Talleres Populares de Poesía

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os Talleres Populares de Poesía foron un proxecto cultural desenvolvido en Nicaragua polo poeta e sacerdote Ernesto Cardenal e máis pola costarriqueña Mayra Jiménez. Creados durante a década de 1980, na época en que Cardenal foi ministro de Cultura do seu país, tiñan por obxecto democratizar a cultura.

Características[editar | editar a fonte]

Os talleres eran células de creación e discusión colectiva da produción poética da mocidade radical na loita que traballan como obreiros, artesáns, ou son estudiantes ou vendedores das rúas, ou serven na milicia, o exército, a administración pública e aínda na policía de seguridade estatal; o propósito é prolongar o proceso de concienciación a través do coñecemento directo do fenómeno poético.

A intención de facer partícipe ao pobo reflectía o desexo por parte da Xunta Directiva da Fronte de que a poesía fose un vehículo de expresión artística verosímil, revolucionaria e popular: -Esta é unha poesía do pobo- afirmou Ernesto Cardenal, e en palabras de Mayra Jiménez, “Esta é unha poesía que documenta a realidade”. Ante todo, o desexo de popularizar o proceso artístico e democratizar a cultura creara unha nova dinámica entre progreso artístico e progreso social. Aínda que os talleres non formaron parte da axenda oficial do FSLN ata 1979, a orixe xeográfica dos talleres de poesía está no Lago Nicaragua no Arquipélago de Solentiname, lugar onde Cardeal fundara unha comunidade campesiña artesá a principios dos setenta.