Suzhou
| Suxeriuse que "Historia urbana de Suzhou" sexa fusionado con este artigo ou apartado (conversa). Para realizar a fusión dos artigos sigue estes pasos. |
Coordenadas: 31°18′N 120°36′E / 31.3°N 120.6°E
Suzhou é unha antiga e importante cidade chinesa da provincia de Jiangsu, na rexión do delta do río Yangtzé, contigua á municipalidade de Shanghai polo oeste. Conta con 10.465.994 de habitantes (censo de 2010) nun territorio administrativo de 8488 km2.
Con dousmil cincocentos anos de historia no mesmo solar aparece como unha das cidades de máis longa continuidade urbana coñecida. Fundada no 514 aC coma capital amurallada do estado de Wu co nome de Helu Dacheng, foi despois capital de prefectura baixo as dinastías Chin, Han e Jin. Na época Tang comezou o seu forte desenrolo baseado nunha fértil rexión arroceira e o crecemento comercial aportado polo completamento do Gran Canal (602). Durante a dinastía dos Song Meridionais (s.XIII) acadou o seu esplendor coma emporio da industria da seda, cunha singular configuración urbana dun entretecido de rúas e canais que Marco Polo calificou como "a Venecia do Leste". A súa prosperidade coma metrópole comercial e cultural do Imperio Chinés continuou baixo as dinastías Ming e Qing. Numerosos xardíns privados de ricos funcionarios e comerciantes embeleceron aínda máis a vila neste tempo.
O ascenso de Shanghai coma privilexiado porto aberto a finais do século XIX significou o paso a un segundo plano de Suzhou durante o século XX. Pero precisamente as sinerxias creadas pola súa proximidade á gran megalópole chinesa, teñen impulsado nas últimas décadas o desenrolo de Suzhou ata un dos postos senlleiros da economía do xigante asiático.