Sonic the Hedgehog

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Sonic the Hedgehog ou "Sonic o ourizo" é unha serie de videoxogos de SEGA ademais de ser o nome do personaxe principal da saga, sendo a mascota da compañía.

Tamén está presente en cómics, debuxos animados e libros. O primeiro videoxogo desta saga foi creado en 1991 na consola Sega Mega Drive (ou Genesis, como é coñecida nos EUA). A velocidade é a nota característica do protagonista no primeiro xogo, que revolucionou o mundo das videoconsolas é arrebatou temporalmente o monopolio dos videoxogos a Nintendo. Sonic the Hedgehog tivo unha secuela en 1992, Sonic the Hedgehog 2 (no que se presentaba un novo amigo de Sonic, "Tails"), que recolleu se cabe máis loubanzas e éxito de vendas. Houbo tamén dúas entregas cos mesmos nomes nas consolas de 8-bits (Master System e Game Gear) coas correspondentes boas críticas.

Destácase tamén na consola Mega CD o "Sonic CD", que é considerado por unha gran cantidade de fans como a obra mestra de Sonic, se ben non tivo o éxito esperado debido ao fracaso da consola. O último proxecto con éxito na clásica Mega Drive foi o Sonic 3 & Knuckles, que se puxo á venda en dous xogos separados, Sonic 3 e Sonic & Knuckles, por limitacións de tempo, se ben ambos xogos formaban parte do mesmo proxecto desde o principio. Tivo unha boa recepción e un éxito en vendas, aínda que lixeiramente menor que o Sonic the hedgehog 2.

Tras unha serie de xogos con pouco éxito, SEGA publica un novo xogo en 1999 na consola DreamCast, chamado "Sonic adventure" que volveu a recoller boas críticas e que é considerado o xogo que máis vendeu naquela consola. Este xogo tivo unha secuela, Sonic Adventure 2, que tivo boas críticas, aínda que non tan boas como na primeira parte. Tras esta entrega xurdiron unha serie de xogos que acarrearon críticas mixtas e niveis de venda moito máis baixos.