Tancredi

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tancredi
Tancredi Ferrara.jpg
Forma Ópera
Actos e escenas 2 actos
Idioma orixinal do libreto Italiano
Libretista Gaetano Rossi con Luigi Lechi[1]
Fontes literarias Baseada na obra de Voltaire Tancrède (1759)
Estrea 6 de febreiro de 1813
Teatro da estrea La Fenice
Lugar da estrea Venecia
Duración 2 horas 45 minutos[2]
Música
Compositor Gioachino Rossini
Localización da partitura Biblioteca dell'Accademia Filarmonica, Boloña
Fondazione Rossini, Pésaro (Aria di Alidoro, Roma 1820)
Personaxes

Argirio (tenor)
Tancredi (contralto)
Orbazzano (baixo)
Amenaide (soprano)
Isaura (contralto)[3]

Tancredi é unha ópera en dous actos con música de Gioachino Rossini con libreto en italiano de Gaetano Rossi, que xa colaborara co compositor en La cambiale di matrimonio (1810), L’equivoco stravagante (1811), e volvería facelo en Semiramide (1823). O texto está baseado na obra Tancrède (1759) de Voltaire. Foi estreada o 6 de febreiro de 1813 no Gran Teatro La Fenice de Venecia. A pesar de que Rossini a compuxo inicialmente cun final feliz, finalmente deulle un final tráxico para emular o Tancredi orixinal de Voltaire.

Tancredi, un melodrama heroico, é a primeira obra importante de Rossini e, xunto con L'italiana in Algeri, que foi composta o mesmo ano, vaino facer moi célebre e famoso cando contaba con tan só 21 anos. A obra tivo unha longa e brillante carreira en Europa e foi, para os teatros alemáns, o punto de partida dunha invasión da ópera italiana contra o cal se revelaron Weber e posteriormente Wagner.

Ao longo de toda unha época, Europa tivo como ídolo a Rossini. Mesmo Beethoven, para atraer máis público á estrea da Novena Sinfonía, fixo que ademais se interpretara un aria de Tancredi.

A partitura incluíu importantes innovacións: por unha banda, os concertantes son máis frecuentes e duran máis que na ópera seria herdada do século XVIII; por outra banda, Rossini sustituíu a aridez do recitativo secco por recitativos máis curtos nos que a orquestra apoia á voz e se mestura con ela: cómpre salientar en particular o papel dos instrumentos de vento que realzan a liña vocal.

Sobre todo, o xenio melódico do músico subliña o lugar predominante do canto que, de entrada, se transforma no modo de expresión musical máis natural e profundo. A célebre aria cavatina Di tanti palpiti cantada por Tancredi (mezzosoprano coloratura) no primeiro acto da obra é un bo exemplo.

A sinxeleza só é aparente. A melodía rossiniana esixe, de entrada, un dominio perfecto da vocalización, xa que esta non é de ningún xeito unha ornamentación inútil, senón un elemento fundamental da expresión. E, sen lugar a dúbidas, só adquindo consciencia desta reforma introducida por Rossini na ópera seria -daquela sometida aos abusos das coloraturas e a cadencias improvisadas- é posible atopar en Tancredi as fontes do bel canto puro e desfrutar dos seus refinamentos vocais.

Esta ópera é pouco representada, nas estatísticas de Operabase aparece no posto número 162 das óperas representadas no período 2005-2010, sendo a 53.ª en Italia e a sexta de Rossini, con 19 representacións nese período.

Personaxes[editar | editar a fonte]

Personaxe Tesitura Reparto na estrea, 6 de febreiro de 1813
Tancredi, noble siracusano exiliado contralto Adelaide Melanotte Montresor
Amenaide, namorada de Tancredi soprano Elisabetta Manfredini Guarmani
Argirio, pai de Amenaide e rival de Orbazzano tenor Pietro Todràn
Orbazzano, noble e rival de Argirio baixo Luciano Bianchi
Isaura, dama de Amenaide Contralto Teresa Marchesi
Roggiero, amigo de Tancredi mezzosoprano ou tenor Carolina Sivelli

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Guía visual de la Ópera, Espasa.
  2. Guías visuales Espasa: Ópera (1.ª ed.). ISBN 978-84-670-2605-4. 
  3. Guía visual de la Ópera, Espasa.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Operalogo.svg
A Galipedia ten un portal sobre: