Taboleiro de madeira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mostra de taboleiros de conglomerado.

O taboleiro de madeira é un derivado da madeira, xeralmente troncos que foron reducidas a láminas, labras ou fibra e posteriormente reconstituídos para formar un material estábel e homoxéneo. Fabrícanse en distinta densidade en función da presión aplicada e do aglutinante empregado na súa fabricación. Polo xeral son un input para a industria madeireira e será transformado por industriais pasando a ser un compoñente dalgún produto final antes da súa chegada, xa transformado, ó cliente final.

Comparación coa madeira natural (taboleiros ou troncos de madeira)[editar | editar a fonte]

Prensa de produción en continuo de taboleiro.

Ofrece algunhas vantaxes sobre a madeira natural coma a maior estabilidade dimensional, propiedades físicas e mecánicas uniformes, ausencia de fendas e nos, espesor uniforme, perfecto lixado da superficie, boas características de illamento térmico-acústico e corte en calquera dirección. Ten unha superficie extrafina, xeralmente lixada, que o converte en apto para ser recuberto con pintura, lacas, pvc, papeis, finish-foil, chapa de madeira, laminados de alta e media presión.

Fabrícanse diferentes tipos en función do tamaño das partículas chapas ou listóns cos que se fabrican, da súa distribución por todo o taboleiro así como polo adhesivo empregado para a súa fabricación. Polo xeral empréganse madeiras brandas máis que duras pola facilidade de traballar con elas xa que é máis doado prensar en brando que en duro.

Os diferentes tipos de taboleiros de madeira son materiais estables e de consistencia uniforme, teñen superficies totalmente lisas e resultan aptos como base para ser cubertos con chapa de madeira (enchapado), papel ou material sintético (melamina) ou ser directamente pintados.

Clasificación segundo propiedades[editar | editar a fonte]

Son taboleiros que se ven afectados polo exceso de humidade, presentando dilatacións no seu grosor, dilatacións que non se recupera co secado. Porén fabrícanse modelos con algunha resistencia especial á humidade (aglomerado hidrófugo). Isto conséguese engadíndolle un compoñente químico, que xeralmente se tinta de verde para ser diferenciado do resto. Do mesmo xeito, tamén hai taboleiros cunha especial resistencia ó lume (taboleiros ignífugos), que neste caso adoitan a ser tintados de vermello.

Alternativas de taboleiros de partículas[editar | editar a fonte]

Segundo a densidade dos taboleiros de partículas distínguense 3 tipos de taboleiro, ordenados de maior a menor densidade están os taboleiros MDF, os taboleiros aglomerados e os taboleiros OSB. O taboleiro aglomerado é o mesmo tipo de produto que o MDF ou o OSB, coa diferenza da maior densidade dos taboleiros de MDF e a menor do OSB por empregar estes últimos labras moito máis grandes e moito máis pequenas os taboleiros MDF. Na actualidade, o aglomerado é unha alternativa económica ó MDF, que xorde coma unha evolución do aglomerado. O MDF, aínda que ten un proceso produtivo semellante ó aglomerado require dunha tecnoloxía máis avanzada dado o tamaño moi inferior das labras empregadas e a dificultade de conseguir labras tan pequenas.

Medidas[editar | editar a fonte]

Hai taboleiros aglomerados en múltiples medidas (longo, ancho e calibre), pero tradicionalmente ofrécese en medidas estándar. Estas medidas estándar dependen do mercado no que se ofertan e do mercado ó que van ofertadas, pero case sempre proveñen de medidas imperiais, por exemplo a máis común é o 4’x8’ pés, (que en milímetros é 2440 x 1220). De todos xeitos, hai numerosas medidas nas que se ofrecen frecuentemente: 1830 x 1220; 3600 x 1200; 4880 x 2440; 3600 x 1830; 2500 x 1250; etc.

Lugares de produción[editar | editar a fonte]

Tradicionalmente, Europa foi un gran produtor de taboleiro aglomerado con grandes compañías no sector. Actualmente o peso específico de Europa na produción está perdendo peso con respecto a outras áreas xeográficas (Malaisia, Vietnam, Turquía e a China).

O sector do taboleiro en Galicia[editar | editar a fonte]

Aserpal, fábrica de Losán en Vilasantar.

Galicia é unha gran fabricante de taboleiro de madeira, tanto polas fábricas que se sitúan en Galicia como polas empresas galegas que o fabrican, tanto dentro coma fóra de Galicia. Os maiores produtores de aglomerado galegos son FINSA, Grupo Losán, Intasa e Tablicia. A cadea da madeira é unha das principais actividades económicas do sector secundario en Galicia. As actividades da cadea con maior presenza son as de primeira transformación. A especialización nas transformacións con menor valor engadido xerado non teñen impedido que teñan xurdido un pequeno grupo de empresas con forte implantación internacional na fabricación de taboleiros. Este sector tivo un crecemento continuo durante os últimos 40 anos pero comezou a baixar a súa actividade no ano 2009 cando a crise económica internacional afectou ó sector en Galicia. No sector da transformación da madeira en Galicia, ademais da produción de taboleiros de madeira tamén hai outros procesos posteriores como a fabricación de portas, mobles ou carpinterías industriais, pero non teñen o peso internacional que o sector do taboleiro de madeira.

Tipos de taboleiros de madeira[editar | editar a fonte]

Aglomerado[editar | editar a fonte]

O taboleiro aglomerado obtense a partir de pequenas labras ou serraduras de madeira aglutinados con resina sintética termoendurecida a presión. A base de madeira pode ser de calquera especie, pero é habitual que se empreguen as especies máis común e económicas (en Galicia piñeiro e eucalipto) dado que non hai unha necesidade especial de que as árbores teñan un mínimo de anos antes de ser empregadas para a produción do aglomerado. Ten unha proporción máis ou menos paritaria de madeira e cola aínda que tamén é habitual que se empregue un porcentaxe de material reciclado, que non sempre é madeira.

Usos[editar | editar a fonte]

O taboleiro aglomerado emprégase con numerosos aplicacións, sendo as máis habituais o mobiliario de cociña, oficina e fogar, portas, tabiques, biombos, chans, postformados (elementos machembrados), a construción e a carpintería en xeral.

Taboleiro de fibra de madeira ou MDF[editar | editar a fonte]

MDF

Medium Density Fiberboard (MDF) é a denominación inglesa dos taboleiros de fibra de madeira de densidade media. Aínda que o termo axeitado sexa simplemente MDF (en menor medida emprégase “fibra de madeira” ou simplemente “fibra”), a importación do aglicismo derivou na súa popularización en practicamente tódalas linguas do mundo. Os taboleiros de fibra constrúense a partir de madeiras que foron reducidas ós seus elementos fibrosos básicos e posteriormente reconstituídos para formar un material estábel e homoxéneo. Fabrícanse de distinta densidade en función da presión aplicada e do aglutinante empregado na súa fabricación.

Clasificación[editar | editar a fonte]

Exemplo de acabados

Dentro dos taboleiros de fibra de madeira poden distinguirse distintos tipos en función da densidade dos mesmos, e para diferencialos empréganse as iniciais dos termos ingleses:

  • HDF; High Density MDF (Taboleiro de Madeira de densidade alta)
  • MDF; Medium Density Fiberboard (Taboleiro de Madeira de densidade media)
  • LDF; Low Density MDF (Taboleiro de Madeira de densidade baixa)
  • ULDF; Ultra Low Density MDF (Taboleiro de madeira de densidade ultra baixa)

Os termos HDF, MDF, LDF e ULDF fan referencia a produtos distintos que se diferencian na densidade de cada un deles, indo de maior a menor densidade. Isto fai que a ampliación e uso que se fai deles sexa en ocasións distinta. Aínda que o termo fibra de madeira fai referencia a calquera dos 4 produtos mencionados, o feito que o MDF estea moitísimo máis estendido que calquera dos outros 3 no uso cotiá, o termo fibra de madeira sobreenténdese como MDF e en caso de querer facer referencia a calquera dos outros 3 termos, menciónanse expresamente as iniciais en inglés. O MDF é un produto máis normalizado e estendido en todo o mundo e os outros tres son produtos especiais ós que hai que mencionar expresamente.

OSB[editar | editar a fonte]

Taboleiro OSB en fabricación.
Taboleiro OSB.

Oriented strand board (OSB) é a denominación inglesa dos taboleiros de labras orientadas. Aínda que o termo axeitado sexa simplemente OSB, a importancia do anglicismo derivou nunha popularización –gramaticalmente redundante- do termo “taboleiro OSB”. É un panel formado con labras de madeira que se unen entre si cun aglomerante mediante a aplicación de calor e presión. As labras das capas exteriores están aliñadas e dispostas paralelamente á lonxitude do taboleiro, mentres que a/as da/das capa/s interior/es poden estar orientadas aleatoriamente ou aliñadas perpendicularmente á dirección das labras das capas exteriores. É un panel estrutural de labras de madeira, orientado en forma de capas cruzadas para aumentar a súa fortaleza e rixidez, unidas entre si con resina fenólica aplicable baixo alta presión e temperatura

Uso[editar | editar a fonte]

Casa construída con taboleiro OSB.

O taboleiro OSB ten unha ampla ampliación no sector da construción, en tódolos tipos existentes, dentro dos cales destacan:

  • Base de cuberta de teitos
  • Revestimento de tabiques estruturais
  • Pisos
  • Vigas dobre T
  • Forros de beirados
  • Tarimas
  • Mobles
  • Embalaxes

Contrachapado[editar | editar a fonte]

Taboleiro contrachapado.

O contrachapado elabórase a partir de chapas de madeira superpostas, alternando o sentido da fibra e pegadas entre si con colas normal ou cola fenólica, sendo o resultado final un panel de grande estabilidade dimensional, boa resistencia e ausencia ó alabeo. As láminas de madeira son relativamente inestables e experimentan movementos de contracción e dilatación, en maior medida no sentido das fibras da madeira, por esa razón é habitual que sufran distorsións. Para contrarrestar este efecto, os taboleiros contrachapados constrúense pegando as capas con fibras transversalmente unha sobre a outra, alternamente. A maioría dos contrachapados están formados por un número impar de capas para formar unha construción equilibrada. As capas exteriores dun taboleiro denomínanse caras e a calidade destas cualifícase por un código de letras que emprega a A como a de mellor calidade, a B como a de calidade intermedia e a C como a de menor calidade. A cara de mellor calidade dun taboleiro coñécese como cara anterior e a de menor como cara posterior ou reverso. Por outra parte a capa central denomínase alma. Isto faise para aumentar a resistencia do taboleiro ou da peza que se estea facendo.

Uso[editar | editar a fonte]

As calidades varían moito segundo a especie empregada e a calidade do proceso produtivo. Xeralmente son resistentes e habitualmente son empregados en exteriores, estruturas de obras e ámbitos náuticos. No mercado americano tamén teñen unha difusión popular no mundo do moble, o que non é tan habitual no resto dos mercados.

Alistonado[editar | editar a fonte]

O taboleiro alistonado está formado por listóns de madeira maciza de igual sección e unidos entre si por adhesivos homologados. Desta maneira obtéñense paneis de gran formato con boa estabilidade ante calquera tipo de mecanización: corte, fresado, tallado, taladrado etc.

Uso[editar | editar a fonte]

Para a carpintería en xeral: molduras, portas de paso, tabiques, panelería etc. Xeralmente son produtos de alta calidade, dada a súa resistencia.

Recobrimentos[editar | editar a fonte]

Os taboleiros de madeira xeralmente chegan ó consumidor con algún tipo de recubrimento decorativo: