Spiridon Louis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Spiridon Louis
Nacemento12 de xaneiro de 1873
Lugar de nacementoMarousi
Falecemento26 de marzo de 1940
Lugar de falecementoMarousi
NacionalidadeReino de Grecia e Segunda República Helénica
EtniaGregos
Ocupaciónmaratoniano, fondista, atleta, labrego e corredor
Na rede
IMDB: nm1398486 IAAF: 14992149 Olympic.org: spyridon-louis WikiTree: Louis-265 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Spiridon "Spyros" Louis, en grego Σπυρίδων "Σπύρος" Λούης, nado o 12 de xaneiro de 1873 e finado o 26 de marzo de 1940, foi un corredor grego que gañou o primeiro maratón da era moderna nos Xogos Olímpicos de verán de 1896, acadando unha enorme popularidade no seu país.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Orixe[editar | editar a fonte]

Louis naceu na cidade de Marousi, que é na actualidade un arrabalde da cidade de Atenas, no seo dunha familia pobre de granxeiros. O seu nome foi transcrito do grego de varios xeitos; o seu nome pode ser visto como Spyridon (Spyros) e o seu apelido como Loues. O pai de Louis vendía auga mineral en Atenas, naquel tempo non había unha subministración central de auga, e o seu fillo axudábao a transportala.

Preparativos[editar | editar a fonte]

Despois da decisión de revivir os Xogos Olímpicos en 1894, fixéronse os preparativos para facer a primeira Olimpíada moderna en Atenas. Unha das carreiras debía ser o maratón, un acontecemento que nunca se celebrara antes. Fora unha suxestión do francés Michel Bréal, quen se inspirou na lenda do mensaxeiro Filípides,quen correra desde a cidade de Maratón ata a Atenas para anunciar a vitoria dos atenienses na Batalla de Maratón.

Os gregos ilusionáronse con esta competición e decidiron organizar carreiras preparatorias para os que serían os participantes gregos. Estas foron organizadas polo coronel do exército Papadiamantopoulos, quen fora superior de Louis durante o seu servizo militar (1893-1895). A primeira carreira clasificatoria celebrouse o 22 de marzo e foi gañada por Kharilaos Vasilakos, que a completou en 3 horas e 18 minutos. Louis participou na segunda carreira clasificatoria, dúas semanas máis tarde. Papadiamantopoulos, quen coñecía o talento para a carreira de Louis, convenceuno para que o intentase. Louis cruzou a meta en quinto posto, sendo o gañador Dimitrios Deligiannis.

O maratón olímpico correuse o 10 de abril (ou o 29 de marzo no Calendario Xuliano, que se usaba en Grecia). O público grego estaba moi entusiasmado cos Xogos, pero descontento co feito de que as competicións non fosen gañadas por atletas gregos. A vitoria en lanzamento de disco, unha competición clásica grega, foi gañada polo estadounidense Robert Garret, o que causou unha especial decepción. Debido á súa relación coa historia grega, o público anhelaba que o maratón o gañase un dos seus.

O maratón[editar | editar a fonte]

No maratón, o coronel Papadiamantopoulos deu o sinal de saída nun pequeno campo, eran trece atletas gregos e catro doutros países. O primeiro líder da carreira, que discorreu a través de estradas poeirentas con moreas de gregos reunidos para vela, foi o francés Albin Lermusiaux, que pronto pasou ao terceiro posto despois de 1500 metros. Na cidade de Pikermi, Louis fixo unha parada nunha fonda local para tomar un vaso de viño. Despois de preguntar pola vantaxe doutros corredores, dixo confidencialmente que os pasaría a todos antes da fin da carreira.

Despois de 32 km, Lermusiaux estaba exhausto, e tivo que abandonar a carreira despois dunha caída. O liderado asumiuno Edwin Flack, un corredor australiano que xa fora gañador nas probas olímpicas de 800 e 1500 metros, Louis foi pouco a pouco achegándose a Flack. O australiano, que non estaba afeito ás grandes distancias, caeu uns poucos km máis adiante, collendo Louis o liderado.

No estadio a atmosfera era tensa, sobre todo porque un ciclista levara a nova de que un australiano era o líder. Outro mensaxeiro foi enviado pola policía cando Louis acadou o liderado, e cando se estendeu que un grego lideraba a carreira, o berro de “Hellene, Hellene!” (Grecia, Grecia!) foi dado por milleiros de extasiados espectadores. Cando Louis finalmente chegou o estadio estoupou de alegría. Dous príncipes gregos, o príncipe herdeiro Constantino e o príncipe Xurxo, apresuráronse por iren ao seu encontro e acompañalo na súa derradeira volta. Completou a proba cun tempo final de 2:58:50, estimulado polo camiño con viño, leite, cervexa, un ovo de Pascua e algo de zume de laranxa. A vitoria de Louis deu lugar a celebracións salvaxes, tal e como se conta no informe oficial dos Xogos.

O campión olímpico foi recibido con todos os honores, o rei Xurxo de Grecia ergueuse do seu asento e felicitouno calorosamente pola súa vitoria, algúns dos axudantes de campo do rei, e varios membros do Comité Olímpico foron máis lonxe e bicaron e apertaron o campión, quen finalmente foi levado a un cuarto coa entrada protexida para descansar. A escena da que foi testemuña o estadio dificilmente pode ser descrita, e mesmo algúns estranxeiros deixáronse arrastrar polo entusiasmo popular.

O rei ofreceulle a Louis calquera agasallo que desexase, e todo o que se lle ocorreu a Louis foi pedirlle un burro para carrexar auga para axudalo no seu negocio de vendedor de auga.

Uníndose as celebracións, outros dous corredores gregos entraron no estadio en segundo e terceiro lugar. Máis tarde descubriuse que o terceiro, Spiridon Belokas, fixo parte do percorrido en carro e foi descualificado, o seu posto foi para o húngaro Gyula Kellner.

Despois da súa vitoria, Louis recibiu moitos agasallos de compatriotas, desde xoias a barbeados de balde durante toda a súa vida nunha barbaría. Descoñécese se Louis colleu todos eses agasallos, porén regresou á súa casa no carro que lle pedira ao rei. Retirouse á súa cidade natal e nunca máis volveu participar en ningunha carreira. Viviu unha vida tranquila traballando como granxeiro e máis tarde como oficial da policía local.

Despois da Olimpíada[editar | editar a fonte]

En 1926 Louis foi arrestado acusado de falsificar documentación militar e foi encarcerado. Despois de botar máis dun ano na cadea, foi considerado inocente e liberado. O caso causou conmoción na prensa.

A súa derradeira aparición pública produciuse nos Xogos Olímpicos de verán de 1936, celebrados en Berlín, cando foi invitado de honra dos organizadores. Despois de levar a bandeira do equipo grego na cerimonia de apertura, foi recibido por Adolf Hitler e ofreceulle unha poliña de oliveira de Olimpia, lugar de nacemento dos Xogos Olímpicos, como símbolo de paz.

Algúns meses despois da invasión italiana de Grecia, Louis morreu. Algúns clubs deportivos gregos e do estranxeiro levan o seu nome, tamén o Estadio Olímpico de Atenas, dentro do Complexo Olímpico, onde tivo lugar a Olimpíada de 2004, así como a avenida que o rodea.

A película de Jayne Mansfield It Happened in Athens está baseada en Louis e o maratón, aínda que bastante ficcionada. A expresión en grego: Yinome Louis (Γίνομαι Λούης) que se pode traducir literalmente como “chegar a ser un Louis” quere dicir desaparecer a todo correr.