Tarántula

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Brachypelma sp., unha das arañas chamadas tarántulas en América.

As tarántulas son as arañas máis grandes da familia licósidos (Lycosidae), especialmente membros do xénero Lycosa como L. tarantula. Os colonizadores do Novo Mundo pasaron a chamar tarántulas ás arañas moito máis grandes, das familias americanas Theraphosidae e Dipluridae. Na lingua inglesa a palabra tarantula reférese só a estas últimas e aos licósidos chámanlles wolf spiders (arañas lobo).

Características[editar | editar a fonte]

Un gran licósido, denominado tarántula en Europa.

As da familia Theraphosidae caracterízanse por teren patas longas que acaban en poutas, e o corpo revestido de pilosidade. Habitan rexións temperadas e tropicais de América, Asia, África e Oriente Medio. Cando aínda están a medrar, pasan por unha fase na que mudan a pel (ecdise). Contrariamente a outros arácnidos, as tarántulas non producen veleno, se ben os pelos das súas costas e abdome segregan substancias urticantes se se senten ameazadas. O seu tamaño medio está entre 15 e 25 centímetros (coas patas estendidas), pero existen especies que poden acadar maiores dimensións, como a Teraphosa blondi, que vive na América do Sur.

O nome procede do italiano tarantola e alude á cidade de Taranto, na Puglia, rexión italiana meridional que posúe un clima mediterráneo seco que permite que sexan abundantes estas arañas. A súa popularidade ten que ver co efecto supostamente mortal da súa picadura, que en realidade non é tan grave como a dun par de arañas máis pequenas, Loxosceis rufescens e Latrodectus tredecimguttatus (viúva negra), que tamén se encontran na rexión. Supúñase que unha axitación constante como a que produce a picadura (tarantismo) era a forma apropiada de combater os seus efectos e deuse en chamar tarantela a certa danza que ten un ritmo veloz semellante a eses movementos. Atribuíase a Pirro, rei do Epiro, importar a araña desde o seu país de orixe (no norte de Grecia) como unha forma de guerra biolóxica na súa contenda cos romanos.