Teatro xesuíta

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Representación teatral no colexio xesuíta de Clermont (Francia) con ocasión do aniversario de Lois XIII.

Denomínase teatro xesuíta a un xénero dramático representado nos colexios da Compañía de Xesús entre mediados do século XVI deica o XVIII como método pedagóxico que formase os alumnos na retórica ao tempo que instruía na doutrina católica. Inspirábanse nos recitados bíblicos ou haxiográficos cun elemento moralizador moi marcado, ao comezo eran modestas representacións anuais pero ao longo do XVII convertéronse en producións elaboradas, que competían co teatro profano, convertéronse en acontecementos sociais locais ao que asistían as elites das localidades onde se situaba o colexio.

Historia[editar | editar a fonte]

A primeira representación da que se ten noticia foi no colexio xesuíta de Messina (Sicilia) en 1551[1] e era pouco máis que un exercicio de declamación para os estudantes, que se foi estendendo por outros colexios xesuítas, e para fins do século e principios do XVII case todos os colexios da orde contaba cando menos cunha representación anual, polo xeral ao fin de curso cando se concedían os diplomas escolares. No Ratio Studiorum (1599), o documento que define os fundamentos do sistema educativo dos xesuítas, o teatro figura cunha especial importancia. Nesta primeira época do teatro xesuíta as pezas eran en latín e sen personaxes femininas, representándose nas igrexas dos colexios.

Ao longo do século XVII e sobre todo a partir da segunda metade as obras comezan a representarse nas linguas vulgares, e no exterior ou nunha sala de cerimonias; os temas secularízanse malia que permanece a fin moralizadora, introdúcese a coreografía e os papeis femininos, aínda que interpretados por mozos, mesmo póñense en escena comedias. No século XVIII os espectáculos convértense en fastuosos, adquirindo unha moi grande importancia na vida escolar dos colexios xesuítas, o latín pasa a ser minoritario nas representacións, e as alusións á vida contemporánea aumentan grandemente.

A prohibición dos xesuítas en varios países europeos a partir da segunda metade do XVIII e supresión da orde polo papado en 1773 puxo fin a esta tradición teatral.

Galicia[editar | editar a fonte]

En Galicia o primeiro colexio xesuíta é o de Monterrei, existindo constancia de representacións teatrais en 1558, tres anos despois da súa creación. As interpretacións eran actos sociais, ás que podían acudir relixiosos doutras ordes, familiares dos alumnos, autoridades locais e público xeral, realizándose tamén actuacións extraordinarias para agasallar a visitantes ilustres e cando menos os colexios de Santiago de Compostela e Monforte de Lemos realizaban tamén postas en escena teatrais. Só se conserva unha obra escrita para ser representada nos colexios xesuítas galegos, a Égloga de Virgine Deipara de 1581 en latín, castelán, portugués e galego.[2]

Notas[editar | editar a fonte]