Suíza xermanófona

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Linguas de Suíza: en laranxa, a parte xermanófona.

Co termo Suíza xermanófona ou Suíza alemá (en alemán Deutschschweiz ou tamén deutsche Schweiz, en francés Suisse alémanique, en italiano Svizzera tedesca, en retorrománico Svizra tudestga) denomínase ás zonas de Suíza cunha poboación predominantemente xermanófona. Cobre un 65 por cento do territorio suízo.

Localización[editar | editar a fonte]

O alemán é a lingua oficial en 17 dos 26 cantóns suízos: Uri, Schwyz, Obwalden, Nidwalden, Lucerna, Zúric, Glarus, Zug, Soleura, Basilea-Cidade, Basilea-Campo, Schaffhausen, Appenzell Exterior, Appenzell Interior, Sankt_Gallen, Argovia e Turgovia.

Áreas multilingües[editar | editar a fonte]

Outro tres cantóns son bilingües alemán-francés:

  • Berna, con maioría alemá (84%)
  • Friburgo e o Valais, onde o alemán está en minoría (preto dun 30%)

Finalmente, o cantón dos Grisóns é oficialmente trilingüe: alemán (68%), romanche e italiano.

Historia[editar | editar a fonte]

Os suízos alemáns teñen relativamente poucas afinidades cos seus veciños alemáns do norte, a pesar do parentesco lingüístico co outro lado do Rin[Cómpre referencia]. As razóns son esencialmente históricas: a Suíza alemá estivo separada de facto do resto das rexións xermanófonas dende finais da Idade Media, e oficialmente a partir dos Tratados de Westfalia de 1648.

Unha razón suplementaria débese ao estatuto concedido ao dialecto. Aínda que a lingua oficial dos cantóns suízos alemáns sexa o alemán estándar (Hochdeutsch), na vida cotiá, a poboación exprésase, case exclusivamente, no dialecto do alemán suízo (Schwytzerdütsch), que tamén está moi presente na produción cinematográfica helvética[Cómpre referencia]. Así pois, Achtung Fertig Charlie! ou mesmo Grounding son realizacións en versión orixinal suíza alemá. En Alemaña, en cambio, o uso do dialecto está moito máis limitado.

Os suízos alemáns non se senten integrantes dun grupo uniforme[Cómpre referencia]: segundo as rexións, cada un se sentirá máis ben bernés, zuriqués, basilense, lucernés etc. O federalismo, moi implantado en Suíza, onde as decisións políticas a miúdo se toman a nível cantonal ou municipal, reforza aínda máis esta actitude.

Culturalmente falando, a Suíza alemá non constitúe tampouco un conxunto homoxéneo. Xa na Idade Media existían diferenzas acentuadas entre os cantóns rurais e os urbanos. Despois da Reforma, xurdiron divisións entre as rexións convertidas ao protestantismo e as que seguiron sendo católicas. Hoxe, coa mestura das poboacións e o retroceso do feito relixioso, as diferenzas confesionais perderon importancia; pola contra, pódese notar unha lixeira recuperación das diferenzas entre as cidades (progresistas) e o campo (conservador).

Características lingüísticas[editar | editar a fonte]

Os dialectos suízos alemáns (Schwytzerdütsch) son próximos aos dialectos xermánicos falados nos países veciños (por exemplo o alsaciano, as falas do antigo País de Baden en Alemaña, os de Liechtenstein e do Vorarlberg austríaco). Mantiveron sobre todo certos monotongos do alto alemán: cf. ziit ("tempo"), huus ("casa"), convertidos respectivamente en Zeit e Haus no alemán estándar. Os dous principais conxuntos dialectais deslíndanse pola chamada liña Brünig-Napf-Reuss.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]