disputa internacional entre bloques: Camboxa, Laos, Vietnam do Norte e Vietnam do Sur. Todas estes países tiveran disputas e guerras antes da colonización francesa. Tamén constituían unha fonte de materias primas estratéxicas e uns portos de grande utilidade para a flota da URSS (escasa de instalacións navais en mares cálidos). As dúas superpotencias desexaban os recursos naturais daquela rexión e aínda máis privar ao seu adversario dun aliado estratéxico. De todos os países o único comunista era Vietnam do Norte e temíase que de continuar a súa expansión todos os demais caerían.

  • En Laos as divisións norvietnamitas que o cruzaban pola Ruta Ho Chi Minh ameazaban cada vez máis a independencia laosiana. Estados Unidos apoiou ao réxime pro occidental laosiano, enviou cartos, pagou mercenarios, distribuíu axuda pola súa aeroliña Air America e o Exército de Vietnam do Sur invadiuno para castigar o Exército de Vietnam do Norte. Pero nada diso funcionou e as tropas norvietnamitas acabaron controlando o país, que chegou a ser case un protectorado vietnamita sen unha política exterior propia.
  • A caída de Camboxa: o movemento guerrilleiro camboxano dos Khmeres Vermellos xa loitaba contra o goberno pro estadounidense desde facía anos, a invasión por parte de Estados Unidos e os bombardeos da súa aviación acabaron de poñer a gran parte da poboación do lado dos comunistas. Estados Unidos enviou cartos, artillería, aviación, asesores... pero tamén resultou inútil especialmente pola gran corrupción do goberno camboxano. A capital caeu en mans dos comunistas o 15 de abril de 1975 e comezou o xenocidio camboxano.
  • A caída de Vietnam do Sur: o 30 de abril de 1975 Saigón era tomada polos carros de combate nortvietnamitas e producíase a reunificación do Sur co Norte, aínda que outras fontes prefiren o termo anexión.

Coa caída de Vietnam do Sur toda a Península Indochina agás Tailandia era comunista, o que parecía dar verosimilitude á Teoría.

En 1967 fundouse a Asociación de Nacións do Sueste Asiático (ASEAN polas súas siglas en inglés) formado por Tailandia, Malaisia, Singapur e Filipinas e en 1984 Brunei, para promover o desenvolvemento conxunto nesa zona. Pero a progresiva agresividade de Vietnam na zona fixo que se fora convertendo máis nunha organización de protección mutua.[5]

África[editar | editar a fonte]

Tras as primeiras emancipacións nos anos cincuenta, sobre todo de países do Magreb, veu a gran cascada de independencias protagonizadas por países subsaharianos, converténdose estes nalgúns dos máis cobizados.

Pese ao seu espírito de nacións non aliñadas, a situación pareceu ir decantándose cara ao bloque comunista máis que cara ao capitalista. Esta progresión podemos vela no feito de que a finais 1950 só unha nación, o Exipto de Nasser, estaba claramente aliñada co bloque soviético e ningunha outra se pronunciara pro-occidental, mais, en 1983 Estados Unidos recuperara Exipto como aliado, como tamén Somalia e Marrocos (construíndo e financiando os seus muros para conter a Fronte Polisario).[6]

Fronte aos avances estadounidenses, a URSS lograra como aliados a: Alxeria, Malí, Mauritania, Etiopía, Congo Brazaville, Angola, Libia, Mozambique e outros países como a Tanzania do intelectual Julius Nyerere[7] e as prósperas illas Seychelles manifestábase socialista[8] pese a non permitir usar nin crear bases aéreas, navais e aporte de asesores militares.[9]

Contabilizando os países non pode dicirse que a posición estadounidenses fose mellor que a soviética, e os seus dirixentes sabíano. Pero ao contrario que nos outros continentes, en África non se creou unha organización para deter o comunismo; máis ben se probaron un conxunto de accións que permitiran parar aquela decantación polo leste. Entre elas pode citarse:

  • Apoio a Sudáfrica: Estados Unidos decidiu apoiar este país, un dos seus poucos aliados, comprometido e implicado coa causa anticomunista, pese a contar cun réxime racista (o apartheid) que recordaba en parte ás prácticas levadas a cabo no seu país, como ceder o asento aos brancos nos transportes públicos ou o lema de vivir xuntos pero separados. Sudáfrica tivo acceso ás armas francesas e inglesas, ás investigacións de calquera tipo, á colaboración nuclear con Israel, país que recibira a súa tecnoloxía atómica de Estados Unidos, etc. Pola súa parte o goberno de Pretoria fixo o seu traballo financiando a guerrilla capitalista de RENAMO en Mozambique e colocando en serios apuros ao goberno de Angola con incursións continuas no seu territorio durante a Guerra da Fronteira.
  • Apoio a ditadores nas súas pretensións territoriais: neste punto temos os xa mencionados muros móbiles de Marrocos para protexer o Sahara Útil dos ataques polisarios, ditos muros foron un derivado da Liña McNamara probada na fronteira de Vietnam do Sur co seu veciño do Norte. Do mesmo mediou nas relacións entre Israel e Exipto para que este recuperara a península do Sinaí, perdida ante aquel.
  • Financiamento de calquera líder disposto a unirse á súa causa: desta forma auténticas bestas, [10] foron ou ben financiadas para manterse no poder ou ben apoiadas para obtelo ou as dúas cousas. Un caso pode ser o zairés Mobutu Sese Seko que implantou un réxime de terror e ao final foi derrotado polos seus opositores na Primeira Guerra do Congo ou o ugandés Idi Amin Dada, xenocida e caníbal, ou o sanguinario angoleño Jonás Savimbi que non podía vivir nun país en paz.[11] Por esta estratexia Estados Unidos e outros países occidentais tiveron que ver a persoas que:
    se outorgaron títulos altisonantes, como Líder de Aceiro, Señor das Bestas da Terra e da Agua, e Milagre Único; fixéronse transportar en cadeira xestatoria; obrigaron aos seus pobos a dirixirlles pregarias; colgaron os seus retratos en escolas, igrexas, tabernas e bordeis, e deron o seu nome a rúas, universidades, illas e lagos[10]

Desta forma, Estados Unidos debía soportar os caprichos e a veces as psicopatías de estes líderes e responder ás acusacións de ONGs, periodistas e cidadáns, coñecedores da situación, de apoiar a carniceiros con condutas como comerse as vísceras dos seus inimigos, trasladar a capital do seu país a un remoto poboado da selva ou depositar o tesouro do banco nacional no rocho da súa casa.[10]

Era certa a Teoría do dominó?[editar | editar a fonte]

Os bloques en 1980.

Dividindo o mundo en dous bloques sen fisuras, comunistas e capitalistas, e mirando o sueste asiático, a Teoría do Dominó parece ser certa. Mais esta visión dun mundo occidental obrigado a defenderse do oriental, sostida por moitos políticos estadounidenses, especialmente o presidente Ronald Reagan,[12] resulta en exceso simplista:

  • O comunismo demostrou non ser unha ideoloxía uniforme e nos anos 60 dividiuse entre leninistas, maoístas, trotskistas e eurocomunistas democráticos, con graves enfrontamentos entre eles.
  • Publicacións como o Times afirman que o desexo da URSS non era dominar Estados Unidos e os seus aliados, senón chegar a obter unha posición o suficientemente forte como para obrigar a estes a deixar a súa política de captación e ter que defenderse, cousa que non chegou a conseguir.[13]

Analizando o mesmo caso que se pon como exemplo, Indochina,[5] Camboxa e Vietnam nunca mantiveron boas relacións e, tres anos despois do seu paso ao comunismo, as dúas nacións estaban enfrontadas pola invasión de Camboxa. Así mesmo, Tailandia mantívose firmemente pro occidental e repeleu os enfrontamentos que viñeron da Kampuchea ocupada. Por último, China invadiu o norte de Vietnam. Co que non se pode dicir que formasen unha fronte unida contra o capitalismo.

Mentres, en Europa, Albania comezou a separarse de Moscova até o abandono do Pacto de Varsovia, opción que non estaba nin contemplada nos estatutos de dita organización. Tampouco a Iugoslavia de Tito foi un país moi afín á esfera soviética, pese a ser comunista. Incluso Stalin declarou nunha ocasión que só lle facía falta mover o dedo meiniño para acabar con Tito.

As friccións e enfrontamentos entre os distintos países era o que non tivo en conta esta teoría, ademais de non aplicarse só á URSS.

O Teoría do dominó na actualidade[editar | editar a fonte]

A fin da Guerra Fría e, con el a fin do medo á expansión comunista, supuxo o final desta teoría, pese a que nunca chegou a demostrarse.

Aínda que xa non se cita con este nome, a idea de que un ou varios países poidan adoptar determinado réxime político polo feito de que un veciño o fixera segue viva nas análises internacionais. Por exemplo, a principios do século XXI e tras os atentados do 11-S, Estados Unidos centrou a súa atención nos países musulmáns, especialmente árabes. Todos eles ditaduras de maior ou menor dureza. Antes e despois da Invasión de Iraq, un dos argumentos a favor esgrimidos pola Administración Bush e moitos xornalistas e expertos en política internacional consistía nas supostas vantaxes de converter unha nación árabe nunha democracia. Así, explicaban os defensores desta idea, que tras a invasión en Iraq se establecería un réxime democrático, con estado de dereito e liberdades constitucionais. As vantaxes para a poboación serían evidentes e moitos pobos veciños quereríanas para si mesmos; provocando un efecto dominó nos seus gobernos. Tamén, como no período da Guerra Fría, esta idea é acusada de falta de visión sobre os países da área.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Soler, David, "El Conductor de Rumania", nº 91 de La aventura de la Historia, maio de 2006, Arlanza Ediciones, Madrid, ISSN 1579-427X
  2. Shell, Jonathan, En primera línea, Galaxia Gutenberg, Barcelona, 1988, ISBN 84-8109-600-8
  3. Carl Sagan, Un punto azul pálido, Editorial Planeta, Barcelona, 1996, ISBN 84-08-01645-8
  4. "Panamá", Historia y Vida, Barcelona, La Vanguardia, xullo de 2006
  5. 5,0 5,1 Varios, Nam, Crónica de la Guerra de Vietnam, Barcelona, Planeta De Agostini, 1988, ISBN 84-395-0766-6
  6. Solar, David, Sin Solución. Sáhara, 30 años de conflicto, nº 89 de La aventura de la Historia, Arlanza Ediciones, Madrid, marzo de 2006
  7. Alí A Mazrui, Un jardín del Edén en decadencia, Los africanos - una triple herencia, BBC/Weta Tv, Londres/Lagos, 1986
  8. Staff Writer, "No" a los países ricos y africanos, http://www.afrol.com/es/articulos/22556, 10 de novembro de 2006, Afro News, Kroederen, consultado o 2 de abril de 2012
  9. Varios, nº 1 de Guerras en la Paz 1945 - 1983, Editorial Delta, Barcelona, 1983
  10. 10,0 10,1 10,2 Sanches Piñol, Albert, Payasos y montruos: Bokassa, Idi Amin Dada, Mobutu Sese Seko: Dictadores africanos que se creian dioses, Aguilar, S.A. de Ediciones-Grupo Santillana, Madrid, 2006, ISBN 84-03-09709-3
  11. Caranci, Carlos, "Angola: termina la guerra de Sabimbi el irreductible", nº 44 de La aventura de la Historia, Arlanza Ediciones, Madrid, xuño de 2002, ISSN 1579-427X
  12. Carrascal José María, "Es mi héroe", nº 93 de La aventura de la Historia, Arlanza Ediciones, Madrid, xullo de 2006, ISSN 1579-427X
  13. Varios, Historia de la Guerra - The Times (Atlas), La esfera de los libros, Madrid, 2006, ISBN 84-9734-505-3