Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sinalización do albergue de peregrinos do Cebreiro

A Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo é unha empresa pública dependente da Xunta de Galicia, destinada á promoción turístico-cultural e á dotación de servizos dos Camiños de Santiago.

Características[editar | editar a fonte]

A Sociedade foi creada polo Decreto 377/1991 do 19 de setembro aprobado polo Parlamento de Galicia. Constituíuse en novembro de 1991, coa intención de axilizar a execución do programa civil do Ano Xubilar Compostelán de 1993 baixo o nome "S. A. de Xestión do Plan Xacobeo 1993″. Tras o éxito do Xacobeo 93, o goberno galego acordou a continuidade desta empresa baixo a súa denominación actual, S. A. de Xestión do Plan Xacobeo co fin de seguir coas políticas de promoción do Camiño de Santiago, non só do Camiño francés, por ser o itinerario xacobeo internacional de referencia, e que foi o seu obxectivo prioritario en 1993, senón tamén cos demais Camiños de Santiago en Galiza.

Os órganos de goberno e administración constitúenos a Xunta Xeral de Accionistas e o Consello de Administración, que está integrado por un mínimo de cinco e un máximo de sete conselleiros nomeados pola Xunta Xeral, sendo o seu Presidente o Conselleiro de Cultura. O Xerente é nomeado polo Presidente do Consello de Administración.

Fomento de actividades[editar | editar a fonte]

Segundo os seus estatutos, o obxecto social da sociedade consiste no deseño, programación, coordinación e, se é o caso, a realización, entre outras, das seguintes actividades relacionadas co Xacobeo, que se executarán en coordinación coas Administracións Públicas competentes:

  • A conservación, rehabilitación e recuperación do Camiño.
  • A colocación de sinais de identificación.
  • A elaboración dos principios xurídicos para a súa protección que, para a súa aprobación, serán elevados ás administracións competentes.
  • A construción das áreas de descanso nos puntos de interese paisaxístico e monumental.
  • A dotación do Museo das Peregrinacións.
  • Simposios, congresos, xornadas e ciclos.
  • Exposicións itinerantes.
  • Representacións teatrais, concertos musicais, exposicións de artes plásticas.
  • A elaboración de unidades didácticas.
  • A promoción da artesanía e do deseño relacionados co Camiño de Santiago.
  • Competicións deportivas de calidade.
  • Centro servidor de datos de Galiza.
  • Rede de albergues.
  • As actuacións no monte do Gozo.
  • Os convenios con concellos e institucións relixiosas.
  • A promoción de aloxamentos relacionados co Camiño.
  • Paisaxe urbana.
  • A promoción do Xacobeo, incluídas actividades de animación.
  • A produción cinematográfica audiovisual.
  • Patrocinios.
  • A xestión dos signos visuais.

Entre as iniciativas levadas a cabo pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo teñen especial relevancia as de alcance internacional. Exposicións, conferencias e encontros de todo tipo, certames turísticos e publicacións informativas e divulgativas, así como o fomento das relacións coas asociacións de amigos do Camiño de Santiago en todo o mundo, son algúns dos proxectos máis destacados neste ámbito.

A S.A. de Xestión do Plan Xacobeo ten a súa sede moi preto do pórtico de entrada do Camiño de Santiago na cidade, no Pavillón de Galicia, no barrio de San Lázaro.