Suspense

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O director cinematográfico Alfred Hitchcock, que foi chamado o mestre do suspense.

O suspense, suspenso ou thriller é un amplo xénero literario, cinematográfico, de televisión e, recentemente, de videoxogos.[1] Abarca numerosos, e frecuentemente solapados, subxéneros. O termo inglés thriller, usado adoito, deriva do verbo thrill (asustar, estremecer, emocionar).

Este xénero caracterízase por un ritmo rápido, acción frecuente e con heroes enxeñosos que deben frustrar os plans dos máis poderosos e mellor equipados malvados. Utiliza tamén unha gran cantidade de "dispositivos", como as pistas falsas e os cliffhangers.[2]

O cineasta Alfred Hitchcock está frecuentemente considerado como o mestre do xénero, con obras mestras como North by Northwest (coñecida en castelán por Con la muerte en los talones) e Psicose. Despois do asasinato do presidente Kennedy, os thrillers políticos e de paranoicos fixéronse moi populares.

Sobre o suspense[editar | editar a fonte]

O suspense é un xénero narrativo que ten a súa expresión no cinema, a literatura, as historietas, a televisión as fotonovelas e os videoxogos. Actualmente está moi influído polo terror psicolóxico.

Unha película de suspense é basicamente unha historia de intriga que se caracteriza por ter ritmo rápido, acción, heroes enxeñosos e malvados poderosos e influentes. O relato usualmente ten maior consistencia e argumentación que outros xéneros cinematográficos, e a súa principal característica é que todos os elementos propios dun guión (personaxe principal, antagonista, meta, conflito, ritmo, etc.) están ao servizo dunha intriga, é dicir, ao servizo dunha acción que se executa con astucia e ocultamente.

Estes filmes tamén se coñecen como de "terror intelixente". Utilizan técnicas como os cliffhangers.

Así como a función do xénero de terror é provocar o interese a través de emocións fortes que poñen en estado de "alerta" ao público, o xénero de suspense quere provocar un interese a través da emoción pero, ao mesmo tempo, suma un interese de carácter mental. Por tanto, unha película de suspense funciona na medida de que emociona e interesa cognitivamente ao espectador.[3]

Estrutura[editar | editar a fonte]

  • Argumento: teses ben fundamentadas e xeralmente máis consistentes que as doutros xéneros.
  • Protagonista: un personaxe duro, enxeñoso, acostumado ao perigo.
  • Protagonistas habituais: policías, espías, detectives, mariñeiros, oficiais militares, pilotos, personaxes perturbados mentalmente, etc.
  • Antagonistas: malvados moi preparados, poderosos e influentes.
  • Antagonistas habituais: asasinos, políticos corruptos, mafiosos.
  • Elementos omniscientes: enerxías, microbios, entidades, axentes químicos, especies sobrenaturais, zombis, etc.
  • Meta do protagonista: debe frustrar os plans dun inimigo poderoso, descubrir a resposta aos interrogantes que dan inicio á trama, como resolver un crime, encontrarlle explicación a sucesos estraños, etc.
  • Dessenvolvemento: o relato debe posuír elementos de perigo, confrontacións de diversa intensidade e elementos sorpresa.
  • Temáticas comúns: frustrar asasinatos, evitar derrocamentos de gobernos, revelar enganos políticos, sociais ou relixiosos.
  • Locacións habituais: desertos, rexións polares, selvas, cidades estranxeiras, etc. Escenarios que sexan descoñecidos para unha determinada audiencia; mellor se desperta algún tipo de misterio.

Características[editar | editar a fonte]

As películas de suspense suceden frecuentemente completa ou parcialmente en lugares exóticos tales como cidades estranxeiras, desertos, rexións polares, selvas ou en alta mar. Os heroes na maioría dos thrillers son frecuentemente "tipos duros" acostumados ao perigo, oficiais de policía, detectives privados, espías, soldados, mariñeiros ou pilotos. De todos modos, tamén poden seren cidadáns ordinarios arrastrados ao perigo por accidente. Aínda que tales heroes eran tradicionalmente homes, as mulleres están sendo cada vez máis frecuentes.

Os filmes de suspense solápanse frecuentemente con historias de misterio, aínda que se distinguen pola estrutura do seu argumento. En suspense, o heroe debe frustrar os plans dun inimigo, en lugar de descubrir un crime que xa sucedeu. Os suspenses tamén suceden a unha escala moito maior: os crimes que deben preverse son asasinatos masivos ou en serie, accións terroristas ou derrocamentos de gobernos. Perigo e confrontacións violentas son elementos estándar no argumento. Mentres un misterio alcanza o clímax cando o misterio se resolve, un suspense alcanza o clímax cando o heroe finalmente vence ao malvado, salvando a súas propia vida e, frecuentemente, as vidas doutros. Nos suspenses influídos polo cine negro e a traxedia, o heroe comprometido é frecuentemente asasinado no proceso.[4]

Foi Edgar Wallace a quen se lle concedeu a etiqueta de crear o xénero "thriller" coa súa novela Os catro homes xustos (1905). Gran parte das súas novelas foron levadas ao cine, convirténdose nun dos escritores máis famosos da Inglaterra de comezos do século XX.

En anos recentes, cando os suspenses foron cada vez máis influídos polo horror ou a exposición popular do terror psicolóxico (Hide and Seek, Shutter Island) a entidades omniscientes ou monstruosas convertéronse en elementos comúns para aumentar a tensión. O monstro pode ser calquera cousa, incluso unha forza física inferior feita superior só polo seu intelecto (como na serie de películas Saw), pode ser unha entidade sobrenatural (Drácula, Christine, The Amityville Horror ou Final Destination), extraterrestres (libros de Cthulhu de H.P. Lovecraft, A cousa de John Carpenter, asasinos en serie (Stepfather, A matanza de Texas), microbios ou axentes químicos (Cabin Fever, The Last Man On Earth de Richar Matheson), ou mesmo só perigos froito da imaxinación mesturados enxeñosamente coa realidade (Perfect Blue). Algúns autores fixeron a súa "marca" incorporando todos estes elementos (Richard Laymon, Francis Paul Wilson) a través das súas bibliografías.

Distincións similares separan o suspense doutros xéneros (ás veces solapados): aventuras, espías, asuntos legais, guerra, ficción marítima e outros.

O suspense non se define polo seu tema, senón pola forma de acercarse a el. Moitos suspenses involucran espías e espionaxe, pero non todas as historias de espías son suspenses. As novelas de espías de John Le Carré, por exemplo, explicita e intencionadamente rexeitan as convencións do thriller. Polo contrario, moitos suspenses cruzan a outros xéneros que tradicionalmente tiveron poucos ou ningún elemento de suspense. Alistair MacLean, Hammond Innes e Brian Callison son máis coñecidos polos seus suspenses, pero tamén son notábeis escritores de historias do home contra o mar. Libros de fantasía, como a saga de Harry Potter da autora británica J. K. Rowling, poden catalogarse neste xénero con mestura de fantasía, suspense policíaco e suspense político.

Os suspenses poden definirse pola atmosfera que exhiben: emoción, que dá orixe ao nome do xénero.

Algúns exemplos[editar | editar a fonte]

Literatura[editar | editar a fonte]

  • Dan Brown: O código Da Vinci - 2003. Robert Langdon, un simboloxista estadounidense, e Sophie Neveu, unha criptóloga francesa, investigan sobre o Priorato de Sión.
  • Éliette Abécassis: Qumran - 1996. David Cohen, un arqueólogo, debe encontrar un dos célebres rolos dos Manuscritos do mar Morto, perdido ou, máis verosimilmente, roubado.
  • Katherine Neville: Le Huit - 1988. A heroína, Catherine Velis, debe afrontar un mundo de perigo e conspiracións para encontrar as pezas dun xogo de xadrez lendario que pertencera a Carlomagno.
  • Umberto Eco: O nome da rosa 1980. Guillaume de Baskerville, un monxe franciscano, antigo inquisidor, e o seu novizo Adso, narrador da intriga, van a unha abadía benedictina, situada entre a Provenza e Liguria. Encargado oficialmente dunha misión diplomática, Guillaume de Baskerville ten, en realidade, a encarga de investigar sobre os crimes cometidos no seo da comunidade de monxes, e tamén buscar un misterioso manuscrito na biblioteca secreta e prohibida da abadía.

Filmes[editar | editar a fonte]

Non foi realmente co cinema cando comezou o thriller, senón máis ben que a literatura proporcionoulle escenarios e motivos en cantidade.

  • The Bourne Identity é así unha adaptación dunha novela de Robert Ludlum: encóntrase un home ferido de bala no Mediterráneo e, cando acorda, sufre de amesia; a única conexión coa súa historia son os informes da súa conta bancaria que leva consigo e a gran capacidade para os combates de todo tipo. Matt Damon ten o papel principal desta adaptación segundo os estándares do thriller, en particular a aceleración da intriga debida ao feito que os seus adversarios saben máis del que o propio heroe, e así poden anticiparse. As dúas continuacións, The Bourne Supremacy e The Bourne Ultimatum, xorden da trama de Ludlum das novelas de títulos correspondentes, pero seguindo o estilo do thriller de conspiración.
  • Un crime dans la tête (1962) é un clásico no contexto da [[guerra fría]: uns soldados secuestrados convértense en axentes dormentes pola manipulación psicolóxica e electrónica. Esta película deu lugar a un remake en 2004, obviamente trasposto para o contexto da posguerra fría: un escuadrón de soldados estadounidense é secuestrado e sometido a un lavado de cerebro. Isto failles ter recordos falsos, o que unido a un microchip que se lles implanta, convérteos en robots (posibelmente asasinos). Un dos soldados dase de conta de que algo anda mal, e fai fallar a manipulación antes de que outro membro do escuadrón se converta en presidente dos Estados Unidos, o que daría a unha forza oculta o poder total sobre o país.
  • Ronin presenta unha historia chea de suspense sobre un conflito entre diferentes lealdades: un equipo de mercenarios da posguerra fría monta unha emboscada en Francia para recuperar unha maleta negra da que non sabemos nada desde o principio até o final, pero pola que paga a pena matar. A emboscada fracasa, e o equipo se encontra nunha situación de cada un mira para si, ou incluso un contra o outro.
  • Inception presenta un thriller psicolóxico a nivel da arquitectura da mente. O heroe, Dom Cobb (interpretado por Leonardo DiCaprio) debe implantar unha idea a unha persoa sin que se dea de conta. Isto poderá manipular a esta persoa en soños preconstruídos polo seu equipo. Máis adiante na trama os espectadores comprenden como Cobb sabe mucho acerca da incepción. A película é de moito suspense xa que é a primeira que manexa 4 estratos de tempo simultaneamente, cada un dos cales está a punto de vacilar. A final da película deixa un sinfín de hipóteses para o espectador non só polo plan da buxaina senón tamén pola película desde un punto de vista global e sobre o que o director Christopher Nolan pretendía significar. Moitos cren que a película é a terapia psicolóxica de Dom Cobb. O implante, por tanto, sería de Cobb e non o que parece ao principio.

Un certo número de thrillers tiveron éxito á vez como novela e como filme como, por exemplo, Chacal de Frederick Forsyth, The Hunt for Red October (A caza ao Outubro Vermello) (1990) de Sam Neill, a serie de aventures de Jack Ryan, The Silence of the Lambs (O silencio dos cordeiros) de Thomas Harris a serie de Jurassic Park e Congo de Michael Crichton, O código Da Vinci de Dan Brown e Knowing de Alex Proyas.

Televisión[editar | editar a fonte]

  • 24 é unha serie de televisión que sigue en tempo real as fazañas do axente federal Jack Bauer na súa loita contra as ameazas terroristas, na que cada temporada de episodios se desenvolve en 24 horas; a serie inspírase nos acontecementos que trastornaron os Estados Unidos despois dos atentados do 11 de setembro de 2001.
  • Matalobos, achega galega ao xénero enmarcada no narcotráfico en Galiza e a loita contra el, serie cuxos personaxes se definen en función do seu aliñamento moral e do lado da lei en que se atopan: por unha banda, están os "bos" (Sara, Pedro, Lola, Pepe, Marcos, a xuíza Olaia e o tenente Santiago Táboas), que queren acabar coa familia Matalobos e os seus negocios mafiosos e non pararán até destruílos, e por outra, os "malos" (Dona Carme, Diego, Carmelo, Campos e Adriana Calderón), que basean o seu poder nos cartos e en todo tipo de negocios ilegais.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Xénero: Thriller". http://www.illiterarty.com/genre-thriller. (en inglés)
  2. Serie melodramática en capítulos co final de cada un deles en suspenso, "ganchos" para que o público espere o próximo capítulo ou episodio.
  3. Detective-Mystery Films (en inglés)
  4. Thriller-Suspense Films (en inglés)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Martínez Martínez, Elisa María (2011): Hitchcock: imágenes entre líneas. Universitat de València: Biblioteca Javier Coy d'estudis Nord-americans. ISBN 978-94-370-8105-2.
  • Patterson, James (ed.) (2006): Thriller. Ontario, Canada: MIRA Books. ISBN 0-7783-2299-8.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]