Piotr Ilich Tchaikovski

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Tchaikovsky")
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Piotr Ilich Tchaikovski
Porträt des Komponisten Pjotr I. Tschaikowski (1840-1893).jpg
Piotr Ilich Tchaikovski por Nikolai Kuznetsov, 1893
Data de nacemento 7 de maio de 1840
Lugar de nacemento Vótkinsk Rusia Rusia
Data de falecemento 6 de novembro de 1893
(53 anos)
Lugar de falecemento San Petersburgo Rusia Rusia
Instrumento(s) piano
Composicións máis destacadas Foi autor de multitude de obras entre as que destacan O lago dos cisnes, Obertura 1812, O Cascanoces.
Parella/s Antonina Miliukova
Sinatura Tchaikovsky Signature.svg


Piotr Ilich Tchaikovski (en ruso, Пётр Ильич Чайковский), pronunciado [ˈpʲotr ɪlʲˈjit͡ɕ t͡ɕɪjˈkofskʲɪj]; (Speaker Icon.svg escoitar), nado en Vótkinsk o 7 de maio de 1840 e finado en San Petersburgo o 6 de novembro de 1893, foi un dos compositores rusos máis importantes do século XIX. É autor dalgunhas das obras de música clásica máis famosas do repertorio actual, por exemplo os ballets O lago dos cisnes e O cascanoces, a Apertura 1812, a apertura-fantasía Romeo e Xulieta, o Primeiro concerto para piano, o Concerto para violín, as súass sinfonías Cuarta, Quinta e Sexta (Patética) e a ópera Eugenio Oneguin.

Nacido nunha familia de clase media, a educación que recibiu Tchaikovski estaba dirixida a preparalo como funcionario, malia a precocidade musical que mostrou. En contra dos desexos da súa familia, decidiu seguir unha carreira musical e en 1862 accedeu ao Conservatorio de San Petersburgo, graduándose en 1865. A formación que recibiu, formal e orientada ao estilo musical occidental, apartouno do movemento contemporáneo nacionalista coñecido como o «Grupo dos Cinco» conformado por un grupo de mozos compositores rusos, cos cales Tchaikovski mantivo unha relación profesional e de amizade ao longo da súa carreira.

Aínda que non pertencía ao chamado Grupo dos Cinco (Mussorgsky, César Cui, Rimsky-Korsakov, Balakirev e Borodin), formado por compositores nacionalistas rusos, a súa música deveu coñecida e admirada por mor do seu carácter tradicionalmente ruso e mais polas súas características harmónicas e de vivas melodías. A diferenza do grupo referido, as súas obras foron notabelmente occidentalizadas, empregando decote elementos propios das técnicas compositivas imperantes no estranxeiro. Tchaikovsky, ao igual ca Mozart, é un dos poucos compositores aclamados que se sentía igualmente confortábel escribindo óperas, sinfonías, concertos e obras para piano.

Mentres desenvolvía o seu estilo, Chaikovski escribiu música en varios xéneros e formas, incluíndo a sinfonía, ópera, ballet, música instrumental, de cámara e a canción. A pesar de contar con varios éxitos, nunca tivo moita confianza ou seguridade en si mesmo e a súa vida estivo salpicada polas crises persoais e períodos de depresión. Como factores que quizá contribuíron a isto, poden mencionarse o seu homosexualidade reprimida e o medo a que se revelase a súa condición, o seu desastroso matrimonio e o repentino colapso da única relación duradeira que mantivo na súa vida adulta: a súa asociación de 13 anos coa rica viúva Nadezhda von Meck. No medio desta axitada vida persoal, a reputación de Chaikovski aumentou; recibiu honras por parte do Tsar, obtivo unha pensión vitalicia e foi encomiado nas salas de concertos de todo o mundo. A súa repentina morte aos 53 anos adoita atribuírse xeralmente ao cólera, pero algúns o atribúen a un suicidio.[1]

Malia contar cunha grande popularidade nas audiencias de todo o mundo, Tchaikovski recibiu ás veces duras críticas por parte de músicos, críticos e compositores. Porén, a súa reputación como compositor de importancia é hoxe en día segura,[2] tendo desaparecido por completo a soberbia coa que os críticos occidentais de comezos e mediados do século XX catalogaron a súa música como vulgar e falta de pensamento. [3]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

A familia Chaikovski en 1848. De esquerda a dereita: Piotr, Alexandra Andreievna (nai), Alexandra (irmá), Ippolit, Iliá Petrovich (pai)

Tchaikovski era o segundo fillo do matrimonio formado por Ilia Petrovich Tchaikovski (1795-1880; "Ilich" quere dicir "fillo de Ilia") e Aleksandra Andreevna Tchaikovski (1812-1854; de solteira Assier).

A súa familia paterna era orixinaria da vila ucraniana de Nikolaevka, e o apelido Tchaikovsky provén do seu bisavó Fyodor Chaika. O pai de Tchaikovsky estudou enxeñaría de minas na Universidade de San Petersburgo e en 1837 converteuse no director da fábrica de Votkinsk, cidade que era famosa pola súa industria do ferro. Ilia Tchaikovsky tivo unha filla, Zinaida, froito do seu matrimonio coa súa primeira muller, Maria Kaiser, da que enviuvou en 1830.

Por outra banda, a familia materna de Tchaikovsky era de procedencia francoalemana. O seu avó, Michael Heinrich Maximilian Acier, foi profesor de francés e alemán na escola militar de San Petersburgo, até que en 1800, coa súa afiliación á Coroa Imperial trocou o seu nome polo de Andrei Mikhailovich Assier. Estivo casado dúas veces, e froito do seu primeiro matrimonio naceu Aleksandra. Esta, trala separación dos seus pais e a morte da súa nai en 1816, ingresou no Instituto da Patria, unha escola para orfas de familias da aristocracia financiada polo estado. En 1833 coñeceu a Ilia Tchaikovsky, co que posteriomente contraería matrimonio.

Tchaikovski de rapaz

Ademais da súa media irmá Zinaida (1829-1878), Tchaikovsky tivo 5 irmáns: Nikolai (1838-1911), que seguiría os pasos do seu pai coma enxeñeiro de minas; Aleksandra (1841-1891); Ippolit (1843-1927), que se convertiría en oficial naval; e os xemelgos Anatolii (1850-1915) e Modest (1850-1916), que se adicarían á avogacía e ao ensino, respectivamente. Tchaikovsky tivo sempre unha relación moito máis próxima coa súa irmá e cos xemelgos, un dos cales, Modest, se convertiu no seu biógrafo oficial.

Os primeiros contactos de Tchaikovsky coa música foron extractos de pezas de Mozart, Rossini, Bellini e Donizetti. En 1844, con catro anos, fixo a súa primeira composición titulada "A nosa nai en Petersburgo", axudado pola súa irmá Aleksandra (que contaba tres anos). En 1845 comezou a recibir clases de piano e a familiarizarse coas "mazurkas" de Chopin.

En 1848, Ilia Tchaikovsky dimitiu do seu posto en Votkinsk e a familia mudouse primero a Moscova e logo a San Petersburgo, onde Ilia contaba con obter un novo traballo. Alí, Tchaikovsky e o seu irmán Nikolai ingresaron no centro privado Schmelling School, onde Tchaikovsky puido continuar coas súas clases de piano. Non obstante, a toma do posto de traballo de Ilia Tchaikovsky non se produciu e a familia tivo que trasladarse en 1849 a Alapaevsk.

En 1850 Tchaikovsky ingresou na Escola de Xurisprudencia de San Petersburgo, onde se graduaría en 1859. Durante este tempo participou no coro da escola e fixo os seus primeiros intentos de composición. En 1952 a familia Tchaikovsky mudouse a San Petersburgo, onde a súa nai Aleksandra faleceu repentinamente de cólera o 25 de xuño de 1854. Este feito tan traumático estreitou todavía máis a relación de Tchaikovsky cos seus irmáns xemelgos, afectoulle tanto que se sentiu incapaz de darlle a noticia a Fanny Dürbach ata transcorridos dous anos.[4] Con todo, uns meses logo da morte da súa nai, realizou o primeiro intento serio de composición, un vals na súa memoria. Varios autores afirman que a perda da súa nai contribuíu ao desenvolvemento sexual de Chaikovski, así como coa súa experiencia coas supostamente estendidas prácticas homosexuales entre estudantes da Escola Imperial de xurisprudencia.[5] Sexa cal for a verdade disto, algunhas amizades cos seus compañeiros, como Alekséi Apujtin e Vladímir Gerard, foron o suficientemente intensas para durar o resto da súa vida.[6]

Un mes despois da súa graduación en 1859, Tchaikovsky comezou a traballar coma funcionario no Ministerio de Xustiza, onde permaneceu catro anos.

Os inicios na música[editar | editar a fonte]

No verán de 1861 Tchaikovsky acudiu a unha clase de harmonía impartida por Nikolai Zaremba na Sociedade de Música Rusa. Cando o Conservatorio de San Petersburgo abriu no ano 1862, Tchaikovsky atopábase entre os inscritos. Decidido a consagrar a súa vida á música, Tchaikovsky dimitiu do seu traballo no Ministerio de Xustiza en 1863. Para sustentarse economicamente, comezou a dar clases de piano e de teoría da música a outros estudantes. Tchaikovsky estivo ao redor de tres anos no Conservatorio de San Petersburgo, onde ademais de estudar harmonía con Nikolai Zaremba e orquestración e composición con Anton Rubinstein, iniciouse na frauta e no órgano.

En setembro de 1865 Nikolai Rubinstein (irmán de Anton Rubistein) ofreceulle a Tchaikovsky o posto de profesor de harmonía na Sociedad Musical Rusa en Moscova, que máis tarde se convertería no Conservatorio de Moscova baixo a dirección de Rubistein. Por esta época Tchaikovsky compuxo as súas primeiras obras, que non revelaron un especial talento e máis ben amosaban unha personalidade pouco definida. Así, en 1886 compuxo a Sinfonía No.1 "Soños de inverno", que foi revisada tralas suxestións de Nikolai Zaremba e Anton Rubinstein, estreándose finalmente en 1868. En 1868 finalizou a súa primeira ópera, "O Voivoda", cuxa música foi ben recibida incluso polo "Grupo dos Cinco". Tamén de 1868 data o seu poema sinfónico Fatum, adicado a Milii Balakirev (líder do Grupo dos Cinco) que se amosou moi crítico coa peza.

Tchaikovsky coñeceu ao Grupo dos Cinco en San Petersburgo en 1868. A relación con eles nunca foi moi estreita xa que estes non apreciaban as composicións de Tchaikovsky por consideralas moi eclécticas e cosmopolitas, a causa da mestura que facía na súas obras da canción campesiña e o folclore urbano.

Desexoso de alcanzar o recoñecemento, Tchaikovsky comezou a traballar noutra ópera que rematou en 1869 e enviou ao Teatro Imperial pero a súa composición foi rexeitada. Como consecuencia o compositor só mantivo catro pezas que incluiría despois na Sinfonía No.2 e no ballet O Lago dos Cisnes, queimando o resto da obra.

En 1869, Tchaikovsky coincidiu en Moscova con Milii Balakirev, quen o afoutou para compoñer unha obra baseada no poema tráxico de Shakespeare Romeo e Xulieta. A obertura-fantasía Romeo e Xulieta estreouse en Moscova en 1870, aínda que sufriu posteriores revisións a raíz das suxestións de Balakirev.

En 1872 finalizou a ópera Oprichnik (adaptada dunha traxedia do novelista histórico Ivan Lazhechnikov) e comezou a traballar na Sinfonía No.2, rebautizada posteriormente como Pequena Rusia, que se estrearía no 1873. Datan tamén de esta época o Concerto para piano No.1 (1875), a Sinfonía No.3, "A Polaca" (1875, chamada así polo tempo di polacca do quinto movemento) e o ballet O lago dos cisnes (1876, realizado a partir dunha petición do Teatro Imperial de Moscova, constitúe o primeiro da súa triloxía de ballets).

A etapa do mecenado[editar | editar a fonte]

Nadezhda von Meck

A finais de 1876, Tchaikovsky coñeceu a Nadezhda von Meck, viúva dun empresario do ferrocarril. Ela coñecía e admiraba a música do compositor e cando se decatou de que este estaba a pasar dificultades económicas comezou a exercer coma a súa mecenas. Iniciaron así unha relación epistolar que durou case catorce anos, cuxa condición principal era que nunca deberían verse en persoa.

Nesta etapa Tchaikovsky renunciou ao seu traballo no conservatorio e adicouse a compoñer e a viaxar. Desta época son a Sinfonía No. 4 (1878, adicada a Nadezhda von Meck), o Concerto para violín (1878), a ópera Evgenii Onegin(1879), a Serenata para orquestra de corda (1880), a Obertura 1812 (1880, conmemorando a vitoria de Rusia fronte ao exército de Napoleón) e o trío de piano "Á memoria dun gran artista" (1882, en recordo de Nikolai Rubinstein, falecido en 1881).

En Decembro de 1887, o compositor iniciou a súa primeira xira de concertos por Europa coma director, visitando Leipzig, Berlín, Praga, Hamburgo, París e Londres. Foi unha xira moi exitosa, especialmente en Praga, París e Londres, onde tivo a oportunidade de coñecer e establecer relacións con músicos afamados, coma Brahms, Grieg e Dvorák. Ao seu regreso a Rusia en 1888 instalouse na vila de Klin, onde comezou a compoñer a Sinfonía No.5, inspirada na morte do seu amigo Nikolai Rubinstein. Máis tarde ese mesmo ano comezou a traballar no ballet A Bela Durmiñona (1889, por mor dun encargo do Teatro de San Petersburgo).

En Setembro de 1890, Tchaikovsky recibiu unha carta de Nadezhda von Meck na que lle explicaba que se atopaba na bancarrota e en consecuencia non podía seguir financiando o seu traballo. Existe outra teoría paralela que apunta a que a viúva comezou a oír rumores sobre a homosexualidade do compositor e, sentíndose non correspondida na súa relación, decidiu poñer fin á súa correspondencia. Tchaikovsky, ante o inesperado da noticia, quedou sumido nunha depresión durante algún tempo.

Os derradeiros anos[editar | editar a fonte]

En 1890, Tchaikovsky aceptou outros dous encargos do Teatro Imperial para compoñer unha ópera (Iolanda) e un ballet (O Cascanoces). O mesmo tempo reciviu unha invitación para dirixir as súas obras en América coa ocasión da apertura do Carnegie Hall en Nova York. Durante esta viaxe recibiu a noticia do falecemento da súa irmá Aleksandra pero decidiu continuar coa xira. En total dirixiu seis concertos: catro en Nova York, un en Baltimore e outro en Filadelfia. O compositor quedou realmente abraiado e agradecido da calorosa acollida que tivo o tour.

Unha vez de volta en Rusia, continuou coa composición do ballet O Cascanoces (1891, baseado na adaptación de Alexandre Dumas) e da ópera Iolanda (1891, a historia dunha princesa medieval cega). A première das dúas obras tivo lugar en Decembro de 1892 no Teatro Mariinsky de San Petersburgo, contando coa presenza do Tsar e da familia real. A ballet tivo un grande éxito pero a ópera non resultou tan atractiva para o público.O compositor, algo decepcionado, abandonou a cidade por unha tempada.

De regreso a Klin en 1893, Tchaikovsky comezou a traballar na Sinfonía No.6. En Maio o compositor viaxou a Inglaterra para recibir o título de Doutor Honoris Causa en Música da Universidade de Cambridge. Meses despois, decidiu o título da súa sexta sinfonía: "Pateticheskaia", que podería traducirse do ruso coma "Apaixonada" en relación á súa forza, e non por "Patética", como se coñece hoxe en día, xa que esta denominación leva implícito un sentido erróneo de sufrimento e tristura.

Morte do compositor[editar | editar a fonte]

Tumba de Tchaikovsky no Mosteiro Alexander Nevsky

Tchaikovsky finou o 6 de Novembro de 1893 en San Petersburgo. A versión oficial indicou que o compositor faleceu a consecuencia do cólera por inxerir auga non fervida. Existen outras teorías que indican que a súa morte foi un "suicidio obrigado" como castigo por manter relacións homosexuais cun home pertencente ao ámbito real (un castigo que sería imposto por un tribunal de honor da Escola de Xurisprudencia de San Petersburgo). Estudos recentes indican que a teoría do suicidio forzado non ten sentido na sociedade rusa da época, xa que Tchaikovsky gozaba dos privilexios das altas esferas e os comportamentos homosexuais eran perfectamente aceptados nos círculos da Corte e da familia real.

O seu funeral tivo lugar o 9 de Novembro na Catedral de Kazan de San Petersburgo. O Tsar Alexandre III, grande amigo do compositor, puxo a disposición a súa fortuna persoal para cubrir tódolos gastos do evento.

Vida sentimental[editar | editar a fonte]

A pesar da súa homosexualidade, debido ás presións que recibiu na súa xuventude para contraer matrimonio, Tchaikovski pensaba que podía mudar a súa orientación sexual. En 1868 coñeceu á mezzo-soprano belga Désirée Artôt, coa que comezou unha relación de amizade. Namorado platonicamente da súa voz, iniciou os trámites co pai da soprano para formalizar a unión. Pero a nai de Artôt soubo das tendencias sexuais do compositor e casou á súa filla cun barítono español, feito do que o compositor non tardou en repoñerse.

Máis tarde, en 1877 comezou a recibir varias cartas de amor dunha antiga alumna do conservatorio chamada Antonina Miliukova, coa que casou o 18 de xullo dese mesmo ano. Porén, a personalidade desequilibrada de Antonina provocou a súa separación un mes e medio despois da voda.

Obras máis coñecidas[editar | editar a fonte]

Óperas[editar | editar a fonte]

  • O Voivoda (Воевода), 1868
  • Undina (Ундина), 1869
  • Oprichnik (Опричник), 1872
  • Kuznets Vakula (Кузнец Вакула), 1874
  • Evgenii Onegin (Евгений Онегин), 1878
  • A doncela de Orleans (Орлеанская дева), 1879
  • Mazepa (Мазепа), 1883
  • Cherevichki (Черевички), 1885
  • A bruxa (Чародейка), 1887
  • A dama de picas (Пиковая дама), 1890
  • Iolanda (Иоланта), 1891

Ballets[editar | editar a fonte]

  • O Lago dos Cisnes (Лебединое озеро), 1876
  • A Bela Durmiñona (Спящая красавица), 1889
  • O Cascanoces (Щелкунчик), 1892

Sinfonías[editar | editar a fonte]

  • Sinfonía No. 1 "Soños de inverno" (Симфония № 1, "Зимние грезы"), 1866
  • Sinfonía No. 2 "Pequena Rusia" (Симфония № 2), 1872
  • Sinfonía No. 3 "A Polaca" (Симфония № 3), 1875
  • Sinfonía No. 4 (Симфония № 4), 1877
  • Manfred (Манфред), 1885
  • Sinfonía No. 5 (Симфония № 5), 1888
  • Sinfonía No. 6 (Симфония № 6, "Патетическая"), 1893

Oberturas[editar | editar a fonte]

  • A Tormenta (Гроза), 1864
  • Fatum (Фатум), 1868
  • Romeo e Xulieta (Ромео и Джульетта), 1869
  • A Tempestade (Буря), 1873
  • Francesca da Rimini (Франческа да Римини), 1876
  • Marcha Eslava (Славянский марш), 1876
  • Capricho italiano (Итальяанское каприччио), 1880
  • 1812 (1812 год), 1880
  • Hamlet (Гамлет), 1888
  • O Voivoda (Воевода), 1891

Concertos[editar | editar a fonte]

  • Concerto para piano No. 1 (Фортепианное концерт № 1), 1875
  • Variacións sobre un tema rococó (para violoncello e pequena orquestra) (Вариации на тему рококо), 1877
  • Concerto para violín (Скрипичное концерт), 1878

Música de cámara[editar | editar a fonte]

  • Cuarteo de corda No. 1 (Струнный квартет № 1), 1871
  • Trio de piano (Фортепианое трио), 1882

Piano[editar | editar a fonte]

  • As Estacións (Времена года), 1876

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Brown, Man and Music, 431–35; Holden, 373–400.
  2. Brown, New Grove (1980), 18:628–29.
  3. Wiley, New Grove (2001), 25:169.
  4. Brown, Tchaikovsky: The Early Years, 1840–1874 (Nueva York: W.W. Norton & Company, Inc., 1978, 47; Tchaikovsky: The Man and His Music (Nueva York: Pegasus Books, 2007), 12.; Holden, 23.; Tchaikovsky, P., Polnoye sobraniye sochinery: literaturnïye proizvedeniya i perepiska [Edición completa: obras literarias y correspondencia] En progreso (Moscú, 1953–presente), 5:56–57.; Warrack, 29.
  5. Holden, 22, 26.; Poznanski, Quest, 32–37.; Warrack, Tchaikovsky, 30
  6. Holden, 23.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]