Sociedade Filatélica, de Arte e Humanidades Eume

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sociedade Filatélica, de Arte e Humanidades Eume
Tipoasociación cultural
Data de fundación2002
SedePontedeume
PaísGalicia
editar datos en Wikidata ]

A Sociedade Filatélica, de Arte e Humanidades Eume é unha asociación cultural da vila de Pontedeume cuxos principais obxectivos son o fomento da filatelia e da vida cultural local. É froito da unión en 2002 das sociedades Círculo Filatélico Eume, fundada en 1969, e Arte e Humanidades Eume, fundada en 1986. É membro da Federación Galega de Sociedades Filatélicas, e como tal organizou a exposición da Federación, EXFIGALICIA, nos anos 1971 e 1979.

Historia[editar | editar a fonte]

A afección á filatelia en Pontedeume tróuxoa un emigrante eumés en Cuba, Ramón Irijoa, quen ao volver a Pontedeume en 1910, abriu un establecemento na rúa Real para a venda e intercambio de material filatélico, e onde se organizaban tertulias sobre o tema.

Froito desta tradición, nace en 1969 o Círculo Filatélico Eume, sendo o seu primeiro presidente o polifacético mestre eumés Pablo Díaz Novo. As primeiras actividades do Círculo están relacionadas cos actos do VII Centenario da Fundación da Vila de Pontedeume. Foron estas a organización da I Exposición Filatélica adicada ao VII Centenario, a cuñaxe de moedas conmemorativas e un cuño especial.

Durante os anos seguintes continou o seu labor filatélico organizando todo tipo de exposicións (filatélicas, pintura, fotografía,etc.) publicacións de libros e cuños conmemorativos, conferencias, concursos, e mesmo a inauguración de monumentos á Filatelia (1973) e á Heráldica (1976), ambos nos Xardíns de Lombardero. En 1983 nace Expodeume, exposición temática de carácter anual. O I Expodeume estaba adicado a O Periodismo e a Filatelia.

En 1986 fúndase Arte e Humanidades Eume para dinamizar a vida cultural eumesa. Un dos seus primeiros fins foi a organización dun extenso arquivo, dedicando a iso todo o ano 1989.

Tralo pasamento en 2000 do fundador e presidente do Círculo, Pablo Díaz Novo, e despois dunha reestruturación da súa directiva, en 2002 prodúcese a fusión de ambas sociedades, sendo nomeado presidente Antonio Leira Noche. A nova sociedade continúa organizando e promovendo as actividades propias das sociedades fundadoras.