Tétano
| Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
O tétano é unha enfermidade seria e frecuentemente mortal provocada por unha potente neurotoxina, a exotoxina tetanospasmina, producida pola bacteria Clostridium tetani, bacteria Gram-positiva e anaeróbica. Esta neurotoxina penetra nas fibras nerviosas motoras periféricas ata chegar ao sistema nervioso central.
Foi documentada por primeira vez por Hipócrates e existen datos antigos desde o século V antes de nosa era en que se describe esta enfermidade. A inmunización pasiva contra o tétanos levouse a cabo por primeira vez durante a primeira guerra mundial.
O bacilo C. tetani pódese atopar na terra (especialmemte na terra de cultivo), nas feces e intestinos de cabalos, ovellas, gando bovino, ratas, cans, coellos de Indias e polos. As súas esporas pódense atopar na terra ou na superficie da pel (tanto a de animais como humanos) e debaixo das uñas.
Hai tres formas clínicas de tétano diferentes: local (pouco común), cefálica (rara) e xeneralizada (a máis común). O tétano xeneralizado corresponde ao 80% de todos os casos de tétano.
Son feridas con risco as mordeduras, queimaduras e feridas incisas ou aquelas producidas en lugares en que haxa excrementos de animais ou humanos.
Síntomas[editar]
O período de incubación do tétano vai de 3 a 21 días, cunha media duns 8 días.
Polo xeral, canto máis afastado do sistema nervioso central estea o punto de entrada, máis longo é o período de incubación. Os períodos de incubación e a probabilidade de morte por tétano son inversamente proporcionais.
O primeiro síntoma do tétano é a rixidez nos músculos da mandíbula (denominada 'trismo')seguido de rixidez no pescozo e costas, dificultade para tragar e rixidez muscular no abdome. Podendo chegar a producir espasmos e dificultade para respirar.
Os espasmos e contraccións musculares duran 3 ó 4 semanas e unha recuperación completa pode levar varios meses. Preto do trinta por cento dos pacientes con tétanos morren, moitos dos cales son persoas maiores. No países en desenvolvemento a taxa de mortalidade pode chegar a ser dun 60%.
Tratamento[editar]
A ferida débese limpar ben, retirar o tecido morto e deixala exposta ao aire xa que o osíxeno mata as bacterias anaeróbicas. A penicilina e a metronidazol axudan a reducir a cantidade de bacterias pero non teñen ningún efecto sobre a neurotoxina que producen. Tamén se debe administrar inmunoglobulina humana antitetánica.
O tétano pódese previr mediante a vacinación. Un recordo da vacina é recomendable cada dez anos. Polo xeral, dáse unha vacina cada vez que un paciente sofre un pinchazo ou unha ferida cando non se ten a certeza da súa vacinación.
Recoméndase a vacina en traballadores que estean en contacto coa terra ou con animais (agricultores, gandeiros, xardineiros), aqueles que estean en contacto con augas negras, ademais dos que poden sufrir feridas traumáticas