Sonia Molanes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Sonia Molanes Costa, nada en Cangas o 28 de maio de 1980, é unha piragüista galega. A súa especialidade é a canoa, particularmente nas distancias curtas (200 e 500 m).

Traxectoria deportiva[editar | editar a fonte]

Comezou de nena no deporte do piragüismo, no Club Náutico de Rodeira, e aos trece anos fichou polo Club Mar Ría de Aldán, un dos principais conxuntos de piragüismo a nivel galego e estatal, onde tamén remaban David Cal ou Teresa Portela. En 1995 empeza a adestrar de forma semiprofesional no Centro de Tecnificación deportiva de Pontevedra, e ao ano seguinte ficha polo Kayak Tudense.

O seu primeiro campionato de España de piragüismo conségueo ese mesmo 1996. O seu mellor resultado obtívoo cando se proclamou campioa do mundo en K-2 200m, tanto en 2001 como en 2002.

Logo de obter a medalla de bronce nos campionatos de Europa de Milán, en 2008, na categoría de K-4 500m, clasificouse para disputar os Xogos de Beixín, que será a súa primeira cita olímpica, a canda Teresa Portela e as españolas Jana Smidakova e Beatriz Manchón. Na actualidade compite co club estremeño Iuxtanam-Monteoro.

Palmarés[editar | editar a fonte]

  • 2001. Ouro (K-2 200) e bronce ( K-2 500 e K-2 1000) nos campionatos do mundo. Ouro (K-2 200) e prata (K-2 500) nos campionatos de Europa.
  • 2002. Ouro (K-2 200), prata (K-4 200) e bronce ( K-2 500 e K-4 500) nos campionatos do mundo. Ouro (K-2 200 e K-4 200) e prata (K-2 500 e K-4 500) nos campionatos de Europa.
  • 2008. Bronce (K-4 500) nos campionatos de Europa.