Sun Yat-sen

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Sun Yat-sen

Sun Yat-sen, nado o 12 de novembro de 1866 en Cuiheng, actual Zongshan e finado o 12 de marzo de 1925, foi un líder nacionalista e republicano chinés. Está considerado como o fundador da República China.

Traxectoria [editar]

Inicios [editar]

De orixe humilde, conseguiu estudar medicina en Honolulu, onde o recibiu un seu irmán alí emigrado, e en Hongkong. Convertido ao cristianismo, adoptou un novo nome: Rixin

Aínda que comezou aliñado cos partidarios dunha monarquía constitucional, en 1894 fundou a Sociedade para a rexeneración de China cuxo obxectivo político era o derrocamento da dinastía Quing e o advenimento dun réxime democrático. Participou no golpe de estado fraguado en Cantón en setembro de 1895 o que provocou o seu exilio. En 1896 foi secuestrado en Londres por axentes da embaixada imperial chinesa

En Xapón funda en 1905 a Sociedade da Alianza e en 1911, en Guandong, o Partido Nacionalista Chinés ou Quomintang.

Goberno revolucionario [editar]

Tras o levantamento de Wuchang, que provocou a caída do derradeiro Emperador, volveu a China e foi designado primeiro presidente provisional da República Chinesa o 29 de decembro de 1911. Sun Yat-sen non controlaba o norte do país, en mans das forzas de Yuan Shikai que arelaba ser un novo emperador. Sun Yat-sen accedeu a que aquel ocupara a presidencia co fin de unificar a nación e coa esperanza de desprazalo do poder a curto prazo. Fracasado neste intento, Sun Yat-sen volveu de novo ao exilio en 1913.

Volveu a China en 1917, onde organizou un goberno que controlaba un escaso territoio, e traballou por reunificar o país. Fundou a academia militar de Whampoa onde colocou ao seu colaborador Chiang Kai Chek. Procurou que o seu partido colaborase co Partido Comunista Chinés para acadar uns obxectivos comúns de democratización e reformas socioeconómicas.

Finou, vitima dun cancro cando se dirixía a Beijing a negociar a unificación. Os seus Tres principios do pobo: Democracia, nacionalismo e benestar, seguen a ser referentes nas dúas Chinas actuais.