Stavkirke

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Igrexa de madeira de Borgund, en Lærdal (Sogn og Fjordane, Noruega).
Detalle do portal da igrexa de madeira de Urnes, en Luster, Sogn og Fjordane.
A igrexa de madeira de Heddal, a maior de todas as stavkirke (Notodden, Telemark).

Stavkirke é unha palabra norueguesa[1][2] coa que se denomina un tipo particular de templos cristiáns medievais construídos de madeira, anteriormente comúns na Europa do Norte pero no presente confinados case exclusivamente a Noruega. As máis antigas teñen idades superiores aos 800 anos.

A súa característica particular é a súa técnica de construción, a stavverk, que consiste nun armazón de madeira formado de stav —grosos postes circulares que lle dan nome ás igrexas— sostidos por espigas a un marco cadrado de soleiras de madeira, que á súa vez se atopa asentado sobre alicerces pétreos, protexendo a madeira da humidade. A técnica relaciona as stavkirke co entramado de madeira, e confírelles, ademais, resistencia ás condicións climáticas, estabilidade e rixidez. A stavverk é descendente das desaparecidas igrexas de postes, construcións de técnica máis simple, aínda que nalgúns casos son bastante similares ás propias stavkirke.

A planta das stavkirke máis simples divídese nunha nave e nun coro, mentres as máis evolucionadas aseméllanse ás basílicas románicas, co teito en chanzos e piares no interior da nave. Esa similitude, ademais da decoración escultórica e pictórica, fixo supoñer que as stavkirke teñen as súas orixes na arte románica, mais esta teoría non é compartida por varios expertos.

Actualmente fican en pé 28 stavkirke medievais en Noruega, unha en Suecia e unha máis en Polonia (esta última de orixe norueguesa). Entre as máis coñecidas figuran a Igrexa de Borgund, de espectacular deseño e a mellor representante do xénero, e a Igrexa de Urnes, probablemente a máis antiga e un exemplo sobresaínte da arte decorativa nórdica, declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco.

Historia[editar | editar a fonte]

A igrexa de Fortun, antes de ser trasladada a Bergen.

As stavkirke chegaron a ser populares durante a Idade Media no noroccidente de Europa. Só en Noruega, considérase que existiron unhas dúas mil.[3] O número de stvakirke construídas noutras partes de Europa e en Islandia descoñécese. Anteriormente, críase que as stavkirke foran o primeiro tipo de templos cristiáns construídos en Escandinavia, mais agora sábese da existencia de formas máis antigas, como as chamadas igrexas de postes, se ben as diferenzas entre ambos tipos de templos é bastante pequena. As stavkirke foron consideradas obsoletas desde a Idade Media e substituíronse case en toda a súa totalidade. En Noruega, non foron substituídas tan rapidamente como noutros lugares de Europa, e varias delas chegaron ao século XIX.

Anteriormente, nos países nórdicos, o termo stavkirke incluía a todas as igrexas medievais construídas en madeira, e por ende, na definición incluíronse erroneamente os restos de igrexas de postes e de igrexas en estacada, así como a Igrexa de Greensted, en Inglaterra.

As escavacións arqueolóxicas revelaron que as stavkirke son realmente descendentes de construcións en estacada e das máis recentes igrexas de postes. Coñécense edificios en estacada que datan da Era Viquinga; estes eran edificios compostos de troncos partidos pola metade co extremo inferior espetado no chan, formando unha parede que se dotaba dun teito. Pese á súa sinxeleza, a construción podía perdurar décadas ou incluso séculos, sobre todo se se construía sobre grava.

Nas igrexas de postes, os muros colocábanse sobre unha soleira, e unicamente os postes esquineiros eran cravados na terra.

A seguinte fase partiu da observación da susceptibilidade dos postes esquineiros á putrefacción, ao estar en contacto co solo húmido. Para evitar iso, os postes foron colocados sobre grandes pedras, incrementando así o seu tempo de vida.

Nas igrexas máis evolucionadas, os postes poñíanse sobre un marco ríxido de soleiras que descansaba sobre cimentos de pedra. Esta é a stavkirke na súa forma máis madura.

Noruega[editar | editar a fonte]

A igrexa de Urnes, debuxada por Johan Christian Dahl.

Noruega é o país que conserva a inmensa maioría das stavkirke. A maior parte destas foron erixidas entre 1150 e 1350, aproximadamente. Na Idade Media houbo un número aproximado de 1000 stavkirke no país, aínda que segundo outras estimacións, o número podería ascender até 2000 igrexas. A maioría desapareceu entre 1350 e 1650, coincidindo con eventos como a peste negra e a reforma protestante. En 1650 quedaban cerca de 270, cen anos despois 34, até chegar á cifra actual de 28.

O libro De Norske Stavkirker ("As stavkirke norueguesas") de Lorenz Dietrichson de 1892,[4] é unha das obras fundamentais para o estudo das stavkirke; mais, nel vertíase a crenza que se tiña no país de que as stavkirke eran unha contribución única de Noruega á arte cristiá, teoría que foi desbotada cos numerosos achados arqueolóxicos que proban a súa existencia por todo o norte de Europa.

Lei do Gulating[editar | editar a fonte]

A Igrexa de Urnes no seu aspecto actual.
Foto de Nina Aldin Thune

O Gulating foi unha asemblea que serviu como poder lexislativo e xudicial para o sur e o occidente de Noruega durante a Idade Media. A lei do Gulating foi escrita por primeira vez no século XI, e no capítulo 12 fálase sobre as stavkirke:

Se un particular constrúe unha igrexa, sexa nobre ou campesiño, ou sexa quen sexa quen constrúa a igrexa, debe mantela en pé e evitar que o seu baseamento se arruíne. Pero se a igrexa se pudre e os postes esquineiros se caen, el terá que levar madeira nun prazo non maior a doce meses; se non fai isto, pagará tres marcos de multa ao bispo e de todos modos levará troncos para levantar a igrexa.[5]

Nó século XIX, os primeiros en interesarse polas stavkirke de Noruega foron os pintores Johannes Flintoe e J.C. Dahl, quen escribiron sobre elas durante as súas viaxes a través do país. Dahl foi quen tomou a iniciativa de rescatar a igrexa de Vang de ser derribada tras a promulgación da nova lei eclesiástica de 1851, que establecía que as igrexas parroquiais de Noruega debían ter cupo para polo menos unha terceira parte da poboación da parroquia. Varias igrexas foron rescatadas pola Sociedade para a Preservación dos Monumentos Antigos. Algunhas foron compradas e permaneceron no seu sitio orixinal; outras foron trasladadas, como a igrexa de Vang, levada á actual Polonia. A igrexa de Gol transportouse até a colección do rei Óscar II en Bygdøy, e actualmente pertence ao Museo Popular de Noruega. A igrexa de Fortun foi levada a Bergen, a de Garmo a Maihaugen, e a de Haltdalen ao Museo Popular de Trøndelag.

Suecia[editar | editar a fonte]

Igrexa de Hedared, en Suecia.

Pouco se sabe das stavkirke medievais de Suecia, a falta de suficientes representantes actuais e de fontes escritas. A Västgötalagen, un manuscrito legal do século XIII, menciona brevemente a constitución dunha stavkirke.

Sábese pouco das stavkirke suecas, xa que só unha delas permanece en pé, a sinxela igrexa de Hedared, construída arredor de 1500 no lugar dunha stavkirke máis antiga. A desaparecida igrexa de Skaga áchase asociada a lendas; construída sobre un lugar de culto pagán, foi demolida en 1826 supostamente para destruír definitivamente as crenzas nórdicas antigas. Outros restos interesantes son os da igrexa de Hemse, en Gotland, que aínda que chamada stavkirke, en realidade trátase dunha igrexa en estacada. Os restos de Santa María a Menor en Lund comprenden rastros de técnicas tanto de estacada como de postes. Só en Escania había preto de 300 igrexas cando Adán de Bremen visitou Dinamarca na primeira metade do século XI, pero descoñécese o número de stavkirke. En anos recentes iniciouse a reconstrución de varias stavkirke suecas, entre as que figura a igrexa de Skaga.

Dinamarca[editar | editar a fonte]

Reconstrución da igrexa de Hørning, no Museo Moesgård (Aarhus, Dinamarca).

En Dinamarca atopáronse restos arqueolóxicos de igrexas de postes en varios lugares, como na igrexa de pedra de Jelling. Aínda se conservan partes dalgunhas stavkirke danesas, por exemplo unha viga cunha cabeza de dragón procedente da igrexa de Nørre Hørning, na península de Xutlandia.

Inglaterra[editar | editar a fonte]

En Inglaterra houbo anteriormente un debate sobre a orixe da igrexa de madeira de Greensted, en Essex. Debatíase se era unha stavkirke ou unha edificación anterior. O consenso xeral terminou por clasificala como saxoa, aínda que con similitudes coas stavkirke. Hai outra igrexa inglesa con certas similitudes coas stavkirke, a igrexa de Santa María, en Kilpeck, Herefordshire, que posúe cabezas de dragóns.

Alemaña[editar | editar a fonte]

Existe unha igrexa de pedra en Alemaña cunha decoración que mostra un dragón similar aos que se ven nalgunhas stavkirke norueguesas, así como nos restos dunha stavkirke de Dinamarca e doutra de Gotland, en Suecia. Levantouse unha controversia sobre se a decoración pode ser atribuída a semellanzas culturais ou se indica métodos de construción similares.

Material de construción[editar | editar a fonte]

A materia prima máis común para a construción das stavkirke foi a madeira de piñeiro (Pinus sylvestris). Para a construción da armazón utilizáronse piñeiros bastante medrados, cos troncos cun diámetro o suficientemente grande e con abundante durame no seu corpo. O durame está impregnado de resina de maneira natural, que evita infeccións por axentes biolóxicos.

Noutros lugares empregáronse outras especies vexetais. En Dinamarca, no norte de Alemaña e en Inglaterra utilizouse principalmente a madeira de carballo, como foi na igrexa sueca de Hedared.

Datación das stavkirke[editar | editar a fonte]

A datación destes edificios pode realizarse de diferentes xeitos, por testemuñas históricas, inscricións, estudos estilísticos dos detalles decorativos, dendrocronoloxía e datación por carbono 14. Nalgúns casos existen rexistros históricos que mencionan a existencia da stavkirke. As investigacións arqueolóxicas poden aportar información para realizar unha datación relativa da estrutura, mentres que os métodos de datación absoluta poden indicar unha data máis exacta. Unha desvantaxe da dendrocronoloxía é que pasa por alto a posibilidade de que a madeira fora reciclada a partir dunha estrutura máis antiga, ou que puideron transcorrer anos desde a data do corte ao uso. A reutilización da madeira e as reparacións son factores de ruído na datación, pois poden existir pezas de madeira moito máis recentes que a data de construción.

Desenvolvemento da técnica[editar | editar a fonte]

A construción das stavkirke ten os seus inicios na técnica en estacada e na técnica de postes. As igrexas construídas con estas técnicas son chamadas a miúdo igrexas de estacada e igrexas de postes, respectivamente. Entre as dúas técnicas hai varias formas intermedias, do mesmo modo que entre estas e a técnica stav.

Na stavverk, os postes (stav) colócanse sobre cimentos de pedra, ou sobre soleiras de madeira. A igrexa máis antiga de Noruega foi levantada coa técnica de postes, pero esta última foi mudada gradualmente pola stavverk. Ambas formas de construción puideron coexistir nun período de transición.

Das tres técnicas mencionadas, as dúas primeiras son máis susceptibles ao deterioro debido a que as súas edificacións teñen partes soterradas no solo. Tales edificios teñen un tempo de vida de entre 75 e 150 anos. Só son capaces de sobrevivir por períodos máis longos aquelas construcións de madeira sen contacto directo co chan, como é a stavverk.[6]

Técnica de estacada.

Técnica de estacada[editar | editar a fonte]

A técnica máis antiga, a estacada, coñécese desde a Era Viquinga. Trátase dunha construción de muros con estacas ou táboas de madeira cravadas no chan; os muros delimitaban un espazo e sostiñan unha cuberta. Para aumentar a durabilidade, os troncos eran vernizados con brea e colocados sobre unha taxea rechea de grava. Estes edificios, a pesar da súa simpleza, podían ser bastante resistentes. Construíronse até o século XII, e atopáronse restos en varias partes de Europa.

Técnica de postes[editar | editar a fonte]

Técnica de postes.

Separando a madeira do chan, colocándoa sobre vigas soleiras, reducíase o risco de putrefacción. Unicamente os postes esquineiros permaneceron cravados no chan. Os edificios de postes son fáciles de recoñecer no rexistro arqueolóxico polos seus característicos buratos —en ocasións con restos de madeira no seu interior— que deixan os postes na terra. Atopáronse restos de cerca de 25 edificios de postes en Noruega, e marcas indirectas de 7 ou 8 máis. Moitas das igrexas máis antigas de Noruega foron erixidas con esta técnica, pero ningún edificio sobreviviu até os nosos días. Existe unha cuestión sen resolver sobre se o tempo de vida destes edificios foi a causa para a súa substitución polos da técnica stavverk, ou se houbo outras razóns. Atopáronse restos de igrexas de postes baixo o piso dalgunhas stavkirke, como a igrexa de Urnes.

Técnica de stav (stavverk)[editar | editar a fonte]

Técnica de postes stav.

A seguinte fase no desenvolvemento da arquitectura relixiosa de madeira en Europa do Norte conseguiu eludir o problema dos postes soterrados. Os postes, agora chamados stav, foron colocados sobre grandes penas, o que aumentou considerablemente a durabilidade da madeira. Crese que a igrexa de Røldal é deste tipo. As stavverk é a única das tres técnicas medievais que produciu edificios que chegaron aos nosos días.[7]

Nas igrexas posteriores, os postes colocáronse verticalmente sobre unha armazón ríxida e cadrada de madeira, que descansaba sobre un cimento de rochas. As soleiras do armazón ensamblábanse nas súas esquinas por un sistema de espiga-amósega, e os postes colócanse sobre unha amósega no lado superior do armazón. Estas igrexas, co seu sistema similar ao das modernas edificacións de entramado de madeira, representan a forma máis madura das stavkirke.

Clasificación das stavkirke[editar | editar a fonte]

Planta dunha stavkirke Tipo B. Debuxo de Håkon Christie. Midtrom: sala central da nave; omgang: deambulatorio da nave; kor: coro, apsis: ábsida, sval: corredor exterior.

As stavkirke poden clasificarse segundo as súas características en dúas categorías; a primeira, coñecida como de Tipo A, ten postes unicamente nos muros exteriores: postes esquineiros e nalgúns casos, postes intermedios; non teñen postes internos. As stavkirke de Tipo B teñen unha estrutura máis complexa, con postes internos libres que delimitan unha sala central (de modo similar ás columnas da nave das basílicas) e sosteñen a cuberta desta; a sala central está rodeada por un deambulatorio cun teito a menor altura.

Moitas stavkirke tiveron —ou teñen aínda— unha galería ou corredor exterior (sval) que se estende por todo o seu perímetro, arrodeándoa. Ese corredor está conectado de maneira pouco estreita por medio de viguetas ás paredes de táboas da igrexa propiamente dita e probablemente servira para protexer o templo das duras condicións climáticas, así como unha sorte de corredor para as procesións medievais.

Stavkirke «de nave única» (Haltdalen). Debuxo de Håkon Christie.

Igrexa «de nave única», Tipo A[editar | editar a fonte]

Na base das igrexas Tipo A hai catro soleiras sobre un alicerce de pedras pouco profundo. Estas soleiras están interconectadas entre si por amosegas e espigas nos seus extremos, formando un marco cadrado ríxido. Os postes esquineiros (stav) cortábanse en cruz no seu extremo inferior, e a espiga resultante colocábase sobre unha amosega en cada esquina do marco de soleiras. No lado superior das soleiras hai un suco no que están colocados verticalmente as táboas (veggtilene) dos muros a xeito de cuñas. O armazón da igrexa terminábase cunha soleira superior (stavlægje) cun suco no seu lado inferior, no que se introducía o extremo superior das táboas dos muros.

As soleiras superiores sosteñen a armadura do teito; esta consiste dun sistema en tándem formado por un par de cangos principais (taksperre), que dan a inclinación ao teito e sosteñen o traveseiro, e un par adicional de vigas en tesoira (saksesperre), que funcionan como puntais dos cangos. Tanto cangos como vigas da tesoira parten dun mesmo punto na soleira superior. Adicionalmente, hai viguetas perpendiculares que conectan cada cango co do lado oposto; o resultado é unha especie de celosía bastante ríxida.

Igrexa de Rødven, de tipo alongado con puntais exteriores. Foto de Frode Inge Helland

Pola súa evolución, distínguense tres estilos:

  • Sinxelo. Teñen unha nave rectangular e un coro máis pequeno case cadrado. Foi o estilo máis común no século XII. As stavkirke de Haltdalen e Hedared pertencen a este tipo. Algunhas destas sinxelas igrexas foron derribadas nalgún momento e reconstruídas en igrexas alongadas.
  • De poste central. Teñen no centro da nave un poste bastante longo que alcanza a armazón do teito. Esta variación está representada en Numedal e Hallingdal e data aproximadamente de 1200. As únicas tres stavkirke deste tipo na actualidade son a de Høyjord, a de Nore e a de Uvdal.
  • Alongado. As igrexas alongadas teñen un plano rectangular con nave e coro da mesma anchura; regularmente, a nave ocupa dous terzos da lonxitude total. Hai ademais postes intermedios nos muros. A diferenza doutras stavkirke, teñen viguetas sobre a nave, onde inicia o teito, como se formaran parte da armazón dun plafón. Poden ter tamén puntais exteriores que conectan os muros co solo do exterior, como as igrexas de Kvernes e Rødven (aínda que non se sabe con certeza se os seus puntais son orixinais).

Igrexa de sala central con teito elevado, Tipo B[editar | editar a fonte]

Stavkirke con sala central de teito elevado (Borgund). Debuxo de Håkon Christie.

Estas igrexas foron chamadas anteriormente igrexas de tres naves para distinguilas das de Tipo A, de nave única. Esa denominación empregada, entre outros, por Lorenz Dietrichson,[8] caeu en desuso, pois implicaba que as stavkirke tiñan unha nave central e dúas laterais, é dicir, unha disposición de basílica.[9] Non obstante, o característico das stavkirke con sala central é un deambulatorio (omgang), que rodea a sala central (mitrom) polos catro costados, a diferenza das naves laterais. En todo caso, as stavkirke amosan certa similitude coas igrexas de planta central, coa diferenza de que a sala central das stavkirke é sempre rectangular.

Sobre os alicerces de pedra hai catro grosas vigas de madeira (grunnstokker) que se cruzan entre si e forman un ríxido armazón en forma dun signo #. Cada viga esténdese entre 1 e 2 m máis alá do punto de intersección. Os extremos das vigas sosteñen as soleiras dos muros exteriores, formando un marco cadrado horizontal independente do marco cadrado central formado polas vigas grosas. Os postes da sala central colócanse no cadro central e son os encargados de soster o teito elevado da sala central. No marco horizontal exterior das soleiras repousan as catro paredes de táboas cos seus postes esquineiros, que son as que sosteñen o teito baixo do deambulatorio que rodea a sala central. Así, dando unha impresión de basílica, o teito queda dividido en dous niveis e a sala central e o deambulatorio permanecen divididos por fieiras de postes a maneira de piares.

Os postes da sala tamén se conectan ás soleiras superiores dos muros por medio de vigas, o que lle dá á igrexa rixidez lateral. Case no cumio dos postes insértanse entre estes as soleiras superiores para soportar os muros da sala central, que quedan en contacto co exterior. No extremo superior dos muros da sala colócase un terceiro marco de soleiras, do que parten as vigas do teito, nunha disposición similar ás stavkirke de Tipo A.

As stavkirke de Tipo B divídense en dous subgrupos:

Interior da igrexa de Gol con cepos e cruces de San Andrés. Nótese que un poste intermedio non chega á arcada inferior.
  • O grupo Borgund. Nestas igrexas os postes centrais interconéctanse entre si a través de tirantes en forma de X («cruces de San Andrés»), que se distribúen na parte intermedia do alzado central. O nivel das cruces aseméllase ao triforio das basílicas de pedra (sobre as cruces hai ademais un nivel de arcaturas decorativas, como nos triforios). Adicionalmente, por abaixo e por arriba deste «triforio» pode haber madeiros horizontais en forma de cepos (tang) que manteñen ríxidos os postes. A rixidez resultante fai posible omitir a parte inferior dos postes da sala, como sucede nalgunhas stavkirke onde só os catro postes esquineiros se conectan co chan (ver a imaxe da igrexa de Gol). Forman parte deste subgrupo as igrexas de Borgund, Gol, Hegge, Høre, Lomen, Ringebu e Øye.

Orixe das stavkirke[editar | editar a fonte]

Existiron varias teorías sobre a orixe das stavkirke, pero delas as dúas máis comúns son a teoría basilical e a teoría pagá. O debate non quedou completamente resolto e é aínda tema de investigacións. Mais queda claro que as stavkirke son unha expresión artística europea, apoiada en costumes locais.

Teoría da orixe basilical[editar | editar a fonte]

Igrexa de Reinli. O teito baixo corresponde ao corredor exterior.

Lorenz Dietrichson, na súa obra de 1892 sobre as stavkirke norueguesas, sostén que estas son unha tradución en madeira da basílica románica, e que as stavkirke con sala central de teito elevado son a mellor mostra disto, ademais de mostrar influencias da arte paleocristiá.[10] Tal arquitectura chegaría aos países nórdicos a través de Inglaterra ou Irlanda, mentres que só a armazón do teito representaría tradicións nórdicas. Dietrichson fai especial énfase na aparencia basilical de varias stavkirke, así como na presenza de arcadas e capiteis.[11]

Parece que a teoría basilical foi proposta por vez primeira polo arqueólogo Nicolay Nicolaysen no tratado «Monumentos da Arte Medieval en Noruega» (1854). Aí sostén argumentos moi similares aos de Dietrichson, e plantea tamén a posibilidade dunha orixe románica a través de influencias anglosaxoas ou celtas, e ademais da arquitectura bizantina.

A teoría non encontrou suficiente respaldo entre varios arquitectos, que observan influencias da arte europea principalmente nos detalles decorativos, pero non na construción.[12] Mais a teoría basilical non puido ser completamente desbotada a partir do material que se conserva actualmente. O problema é a falta de formas intermedias que poidan ofrecer datos máis fidedignos sobre a evolución das stavkirke.

Per Jonas Nordhagen non rexeita a teoría basilical. Considera que existiron dúas liñas no desenvolvemento das stavkirke, unha delas a liña basilical, que sería unha rama lateral nun desenvolvemento cara a igrexas maiores que tenden máis cara á perfección técnica. A liña principal no desenvolvemento, que el chama liña progresiva, levaría á construción das igrexas de Torpo e de Borgund.[13]

Teoría da orixe pagá[editar | editar a fonte]

Varios investigadores inclináronse por unha teoría que suxire a influencia das construcións de culto pagán nas stavkirke, ou inclusive que algunhas destas foron templos pagáns nun inicio. Esta foi unha opinión xeneralizada até a década de 1950. As investigacións arqueolóxicas refutaron varias veces esta teoría, por exemplo as de Aage Rousell en Islandia.[14] Un estudo de Olaf Olsen de 1966 aportou maiores probas, ao soster que os lugares de culto pagán non eran necesariamente edificios especiais.[15]

En épocas máis recentes, encontráronse marcas arqueolóxicas de edificios anteriores baixo o piso de varias stavkirke,[16] o que lle deu azos á teoría pagá. A igrexa de Mære, un templo de pedra onde se encontraron no seu solo rastros dun edificio de madeira presuntamente de culto pagán, foi un dos principais soportes da teoría pagán; pero varios arqueólogos sosteñen que o edificio anterior era de carácter profano.[13]

Tamén desde un punto de vista relixioso, os seguidores desta teoría opinan que os antigos edificios de culto pagán foron utilizados como igrexas ou que serviron de modelo arquitectónico para varias destas.

Decoración[editar | editar a fonte]

Unha das pedras de Jelling, en Dinamarca, cunha representación da crucifixión.

O que se conservou da decoración está datado de ca. 1070 até inicios do século XIV. A decoración atópase principalmente en piñóns, en postes e en portais. Ao ter sido construídas e reconstruídas durante varios séculos, as igrexas mostran cambios nos estilos e nas necesidades.

Antecedentes[editar | editar a fonte]

As decoracións mellor conservadas atópanse en Noruega, pero tamén existen restos ornamentados en Suecia, Dinamarca e Islandia.

Acéptase de maneira xeral a influencia das pedras rúnicas no desenvolvemento do estilo decorativo de Urnes.[17] As pedras rúnicas de Resmo en Öland, Suecia, teñen similitudes co estilo de Urnes. Tamén se cre que as pedras de Jelling foran outra fonte de inspiración ou en todo caso, unha testemuña da extensión do estilo decorativo no período. As pedras de Jelling foron elaboradas por orde de Harald Dienteazul entre 960 e 870, e teñen iconografía cristiá; nun lado amósanse as figuras dun león e unha serpe e no outro unha escena da crucifixión.

Outra posible influencia foron as decoracións celtas, como a dos Evanxeos de Lindisfarne, obra escrita e iluminada por monxes no século VII.

Portal de piares da igrexa de Borgund.
Foto de Nina Aldin Thune.
Portal da igrexa de Vang.
Debuxo de G. A. Bull.
Portal da igrexa de Urnes, coa «gran besta».
Foto de Nina Aldin Thune.

Portais[editar | editar a fonte]

Consérvanse os portais ou parte deles de cerca de 140 stavkirke. Pola súa decoración, divídense, grosso modo, en tres tipos: o portal de perfís sinxelos, o portal de piares e o portal de tipo Vang.

Portal de perfilado sinxelo[editar | editar a fonte]

Este tipo de portal caracterízase pola presenza de perfís ou pilastras sinxelos. É utilizado principalmente na entrada do coro. Consérvanse uns 20 exemplares deste tipo.

Portal de piares[editar | editar a fonte]

O portal de piares é descendente da arquitectura de pedra. Teñen columnas ou medias columnas que sosteñen arquivoltas en arco de medio punto. As columnas teñen bases e capiteis tallados. Están ricamente decorados e foron empregados tanto para as entradas á igrexa como na separación do coro coa nave (arco de triunfo). Coñécense preto de 40 portais de piares.

Portal tipo Vang[editar | editar a fonte]

Os portais tipo Vang destacan pola súa decoración suntuosa; consisten en dúas táboas que flanquean a entrada e un lintel, con decoración continua en todos eles. O lintel, sostido polas dúas táboas, ten á súa vez de dúas a cinco táboas ensambladas entre si por espigas e amósegas. Consérvanse uns 75 portais completos deste tipo. Nalgúns portais hai tamén motivos decorativos en columnas insertados entre decoracións de liñas entrelazadas, con ou sen arquivoltas.

Historia do estilo[editar | editar a fonte]

En boa parte, o material conservado de portais procede de Sogn-Hardanger e de edificios de Østlandet. A maioría dos portais son de inspiración románica.

É posible que os portais foran pintados, pero é difícil afirmalo. A maioría dos portais pintados que sobreviviron parecen ser máis recentes.

Segundo a historia do seu estilo, é común clasificar os portais como estilo Urnes, románicos, e tardíos.

Portais de estilo Urnes[editar | editar a fonte]

O nome estilo Urnes foi utilizado por primeira vez por Haakon Shetelig en 1909, quen se baseou nas características dos portais da igrexa de Urnes: composicións de liñas que forman rizos, esparexidas de forma asimétrica. Outros trazos distintivos son o xogo entre liñas grosas e delgadas, rizos grosos e frecuentemente formando círculos, e liñas que forman un continuo.

O portal da igrexa de Urnes é o único case completo que se conservou. Tamén se teñen cachos do da igrexa de Torpo e algúns fragmentos do da igrexa de Bjølstad en Heidal, actualmente destruída.[18]

Portal románico da desaparecida igrexa de Tønjum.
Dragón da igrexa de Hopperstad.Foto de Nina Aldin Thune.
León do portal da igrexa de Borgund. Foto de Nina Aldin Thune.

Portais de estilo románico[editar | editar a fonte]

Aproximadamente, datan da segunda metade do século XII. Os motivos que conteñen son ornamentacións vexetais, dragóns, leóns e máscaras grotescas, motivos comúns en Europa no período románico. Este grupo diferénciase do estilo de Urnes, pois son construcións simétricas.

Subdivídense en tres grupos: o grupo de Sogn-Valdres-Telemark, con vidras a cada lado do portal e dous dragóns simétricos opostos entre si; o grupo de Trondheim, con inspiracións na catedral de Nidaros, e o grupo de portais de medallón, con figuras enmarcadas en medallóns.[19]

Portais de estilo tardío[editar | editar a fonte]

Coñécense como tardíos pola presenza de detalles góticos. Durante o século XIII a decoración volveuse máis individualista e os diferentes portais diferenciáronse máis entre si.[20]

Iconografía[editar | editar a fonte]

Os trazos comúns á maior parte dos portais das stavkirke son o seu carácter monumental e a presenza de dragóns ou leóns, frecuentemente en actitude de loita. Unha excepción son os motivos cristiáns do portal da desaparecida igrexa de Hemsedal.[21]

Especulouse sobre se a presenza de dragóns simboliza unha especie de poder máxico contra o mal. Gunnar Bugge suxire que pode tratarse dunha iconografía pagá con interpretación cristiá.[22] No que respecta ao portal da igrexa de Urnes, argumentouse sobre a súa posible orixe na arte pagá,[23] mentres que outras teorías sosteñen que a súa iconografía responde a un contexto cristián, e que a «gran besta» alí tallada (algunhas veces asociada co dragón Níðhöggr) é realmente un león; o león pode representar a Xesucristo loitando e vencendo sobre o mal. Nos portais do tipo Sogn-Valdres-Telemark non hai leóns, senón vidras, motivos que se supoñen símbolos do cristianismo (Xoán: 15,5: Eu son a vide, vós os pámpanos: o que está en min, e eu nel, leva moito froito; porque sen min nada podedes facer).

Erla Bergendahl Hohler oponse a tal interpretación.[24] Ela advirte na ornamentación dos portais un símbolo da riqueza do patrocinador da stavkirke, e non un simbolismo relixioso, de igual maneira como sucede con moitos portais románicos europeos puramente ornamentais. Hohler fai referencia mesmo a Bernardo de Claraval, quen se declaraba en contra da representación de animais nun contexto relixioso. Tamén Gregor Paulson considera que os motivos animais da arte románica non teñen ningún contexto relixioso, senón son un mero sinal de status.[25]

As investigacións posteriores suxiren que os portais das stavkirke están inspirados na arte inglesa e que a súa inspiración puideron ser manuscritos e esculturas de pedra.[26] Algúns deses manuscritos consisten en relatos fabulosos con alegorías cristiás e ilustracións, frecuentemente chamados bestiarios. A orixe dos bestiarios é o Physiologus, unha colección escrita en Alexandría durante o século II abundante en alegorías animais con interpretacións cristiás. Orixinalmente escrito en grego, foi traducido a varias linguas durante a Idade Media. Á súa vez, a fonte literaria do Physiologus son narracións de animais indias, hebreas e exipcias, así como diversos textos clásicos escritos entre outros por Aristóteles e Plinio o Vello.

Evert Lindkvist opina que as fábulas do Physiologus serviron de inspiración ás representacións animais dos portais das igrexas de pedra de Gotland.[27] Esas igrexas foron construídas sobre o sitio de antigas stavkirke, cando estas se volveron demasiado pequenas para as necesidades litúrxicas. Desafortunadamente case todas as igrexas de madeira de Gotland desapareceron, polo que non é válido pensar que tiñan a mesma decoración que as stavkirke norueguesas e que os seus motivos foran copiados dos portais de pedra.

Pintura[editar | editar a fonte]

Pinturas no baldaquino da igrexa de Hopperstad.

As stavkirke ocupan un papel importante na pintura medieval europea, xa que este tipo de arte sobre táboa é dos remanentes mellor conservados no que respecta a dous elementos litúrxicos arcaicos: o baldaquino e o frontal.[28] Non deixa de sorprender que as stavkirke conteñan os exemplos mellor conservados da pintura medieval norueguesa,[29] sobre todo ao considerar a escuridade imperante no interior destes templos.

A pintura medieval das stavkirke encádrase na arte gótica.[28] Ao contrario da técnica de construción e a escultura decorativa en madeira, que conservan certos trazos das tradicións nórdicas, a pintura das stavkirke non procede da arte popular, senón dun estilo importado, sen grandes contrastes coa arte europea gótica.[29] En todo caso, pertence a un movemento periférico desta arte, que tiña en Francia e Inglaterra uns dos seus principais centros creativos. Considérase que Bergen, a capital e cidade máis populosa de Noruega na Idade Media, foi o centro máis importante da arte gótica no país, que recibía importantes influencias de Inglaterra, coa que existía gran intercambio comercial e cultural.[30]

A arte pictórica das stavkirke contradí a arte nórdica pois, ao contrario desta, principalmente decorativa e de lenta evolución, trátase dunha arte descritiva que se renova constantemente de acordo á influencia do occidente europeo.[31] Ao parecer, os pintores noruegueses medievais non tiñan unha tradición popular pictórica na que apoiarse.[29]

Baldaquinos[editar | editar a fonte]

Baldaquino da igrexa de madeira de Hopperstad. Acuarela de Peter Blix (1882).

Os baldaquinos das stavkirke, que se situaban na nave, son remanentes dun programa litúrxico e monumental abandonado en occidente desde a mesma Idade Media (no período románico). Non obstante, os baldaquinos noruegueses son únicos no seu tipo. Estas estruturas, que pretenden ser unha copia da bóveda gótica,[29] mostran aínda así un estilo esaxerado nas cores, como causa da escuridade do interior destas igrexas. As cores brillantes e as formas xeométricas decorativas lembran en certo xeito as vidreiras góticas.[32]

Poucas mostras quedan dos baldaquinos das stavkirke. Os únicos que permanecen no seu sitio orixinal son o da igrexa de Hopperstad, bastante danado no século XIX, e o de Torpo, que é o mellor conservado. En Hopperstad, o baldaquino destaca polas súas esculturas máis que polas súas deterioradas pinturas, que recrean escenas da vida de Xesús.

En Torpo, en Hallingdal, un cristo pantocrátor domina a perspectiva no máis alto da bóveda, coa súa fisionomía bastante similar ás antigas iconas bizantinas.[32][33] Os paneis que o rodean representan os doce apóstolos e o martirio de Santa Margarida de Antioquía.

De maior tamaño e máis rico deseño[34] é o baldaquino da desaparecida igrexa de Ål, tamén procedente de Hallingdal. Só sobrevive a bóveda, hoxe parte da colección de antigüidades da Universidade de Oslo. Os motivos artísticos son máis de 20 escenas bíblicas, tanto do Antigo como do Novo Testamento, cun estilo similar á Biblia de Canterbury de Roberto de Bello.[34]

Frontais[editar | editar a fonte]

Frontal da stavkirke de Heimaey (Islandia). Réplica dun frontal noruegués medieval, con escenas da vida de San Olaf.
Copia do frontal da stavkirke de Heddal.

De todos os frontais das stavkirke, consérvanse 30;[34] estes, xunto cos frontais cataláns, son case todo o que queda deste tipo de pintura sobre táboa, abandonado no continente desde a Idade Media, cando se preferiron os frontais de metal ou os tapices bordados.[30] Os frontais de ambos países chegan a conservar similitude, pero non son de ningún xeito paralelos: mentres que en Cataluña se trata de obras románicas, en Noruega son obras góticas de factura máis recente.[28] A súa sobrevivencia en Noruega atribúese principalmente a motivos económicos.

A vasta maioría son parte da colección de antigüidades da Universidade de Oslo e do Museo Histórico de Bergen. Entre os máis antigos destacan os de Heddal e Ulvik, con representacións de Cristo en maxestade rodeado dos seus apóstolos. O de Heddal conserva trazos arcaicos similares ao cristo do baldaquino de Torpo, e ademais é o máis parecido ás obras románicas catalás.[35]

Os frontais de stavkirke recordan no seu estilo as miniaturas inglesas, por exemplo as obras de Mateo de París e Walter de Durham.[30][36] Caracterízanse pola carencia de relevo, a súa execución en témpera e as cores sobresalientes, con especial uso do ouro e a prata sobre fondos de ton pastel.[35] Mentres os máis antigos presentan elementos bizantinos, nos máis recentes apréciase a evolución da pintura gótica, con gran riqueza no manexo das liñas e as cores.[35]

Os motivos máis comúns son representacións de Cristo maxestático, a crucifixión, Madonnas e en menor número, escenas da vida de Xesús e de María.[35] Un está consagrado a Santo Olaf e outro a San Botulfo. Tamén existe un que ilustra a loita do emperador Heraclio contra os persas.

Lista de stavkirke medievais[editar | editar a fonte]

Na seguinte lista atópanse as igrexas actuais que foron recoñecidas como stavkirke construídas na Idade Media. Non se inclúen réplicas nin stavkirke construídas despois da reforma. En Noruega, todas as stavkirke áchanse automaticamente protexidas pola Lei de Memoria Cultural.[37]

Noruega

  • Igrexa de Borgund (finais do século XII), museo
  • Igrexa de Eidsborg (segunda metade do século XIII), parroquia
  • Igrexa de Flesberg (posterior a 1111), parroquia
  • Igrexa de Garmo (século XIII), museo; trasladada do seu sitio orixinal a Maihaugen
  • Igrexa de Gol (posterior a 1216), museo; trasladada do seu sitio orixinal a Oslo
  • Igrexa de Grip (finais do século XV)
  • Igrexa de Haltdalen (entre 1150 e 1199), museo; cambiada varias veces de lugar, actualmente en Trondheim
  • Igrexa de Hedal (segunda metade do século XII), parroquia
  • Igrexa de Heddal (séculos XIII-XIV), parroquia
  • Igrexa de Hegge (posterior a 1216), parroquia
  • Igrexa de Hopperstad (arredor de 1150)
  • Igrexa de Høre (posterior a 1178 ou 1179), parroquia
  • Igrexa de Høyjord (finais do século XII)
  • Igrexa de Kaupanger (posterior a 1137), parroquia
  • Igrexa de Kvernes (primeira metade do século XIV)
  • Igrexa de Lom (posterior a 1157 ou 1158), parroquia
  • Igrexa de Lomen (posterior a 1192)
  • Igrexa de Nore (posterior a 1166 ou 1167)
  • Igrexa de Øye (arredor de 1200); movida do seu emprazamento orixinal
  • Igrexa de Reinli (posterior a 1326), parroquia
  • Igrexa de Ringebu (posterior a 1192 ou 1193), parroquia
  • Igrexa de Rødven (arredor de 1200)
  • Igrexa de Røldal (1200-1250), parroquia
  • Igrexa de Rollag (material de 1482, pero a construción é moi probablemente bastante anterior), parroquia
  • Igrexa de Torpo (posterior a 1192)
  • Igrexa de Undredal (1150-1199), parroquia
  • Igrexa de Urnes (posterior a 1130)
  • Igrexa de Uvdal (posterior a 1168)

Polonia

  • Igrexa de Vang (arredor de 1200), parroquia; construída en Noruega, foi trasladada en 1844 ao territorio da actual Polonia.

Suecia

  • Igrexa de Hedared (posterior a 1501)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. A forma plural é stavkirker. O equivalente sueco é stavkyrka (plural: stavkyrkor).
  2. Pode traducirse como igrexa de madeira ou igrexa de varas, pero ambos apelativos son inexactos. En noruegués, kirke significa igrexa, e stav, estaca, bastón ou vara.
  3. Ola Storsletten: «En arv i tre», s.24.
  4. Dietrichson 1892s.3
  5. tradución ao noruegués de 1952 por K. Robberstad
  6. Christie 1974 s. 12
  7. Christie 1974 s. 15
  8. Dietrichson 1892.s.31
  9. Nordhagen 2003 s. 95
  10. Dietrichson1892 s, 83
  11. Dietrichson 1892 s. 82
  12. Peter Anker, Stavkirkene deres egenart og historie
  13. 13,0 13,1 Nordhagen 2003
  14. Aage Roussel, Islands gudehove, Stenberger 1943, side 215-223
  15. Olaf Olsen, Hørg, hov og kirke
  16. Håkon Christie, Urnes stavkirkes forløper belyst ved utgravninger under kirken
  17. Fuglesang 1981 s. 97
  18. Hohler 1981s.261.
  19. Hohler 1981 s. 266.
  20. Hohler 1981 s. 317
  21. O portal occidental de Hemsedal consérvase na Colección de Antigüidades do Museo de Historia Cultural de Oslo.
  22. Anker 19971 s. 265
  23. Anker 2005 s.61
  24. Anker 2005 s. 62
  25. Paulsson 1969
  26. Anker 1997 s. 267
  27. Lindkvist 1997 s. 105
  28. 28,0 28,1 28,2 Grodecki, Louis, 1955, p. 20
  29. 29,0 29,1 29,2 29,3 Hauglid, Roar, 1955, p. 10
  30. 30,0 30,1 30,2 Hauglid, R., op. cit., p. 10
  31. Grodecki, L., op. cit., p. 21
  32. 32,0 32,1 Hauglid, R., op. cit., p. 12
  33. Store Norske Leksikon. "Dyresimbolikk". http://www.snl.no/.bilde/dyresymbolikk_(Jesus_og_evang._symboler). Consultado o 6 de maio de 2009. 
  34. 34,0 34,1 34,2 Hauglid, R., op. cit., p. 13
  35. 35,0 35,1 35,2 35,3 Hauglid, R., op. cit., p. 16
  36. Grodecki, L., op. cit. p. 23
  37. Lei de memoria histórica (en noruegués)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Stavkirke

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Ahrens, Claus, Om stavkirkeproblemet, Fortidsminnforeningens årbok 1994 s. 37-49
  • Ahrens, Claus, Die frühen Holzkirchen Europas, Stuttgart 2001. ISBN 3-8062-1397-6
  • Anker, Leif, Middelalder i tre, Stavkirker i Kirker i Norge bind 4, Oslo 2005, ISBN 82-91399-16-6
  • Anker, Peter, Stavkirkene deres egenart og historie, Oslo 1997, ISBN 82-02-15978-4
  • Bugge, Gunnar, Stavkirkene i Norge, Oslo 1981 ISBN 82-09-01890-6
  • Bugge, Gunnar og Mezzanotte, Bernardino, Stavkirker, Oslo 1993 ISBN 82-504-2072-1
  • Christie, Håkon, Middelalderen bygger i tre, Oslo 1974 ISBN 82-00-01395-2
  • Christie, Håkon, Stavkirkene – Arkitektur i Norges kunsthistorie, bind 1, Oslo 1981, s. 139–250 ISBN 82-05-12265-2
  • Christie, Håkon, Stavkirkeforskningen, Foreningen til norske Fortidsminnesmerkers bevaring, Årbok 1981, vol. 135, side 58-68
  • Christie, Håkon, Urnes stavkirkes forløper belyst ved utgravninger under kirken, Foreningen til norske Fortidsminnesmerkers bevaring, Årbok 1958, vol. 113, side 49-74
  • Dietrichson, L., De norske Stavkirker, Kristiania 1892
  • Distler, F., Stavkirkenes bildespråk, Århus 1997 ISBN 82-90059-90-6
  • Ekhoff, Emil, Svenska Stavkyrkor, Stockholm 1914-1916
  • Fuglesang, Signe Horn, Vikingtidens kunst i Norges kunsthistorie, bind 1, Oslo 1981 s.36-138 ISBN 82-05-12265-2
  • Hauglid, Roar; Grodecki, Louis, Norvège. Peintures des "stavkirker", Collection UNESCO de l'Art Mondial, París, 1955.
  • Hauglid, Roar, Norske Stavkirker, dekor og utstyr, Oslo 1973
  • Hauglid, Roar, Norske Stavkirker, bygningshistorisk bakgrunn og utvikling, Oslo 1976 ISBN 82-09-01351-3
  • Hohler, Erla Bergendahl, Stavkirkene – Den dekorative skurd i Norges kunsthistorie, bind 1, Oslo 1981, s. 252-355 ISBN 82-05-12265-2
  • Hohler, Erla Bergendahl, Norwegian Stave Church Sculpture, volume 1-2 Oslo 1999,ISBN 82-00-12748-6
  • Nordhagen, Per Jonas, Stavkyrkjene i Norsk arkitekturhistorie, Gjøvik 2003, ISBN 82-521-5748-3 s.89-119
  • Lindkvist, Evert, Af jorden allhanda djur i Røkringar, Visby 1998 s. 105–115 ISBN 91-630-6401-4
  • Olsen, Olaf, Hørg, hov og kirke. København 1966
  • Paulsson, Gregor, Konstens Världshistoria, Medeltiden, Lund 1969, ISBN 91-27-01662-5
  • Roussel, Aage, Islands gudehove, Stenberger 1943
  • Storsletten, Ola, En arv i tre (De norske stavkirkene), Oslo 1993 ISBN 82-03-22006-1