Teatro épico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O teatro épico, ou teatro da alienación, é unha forma de escrita teatral e estilo de escenificación, un intento de crear un teatro ideolóxico para chegar a ser instrumento de propaganda. É un tipo de teatro que plasma o "narrar escénico" con recursos específicos da narrativa presentándose unha historia dramática con efectos antiilusionistas. Apareceu a mediados do século XX e está ligado ao dramaturgo alemán Bertold Brecht mais tamén ás teorías e prácticas de Erwin Piscator, Vladimir Maiakovski ou Vsevolod Meyerhold aínda que Brecth unificou moitos conceptos que foran aparecendo desde había tempo, mesmo séculos, desenvolveu o estilo e popularizouno. O seu termo preferido era teatro dialéctico, para enfatizar así o elemento do enfrontamento e a discusión.

Obxectivos[editar | editar a fonte]

O teatro épico asume que o propósito dunha peza teatral, máis que entretemento ou imitación da realidade, é presentar ideas e convidar o público a xulgalas. Os personaxes non tentan imitar persoas reais, senón representar os lados contrarios dunha discusión, arquetipos ou estereotipos. O público debería ser sempre consciente de estar a contemplar unha obra e debería manter unha distancia emocional coa acción; Brecht describiu o seu ideal como Verfremdungseffekt, que se ten traducido como "efecto de alienación", "efecto de desfamiliarización", ou "efecto de estrañamento". É o contrario da suspensión da credulidade.

Tratábase, en boa medida, dunha reacción contra outras formas de teatro populares, en concreto o drama realista preconizado por Konstantin Stanislavski. Como Stanislavski, Brecht aborrecía o espectáculo superficial, os argumentos manipulativos e as emocións disparadas do melodrama. Mas onde Stanislavski tentou espellar o comportamento humano real a través das técnicas do seu Sistema Stanislavski e mergullar a audiencia totalmente no mundo da obra, Brecht víao como outra forma de escapismo. O foco social/político do teatro épico afastábase tamén das teorías radicais de Antonin Artaud, que procuraba afectar o público nun nivel completamente non racional.

Técnicas[editar | editar a fonte]

Os seus recursos perseguen unha postura antiilusionista para manter "esperto" ó espectador, quen deberá ter sempre presente que a representación é un xogo. Pódense establecer dous tipos de recursos: recursos de escenificación e recursos de narrativización.

Narrativización[editar | editar a fonte]

Os de narrativización son os que interrompen o xogo dramático, a acción e o diálogo, introducindo técnicas verbais de estruturación característicos da narrativa:

  • Relato de mensaxeiro, intervencións de coro (intervencións por parte dalgunha figura).
  • Intervencións de narradores ou comentaristas para guiar o público.
  • Prólogos, epílogos, discursos intercalados.
  • Mestura de verso e prosa, linguaxe elevada xunto a coloquialismos e vulgarismos.
  • Recórrese ó "a parte" para lembrar ó público (ironía, alusión directa) que está vendo un xogo ou ficción.
  • Intervencións musicais.

No seu papel, os actores deben representar os seus personaxes cribelmente, mais sen convencer ao público ou a eles mesmos de que son realmente os personaxes. Os actores diríxense con frecuencia ao público saíndose do personaxe ("rachando a cuarta parede") e representan varios papeis. Brecht consideraba importante que as escollas que fixesen os personaxes fosen evidentes, e tentou desenvolver un estilo de actuación no que se fixese evidente que os personaxes escollían unha acción de preferencia sobre outra. Por exemplo, un personaxe podía dicir "Podía ter ficado na casa, pero en vez diso fun ás tendas".

Brech acuñou o termo Gestus para se referir á actitude ou xesticulación que representa a condición do personaxe independente do texto. Baseouse na observación do teatro chinés: cando o actor Mei La Fang representaba un papel que requiría que o seu personaxe se asustase, simplemente puña unha guedella de cabelo na boca e todo o público percibía que o personaxe tiña medo aínda que o actor ficase completamente en calma durante toda a representación. Cun Gestus que define claramente a actitude do personaxe, o actor distánciase da obra e, en consecuencia, evita calquera emocionalidade indebida.

Encenación[editar | editar a fonte]

Os de escenificación relaciónanse coa forma de montar o drama:

  • Proxección de textos, pantallas ou carteis.
  • Anunciando previamente a problemática impídese a tensión e o suspense.
  • O decorado, indumentaria.
  • Altofalantes, radio, televisión,...
  • Os actores non ven os seus personaxes.
  • A música é oposta, ironicamente, ao efecto emocional esperado.
  • Iluminación.

Brecht utilizou a comedia para distanciar o público de acontecementos emotivos ou serios e estaba moi influído polos musicais e as actuacións de feira, incorporando música e cancións nas súas obras.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]