Stevie Nicks

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Stevie Nicks
Stevie Nicks 2.jpg
Nome completo Stephanie Lynn Nicks
Naceu 26 de maio de 1948 (66 anos)
Orixe Phoenix, Arizona Flag of the United States.svg
Instrumento(s) voz, piano, teclados, guitarra, percusión
Relacionado con Fleetwood Mac, Buckingham Nicks, Tom Petty and the Heartbreakers, David A. Stewart, Sheryl Crow
Tempo en activo 1967 - actualidade

Stephanie Lynn "Stevie" Nicks, nada o 26 de maio de 1948 en Phoenix, Arizona, é unha cantante e compositora estadounidense, coñecida sobre todo polo seu traballo con Fleetwood Mac e a súa extensa carreira en solitario, que colectivamente produciron máis de 40 éxitos top 50 e venderon ao redor dos 140 millóns de álbums. Foi considerada "A raíña reinante do Rock and Roll" pola revista Rolling Stone, e como membro de Fleetwood Mac, foi engadida ao Rock and Roll Hall of Fame en 1998. Como artista en solitario, foi nomeada a oito premios Grammy, e con Fleetwood Mac a cinco máis.

Nicks uníuse a Fleetwood Mac en 1974, xunto coa súa parella sentimental e artística Lindsey Buckingham. O segundo álbum de Fleetwood Mac tras a incorporación de Nicks e Buckingham, Rumours, publicado en 1977, é o décimo álbum máis vendido de todos os tempos, con máis de 40 millóns de copias en todo o mundo e permanecendo no número 1 das listas de álbums estadounidenses durante 31 semanas, ademais de acadar a cima das listas de varios países.

Nicks comezou a súa carreira en solitario en 1981 co álbum Bella Donna, que chegou a vender 8 millóns de copias, e dende entón ten producido sete traballos máis de estudio, o máis recente deles titulado In Your Dreams e publicado o 3 de maio do 2011. Tras superar a súa adición á cocaína e a súa dependencia aos tranquilizantes, Nicks segue sendo unha artista en solitario moi popular. Nicks é coñecida pola súa distintiva voz, estilo visual místico e as súas letras simbólicas.