Teatro de Dioniso

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Teatro de Dioniso na Acrópole de Atenas.

O Teatro de Dioniso foi o maior teatro da antiga Grecia, situado aos pés da parte sur da Acrópole de Atenas e formando parte do témenos de Dioniso. Dedicado como o seu nome indica ao deus do viño e do teatro, Dioniso, inicialmente representábanse en honor do deus cantos e danzas rituais arredor do altar dos coreutas e os espectadores sentábanse arredor, ata que foi evolucionando ás traxedias clásicas de Esquilo, Sófocles, Eurípides e ás comedias de Aristófanes. Arredor do ano -407 o costume era que despois da representación tráxica se fixese un drama satírico; o tempo das representacións alongábase ata unhas nove horas e a entrada era gratuíta.[1]

plano do teatro de Dioniso.

Foi construído durante o Século -VI, cunha capacidade para 17.000 espectadores. Os actores estaban colocados nunha plataforma, había unha parte interior onde se cambiaban de indumentaria, e os espectadores colocábanse na pendente da lomba, lugar onde se adoitaba construír os teatros. A finais do Século -V substituíronse as primitivas plataformas de madeira por gradas de pedra. Tiña 64 gradas divididas en dous niveis por un corredor semicircular. Na parte central das primeiras gradas había 67 asentos que foron realizados, posteriormente, en mármore decorado e estaban reservados para os sacerdotes e personaxes ilustres.[2] A maioría deles consérvase na actualidade, entre as ruínas que perduran.


Notas[editar | editar a fonte]

  1. DD.AA., (1987), Crónica de la Humanidad, Barcelona, Plaza y Janés Editores, p.139, ISBN 84-01-60699-3
  2. Devambez, Pierre, (1972), Dicionario de la civilización griega, Barcelona, Ed. Destino, p. 446, D.L. B.26323-72