Suevia (Bos Aires)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Suevia, subtitulada Revista Gallega Regionalista, foi unha revista de periodicidade quincenal que se publicou en Bos Aires, dirixida polo pontevedrés Joaquín Pesqueira, máis coñecido polo seu pseudónimo Conde de Cela.

Primeira época (1913)[editar | editar a fonte]

Na primeira época publicou 9 números, entre xaneiro de 1913[1] e o 28 de xuño do mesmo ano. Entre os colaboradores da revista estiveron Castelao, Valle Inclán, Murguía, Pondal, Brañas, Labarta Pose e outros, xunto ó propio Conde de Cela. Tamén cómpre destaca-lo traballo de ilustrador realizado por Lourido, ademais doutros debuxantes (as fotografías son contadísimas).

A lingua da revista foi maioritariamente o castelán, reservándose o galego para os textos poéticos e só, excepcionalmente, algunha prosa. Os contidos consistiron en noticias sobre Galicia e sobre persoeiros galegos, así como alegacións en prol do movemento rexionalista de Brañas e Murguía, con abundantes críticas á situación social do país -causante dunha crecente emigración-, ó caciquismo e ós foros.

Segunda época (1916)[editar | editar a fonte]

A revista, coa mesma cabeceira, director -que xa non utiliza o seu pseudónimo- e a maioría dos colaboradores, reapareceu o 1º de xaneiro de 1916. Realmente, en ningún momento fai mención da etapa anterior e a numeración comeza de novo como "Primer año. Número 1"; cambia tamén o subtítulo da revista, do que cae o adxectivo "regionalista" e agora pasa a ser só "Revista Gallega". En calquera caso, todo parece indicar unha continuidade editorial, se ben agora pesan máis os aspectos artístico e estético.

Nesta segunda época, tamén con periodicidade quincenal, só se publican 6 números, o último o 18 de marzo de 1916. Obsérvase un aumento espectacular do número e tamaño das ilustracións, o que fai que se poida definir como revista ilustrada, destacando maioritariamente as fotografías de cidades, monumentos e paisaxes de Galicia. Contén numerosas caricaturas e dibuxos varios de Castelao e Lourido.

O uso do galego mantense moi reducido e só como lingua poética ou dos pés dalgúns dos debuxos.

Reedición[editar | editar a fonte]

En 2007, o Centro Ramón Piñeiro publicou unha edición facsimilar dos 15 números publicados.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. A revista non indica a data exacta.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibiografía[editar | editar a fonte]