Sociedad Deportiva de Remo Astillero

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A SDR Astillero no 2005.

A Sociedad Deportiva de Remo Astillero é un club de remo da localidade de El Astillero, Cantabria (España) fundado por José del Castillo en 1966 e que ten acadado importantes éxitos ao longo da súa historia. Dende a súa fundación ten disputado regatas en tódalas categorías e modalidades de banco fixo (traiñeiras, traiñeiriñas e bateis) e mesmo de banco móbil no Estado español e en Europa. O seu palmarés é moi extenso e cómpre salientar a consecución de dúas Bandeiras da Concha en Donostia (País Vasco), 8 Campionatos de España de Traiñeras e diversas regatas de grande importancia como a Bandeira de Santander. Actualmente compite na Liga San Miguel, a máxima competición de clubs de remo do mar Cantábrico.

O 1 de maio do 2011, Astillero volveu converterse en campión de España de bateis na proba disputada en Ferrol (Galiza).[1]

Historia[editar | editar a fonte]

Bandeira Bansander 2003.

O 29 de xuño de 1966 aparecía en El Diario Montañés unha entrevista co presidente da Federación Cántabra de Remo Ramón Díez Velasco, asinada por Enrique Alonso e Ortíz Tercilla, que entroutras cosas, apuntaba:

A este respecto hei de decirche, que o Alcalde de Astillero, D. Leopoldo Pérez, vai iniciar, ou ten iniciado xa, xestións encamiñadas a formar unha tripulación a base de Pontejos, Astillero e a Austríaca.

Esta é a primeira referencia escrita sobre a constitución da S.D. de Remo Astillero.

Dende o club resumen a súa historia e idiosincrasia coa seguinte frase:

Somos o que fomos. O pasado é un trampolín que nos guinda cara o futuro, sen deixar de recoñecer que sempre seremos debedores dos nosos antecesores- Ortega y Gasset

No ano 2003 proclamouse campión da Liga San Miguel na súa primeira edición, repetindo título no 2005 con polémica engadida. Na tempada 2009 Astillero regresou á Liga ACT logo de gañar a Liga ARC e lograr o ascenso nos Play-Offs ante Donibane e Samertolameu.

Polémica arredor da SDR Astillero[editar | editar a fonte]

Durante a tempada 2005 Astillero recuperou a hexemonía e conquistou o trofeo da Corona ACT que se acababa de instaurar. Mais o seu dominio na auga viuse ensombrecido por unha serie de sucesos extradeportivos.

Trala disputa da edición do 2005 da Bandeira Telefónica en augas de Hondarribia, o equipo de Astillero foi retido pola Ertzaintza. A negativa dalgúns dos remeiros a responder ata que chegase o avogado do club levou ao Goberno Vasco a prohibir á traiñeira cántabra remar en augas vascas. A prohibición foi duramente criticada polo Presidente de Cantabria, veciño de Astillero, quen chegou a acusar ao Goberno Vasco de "organización terceiromundista, ou o que é peor, ditatorial" e aos vascos de "crerse os inventores do remo e ao perder a bandeira da Concha actuar como se lles arrebataran a árbore de Gernika" (isto último trala sanción a Pedreña na Concha dese mesmo ano).[2]

A xustiza deixou a prohibición en suspenso en setembro do 2006 con motivo da disputa da Bandeira da Concha. En xaneiro do 2008, o Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco deu a razón ao club de Astillero,[3] pero para entón a ACT xa decidira expulsar ó club da asociación (xuño de 2006).

O motivo oficial foi o atraso dos cántabros á hora de presentar a documentación exixida (estes á súa vez negáranse a facelo por considerarla abusiva[4]).[5] O motivo de fondo era a desconfianza creada no resto de clubs polo uso masivo de substancias prohibidas baixo a fórmula de Autorización para uso terapéutico (AUT)[6] e polas "constantes negativas e trabas presentadas de xeito continuado dende a SDR Astillero para que os seus remeiros colaborasen no esclarecemento dos feitos".[6]

Como represalia pola sanción, Astillero secuestrou o trofeo de campión que debería ter devolto ao comezo da temporada 2006, sendo por iso levado aos tribunais.[7] Por estes motivos, o campión do 2005 non puido defender o seu título no 2006 (onde o substituíu Laredo) nin participar en ningunha das bandeiras organizadas pola ACT. No 2008 reincorporouse á competición, debendo comezar dende as categorías inferiores (Liga ARC) e non regresando á Liga ACT ata o 2010.

No 2009 o Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco sentenciou que o Goberno Vasco non ten competencias antidopaxe, no 2008 xa foran absoltos os remeiros de Astillero, aínda que non se pronunciou nese aspecto, co que se supón que non ocorrerán máis casos destes.[8]

Palmarés[editar | editar a fonte]

Bandeira Hipercor 2013

Campionatos estatais

  • 8 Campionatos de España de Traiñeiras: 1972, 2000, 2002, 2003, 2004, 2005, 2006 e 2008.
  • 2 Campionatos de España de Traiñeiriñas.
  • 6 Campionatos de España de Bateis.
  • 3 Campionatos de España de Remo Olímpico 8+ ABM.
  • 2 Copas do Xeneralísimo: 1971 e 1972.
  • 2 Ligas San Miguel: 2003 e 2005.
  • 1 Xogos do Cantábrico: 1973.

Campionatos rexionais

  • 16 Campionatos de Cantabria de Traiñeiras: 1967, 1970, 1971, 1973, 1976, 1978, 1983, 1998, 1999, 2000, 2003, 2004, 2005, 2006, 2008 e 2009.
  • 7 Campionatos de Cantabria de Traiñeiriñas.
  • 10 Campionatos de Cantabria de Bateis.
  • 4 Campionatos de Cantabria de Remoergómetro.
  • 1 Trofeo El Diario Montañés: 2003.

Bandeiras

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Astillero se proclama Campeón de España de Bateles
  2. Astillero o el éxito cuestionado
  3. "Una sentencia da la razón a los remeros de Astillero". Arquivado dende o orixinal o 07 de marzo de 2009. Consultado o 18 de setembro de 2011. 
  4. Mujika, Mikel. "Astillero es expulsado de la ACT" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 17 de xuño de 2007. Consultado o 18 de setembro de 2011. 
  5. "Liga ACT. Laudo Juez Árbitro". Arquivado dende o orixinal o 04 de agosto de 2007. Consultado o 18 de setembro de 2011. 
  6. 6,0 6,1 "Liga ACT. Comunicado de prensa". Arquivado dende o orixinal o 17 de maio de 2006. Consultado o 18 de setembro de 2011. 
  7. "Liga ACT. Nota de prensa". Arquivado dende o orixinal o 05 de novembro de 2006. Consultado o 18 de setembro de 2011. 
  8. "TSJPV:Gobierno vasco carece de competencia para actuar en materia de dopaje". ABC. Arquivado dende o orixinal o 16 de xullo de 2012. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]