Sueiro Gómez de Soutomaior

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Suero Gómez de Soutomaior»)
Sueiro Gómez de Soutomaior
Señor de Rianxo, Lantaño, San Tomé, Portonovo…
Restos do sepulcro, conservado no Museo de Pontevedra
PredecesorPaio Gómez de Soutomaior
SucesorInés de Mendoza e Soutomaior

Nacementoca. 1417
Rianxo
Falecementoca. 1490
Pontevedra, Galiza
SepulturaSan Domingos de Pontevedra
(Museo Provincial de Pontevedra)
Cónxuxe/sLeonor Vazquez de Insua
DescendenciaInés de Mendoza e Soutomaior
ProxenitoresPaio Gómez de Soutomaior
Maior de Mendoza

Sueiro Gómez de Soutomaior,[1][2][3] (nalgunhas publicacións aparece como Suero Gómez de Sotomayor[4][5] e mesmo Soro Gómez de Soutomaior[6]) nado en Rianxo cara a 1417 e finado en Pontevedra cara a 1490, foi un destacado aristócrata do reino de Galiza durante o século XV, herdeiro dunha liñaxe que se remonta polo menos ao seu tataravó, o grande almirante e adiantado galego Paio Gómez Chariño. Fillo de Paio Gómez de Soutomaior, ostentou o título de mariscal de Castela. Viviu nun tempo convulso, con graves tensións entre os diferentes nobres e os irmandiños. Foi señor das fortalezas e terras de Rianxo, Lantaño, San Tomé, Portonovo, Vilamaior, O Carril e A Insua e das terras de Posmarcos, Tabeirós, Cela e Sobrán. Serviu a Xoán II e en 1445 fíxose cargo da defensa das vilas de Pontevedra e Vilanova de Arousa.[1][2]

Testou en Vilanova en 1485 e foi enterrado en San Domingos de Pontevedra. O seu sartego, cuberto coa súa escultura xacente, cunha hermética armadura e espada entre as mans [3][7], estivo exposto nas Ruínas de San Domingos ata que foi trasladado ó Edificio Castelao do Museo de Pontevedra.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo de Paio Gómez de Soutomaior e Maior de Mendoza (sobriña do arcebispo Lope de Mendoza), naceu cara ao ano 1417 sendo primo do famoso "Pedro Madruga"; casou con Leonor Vasques de Insua.

En 1451 enfrontouse co arcebispado de Santiago de Compostela polas rendas da igrexa de Santo Adrián de Vilariño, Cambados.[2]

Sueiro Gómez de Sotomaior recibiu de seu pai a vila de Rianxo.

O 7 de outubro de 1458 Bernal Yáñez de Moscoso, Pedro Bermúdez de Montaos, Sueiro Gómez de Soutomaior e Lope Pérez de Moscoso xúntanse con outros no Mosteiro de San Paio de Antealtares acordando auxiliarse mutuamente no mellor servizo real, en realidade coa intención de arrebatar o señorío temporal de Santiago ao arcebispo Rodrigo de Luna, ausente por estar nas guerras na fronteira do Reino de Granada.[8]

No ano 1459 o conde de Trastámara Pedro Álvarez Osorio pon cerco ao Castelo da Rocha Forte. Asedio no que participan Bernal Yáñez de Moscoso, Sueiro Gómez de Soutomaior e Lope Pérez de Mendoza, que cercaron a fortaleza, como narra Antonio López Ferreiro e "abrieron fosos, levantaron empalizadas, montaron trabucos el máquinas para lanzar piedras y construyeron otros aparatos bélicos".[9][10]

Guerra Irmandiña[editar | editar a fonte]

Durante a Gran Guerra Irmandiña, Sueiro foi un dos nobres que combateu o movemento irmandiño, o mesmo que pretendía reducir o poder nobiliario sobre os campesiños e sobre os fidalgos pouco favorecidos economicamente. Esta postura antiirmandiña será a que o leve a xurar o 3 de novembro de 1470,[11] un pacto contra o arcebispo Fonseca e Acevedo, a marquesa de Astorga e a Irmandade, e na que participan con el, outros sete altos nobres do reino: Pedro Álvarez Osorio, Xoán de Zúñiga, Sancho de Ulloa, Pedro Alvares de Soutomaior, Lopes Sanches de Moscoso, Diego de Andrade e Diego de Lemos.

Sueiro Gómez de Soutomaior foi soterrado en San Domingos de Pontevedra.

Como consecuencia deste pacto, había tomar partido na batalla de Altamira (acontecida o 13 de xuño de 1471), dentro da coalición de nobres do reino formada por Gomes Peres das Mariñas, Diego de Andrade, Pedro Álvarez de Soutomaior e Pero Pardo de Cela, entre outros, que tentaba acabar coas revoltas antiseñoriais.[Cómpre referencia] Desde a vitoria contra os exércitos irmandiños de Afonso de Lanzós e do arcebispo Fonseca e dos seus aliados, Sueiro autoproclamouse "marechal".[12]

En 1475, fai homenaxe en manos de vos, Esteban de Junqueras a Fonseca.[13]

Guerra civil castelá[editar | editar a fonte]

Durante a Guerra de Sucesión castelá na que se disputaba a lexitimidade entre Isabel e Xoana, alcumada polos seus inimigos "a Beltranexa", Sueiro non chegou a posicionarse politicamente, poñéndose no bando neutral,[Cómpre referencia] aínda que sen opoñerse á integración do Reino de Galiza na coroa portuguesa, como dote da infanta Xoana.

Descendencia[editar | editar a fonte]

Do matrimonio con Leonor Vázquez de Insua tivo unha filla: Inés de Mendoza e Soutomaior que casou con García de Caamaño.[14]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Gómez de Soutomaior, Sueiro". Diccionario enciclopédico galego universal 31. 2003-2004. p. 25. 
  2. 2,0 2,1 2,2 "Gómez de Soutomaior, Sueiro". Enciclopedia Galega Universal 10. 1999-2002. p. 38. 
  3. 3,0 3,1 Ferro Ruibal 1992, p. 492.
  4. "Gómez de Sotomayor, Suero". Diciopedia do século 21 2. 2006. p. 993. […] mariscal de Castela (m. ca. 1490), desempeñou un dos papeis máis importantes das contendas políticosociais da Galicia do seu tempo 
  5. Vilanova Rodríguez, Alberto. "Gómez de Sotomayor, Suero". Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada. 
  6. Pallarés, M. C.; Portela Silva, E. De Xelmírez aos Irmandiños. A Galicia feudal (séculos XII-XV). A gran historia de Galicia, Tomo V, Volume 2. pp. 21, 37 e 50 (2007).
  7. Manso Porto 1990.
  8. Elías de Tejada & Pércopo 1966, p. 125.
  9. López Ferreiro 1905, p. 231.
  10. Sánchez Sánchez 2010, p. 128.
  11. "De vitoria en derrota" en Barros, Carlos. "Revuelta de los irmandiños. Los gorriones corren tras los alcones" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 08/04/2010. Consultado o 8/4/2010. Los campesinos orensanos de Sande y los pescadores de Vilanova de Arousa, por ejemplo, sin estar presente más autoridad que los alcaldes locales irmandiños, redactan sendos cuadernos de agravios contra el Conde de Benavente y Juan Pimentel, y contra el arzobispo de Santiago y Suero Gómez de Soutomaior, respectivamente… 
  12. Salvado Martínez 1943.
  13. Sánchez Sánchez 2010, p. 125.
  14. Sánchez Sánchez 2010, p. 113.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]