Témporas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O termo témpora, que provén do latín tempora, significando estación, fai referencia orixinariamente ás estacións do ano. Hoxe en día, fai referencia ao comezo de cada unha das estacións do ano e, particularmente, a uns días concretos, previos ao comezo de cada unha delas. Emprégase unicamente en plural.

Popularmente, téñense empregado as témporas para tratar de predicir con moita antelación o tempo que vai ir en cada unha das estacións. Por outra banda, cómpre dicir que a tradición católica converteu estes días en días de xaxún e penitencia.

Cálculo das Témporas[editar | editar a fonte]

Popularmente, téñense empregado as témporas para tratar de predicir o tempo que vai ir en cada unha das estacións seguintes ás témporas correspondentes. Aínda que os días de témporas son os mesmos en todas as partes, a interpretación que se fai delas sofre variacións segundo a zona.

Tipos[editar | editar a fonte]

  • Témporas de primavera ou primeiras témporas: son o mércores, venres e sábado da segunda semana de Coresma, é dicir, da semana despois de Entroido.
  • Témporas de verán ou segundas témporas: son o mércores, venres e sábado da semana seguinte a Pentecoste.
  • Témporas de outono ou terceiras témporas: son o mércores, venres e sábado seguintes ao 14 de setembro, día da Santa Cruz. Se este día cae en mércores, entón as témporas serán o mércores, venres e sábado da semana seguinte.
  • Témporas de inverno ou cuartas témporas: son o mércores, venres e sábado seguintes ao 13 de decembro, día de Santa Lucía[1]. Se este día cae en mércores, entón as témporas serán o mércores, venres e sábado da semana seguinte.

Observación e predición[editar | editar a fonte]

Para a predición meteorolóxica, cómpre observar o tempo que vai nas témporas correspondentes. Hai que ter en conta, non os meteoros puntuais como a choiva ou o sol, senón a dirección do vento, se o ceo está ou non cuberto e mesmo poden terse en conta fenómenos fenolóxicos, é dicir, aqueles que afectan a animais e plantas. A partir de aquí, a predición faise de distintos xeitos segundo a zona.

Metodoloxía[editar | editar a fonte]

Os dous métodos de predición máis frecuentes son:

1.- Baseada no vento: A estación seguinte ás témporas terá como vento predominante o mesmo que fora predominante durante as súas témporas (hai quen só ten en conta a dirección do vento ás 00.00 horas de cada día de témporas [Cómpre referencia]). Dependendo do efecto que o vento predominante teña en cada zona, ese será o tempo que irá, de xeito xeral, durante a estación. Por exemplo, durante as témporas de inverno obsérvase que o vento predominante é do sur. Se onde un vive o vento do sur trae polo xeral aire seco e ceos despexados, poderase prognosticar un inverno seco.

2.- Baseada na observación independente de cada día de témporas: segundo este sistema, obsérvase o tempo que vai en cada día de témporas. Cada mes da estación seguinte terá o mesmo tempo que cada un dos días de témporas respectivos. Exemplo: Durante as témporas de verán obsérvase que o mércores chove e vai vento sur cálido,o venres deixa de chover e continúa o vento sur, e o sábado sobe moito a temperatura e o ceo está despexado. Con isto, o primeiro mes do verán será, de xeito xeral, húmido e cálido, como o foi o mércores das súas témporas. O segundo mes, baixará a humidade e seguirán as temperaturas cálidas, coma o venres das súas témporas. O terceiro mes do verán será moi seco e caloroso, como o foi o sábado das súas témporas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. As referencias relixiosas nas témporas empréganse só para facilitar o seu cálculo, sen ningunha influencia máxica ou sobrenatural.