Skate

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Skate na Coruña.

O skateboarding ou abreviadamente skate é unha modalidade de patinaxe inventada en California (Estados Unidos) e que consiste en deslizarse enriba dun monopatín (tamén coñecido en inglés como skateboard ou skate) sobre o asfalto ou nunha pista especialmente deseñada para a práctica deste deporte (Skatepark).

As persoas que practican este deporte son chamadas skaters e os obxectivos desta práctica son variados: o simple lecer, a arte e beleza plástica, a profesional, ou simplemente como medio de transporte. Nas interpretacións do skate como actividade recreativa, artística e profesional, o obxectivo non é outro que o de procurar a beleza no manexo do monopatín executando manobras de diferente grao de dificultade.

O skate é unha práctica sobre todo urbana, razón pola cal se relacionou moi estreitamente coa cultura de rúa e urbana e, dado que os seus practicantes adoitan ser de idade moi nova, coa cultura xuvenil. É especialmente intensa a relación co mundo do punk, chegándose mesmo a desenvolver o denominado skate punk. Segundo un informe da American Sports Data de 2002 existían nese ano 18,5 millóns de skaters, dos cales o 85% eran menores de 18 anos e o 74% de xénero masculino[1].

Historia[editar | editar a fonte]

As orixes do skate encóntranse moi probabelmente nalgún momento entre finais da década de 1940 e comezos da de 1950, cando os surfeiros andaban na procura de algo no que «surfear» cando non había ondas no mar. O caso é que nesta altura comezou a ser frecuente ver a surfeiros pola rúa divertíndose con caixas de madeira ou táboas con rodas cravadas nun dos lados. Pouco a pouco fóronse perfeccionando os instrumentos ata chegar a pranchas máis parecidas ás actuais.

Os primeiros monopatíns manufacturados producíronse nunha tenda dos Ánxeles, propiedade de Bill Richard, que orixinalmente estaba adicada ao surf e que chegou a un acordo coa Chicago Roller Skate Company para produciren estes novos monopatíns. A práctica do skate foise espallando axiña por todo o país aumentando a produción de monopatíns e de empresas adicadas á súa elaboración. Probas da popularidade desta actividade son que se crease en 1964 unha revista adicada ao skate, o Skateboarder Magazine, e que en 1965 fose retransmitido pola TV un campionato internacional de skate. A marca de monopatíns Makaha chegou á cifra de 10 millóns de dólares en ventas entre 1964 e 1965. Porén as vendas a partir dese ano comezaron a caer e o Skateboarder Magazine parou a súa publicación. A práctica do skate quedou relegada á marxinalidade ata a década de 1970.

Década de 1970[editar | editar a fonte]

A comezos desta década, Frank Nasworthy comezou a desenvolver unhas novas rodas para monopatín feitas con poliuretano. Con estes novos avances aumentouse a tracción e maniobrabilidade dos monopatíns ao mesmo tempo que se reducía o seu peso, o que foi unha das causas determinantes no novo e rápido incremento da popularidade do skate a partir de 1972. Pouco a pouco fóronse introducindo novas melloras en materiais, nos eixos ou en aspectos máis superficiais coma son a utilización de cores nos deseños de monopatíns.

Ao mesmo tempo que as técnicas de fabricación foron evolucionando, tamén a propia práctica do skate foi mudando. Novos skaters entre os que habería que destacar a Ty Page, Bruce Logan, Bobby Piercy, Kevin Reed, e os Z-Boys desenvolveron novos trucos e acrobacias. A partir comezouse a tentar patinar sobre as paredes verticais de piscinas que foran deixadas vacías. Así era inaugurado o coñecido como vert que incrementaba a velocidade acadada polos monopatíns e que, sumada a maior maniobrabilidade que se conseguira, permitiu o desenvolvemento de trucos e manobras máis rápidas, acrobáticas e perigosas. Isto conlevou, ao mesmo tempo, que se desenvolveran novas medidas de seguranza para protexer cabeza, xeonllos e cóbados e que se abandonase en moitos casos o estilo libre (freestyle) en favor de prácticas máis profesionalizadas. Algúns skaters, debido ao caro que é dispor de rampas para o vert, comezaron a construir as súas propias estruturas.

A finais da década o skate novamente comezou a decaer.

Década de 1980[editar | editar a fonte]

Nesta década asistiuse a unha profundización da separación do skate máis comercializado, con espectáculos esposorizados por grandes marcas, e o skate amateur que continuaba a desenvolverse na rúa ou en pistas de skate públicas. Tamén se idearon novas manobras: flip, heelflip, hardflip, kickflip, casper, darkslide, rockslide, 50-50, body varial, nollieflip underflip, primo, reemo, varialflip, inward heelflip, 360 flip, fs flip, bs flip, varial heelflip, fs heelflip, bs heelflip,etc.

Tamén nesta época o skate, en tanto que cultura urbana, se vencella, sobre todo en California, co movemento Hardcore. Muitos dos mozos que acudían aos primeiros concertos de HC en California de bandas como Black Flag, Circle Jerks ou Minutemen eran skaters e tamén surfeiros.

Os últimos anos[editar | editar a fonte]

Desde os 80 a vertente dominante é a do skate practicado na rúa, toda vez que o skate de exibición con grandes patrocinios económicos aínda que se manteña non ten os niveis de épocas anteriores. As innovación técnicas e materiais continuaron aínda que sen se producir ningún gran salto tecnolóxico. Tampouco houbo novidades importantes no referente a manobras.

Cultura[editar | editar a fonte]

Nos primeiros anos de existencia do skate este estivo moi vencellado á cultura do surf. Mais a medida que a práctica do skate se ía extendendo a lugares onde non estaba implantada esta cultura surfeira, o skate ía adquirindo a súa propia identidade e ideosincrasia como ben se reflicte no filme Video Days (Spike Jonze, 1991) onde os skaters aparecen reflexados coma xoves rebeldes.

Durante os anos 80 esta imaxe de rebeldía dos skaters coincidiu coa explosión do Hardcore en California polo que desde entón a cultura skate estivo asociada ao movemento punk e a unha imaxe de mocidade inconformista e rebelde. Co tempo tamén se relacionou coas vertentes máis underground e politicamente concienciadas do hip hop, reggae e rock. Mesmo os habitantes de moitos barrios de diferentes vilas e cidades se chegaron a opor á construción de pistas de skate pola imaxe asociada a estes mozos. Porén, co tempo, esta imaxe rebelde foise diluíndo sobre todo pola expansión da vertente comercial do skate que incluía exibicións e competicións esponsorizadas por grandes marcas, aparecendo grandes estrelas do skate que gravaban videos con música HC, punk, reggae, hip hop e rock, mais nas súas expresións máis comerciais e mercantilizadas, co que o espírito rebelde que o skate aparellaba se perdeu.

Como exemplo disto pódese facer referencia a publicacións adicadas ao skate nas que se reflicte esta dualidade. Por un lado revistas coma Trasher retrata un skate sucio, rebelde e aínda vencellado ao punk, mentres que outras coma Transworld Skateboarding, ofrecen unha visión menos perigosa e máis asimilábel polo público xeral.

A relación entre o skate e o punk callou de feito nun estilo denominado skate punk, que ben sendo unha deriva do Hardcore punk melódico e que engloba a bandas de certo éxito comercial como a de algunhas bandas pertencentes a selos como Epitaph.

Filmes como Grind (Casey La Scala, 2003) ou Lords of Dogtown (Catherine Hardwicke, 2005) contribuíron a dar unha imaxe «positiva» do skate amosando o skate como unha sá competición deportiva e minimizando os trazos «conflitivos» do mundo do skate. Porén non se fai unha crítica seria da mercantilización de parte do mundo do skate, mentres que a parte violenta ou perigosa é frivolamente retratada.

Outro director de cinema, Larry Clark, retratou nalgún dos seus filmes a mozos metidos dentro da cultura do skate (aínda que non só se reflicta esta realidade) neles mestúrase o sexo explícito, a música, as drogas e a inmediatez da mocidade: Kids (1995) e Ken Park (2002).

Partes do monopatín[editar | editar a fonte]

O skate está formado por oito partes, todas fundamentais para un bo funcionamento, estas son:

Shape[editar | editar a fonte]

É a táboa de madeira que serve como base para as manobras. Composto por madeira leve e resistente disposto en follas. Existen varios tipos, con pouca ou moita inclinación, ou con pouca ou moita anchura, podendo escollerse o que máis se adecúa a cada tipo de manobras e estilo. A táboa posúe un nose e un tail, ambos son extremidades da táboa, sendo o nose a parte dianteira e o tail a parte traseira. O cóncave da táboa é a curvatura antes do tail e do nose, esa curvatura inflúe no tipo de estilo de preferencia da persoa. Tamén contén diversas formas de cortes.

Mesa[editar | editar a fonte]

É a peza na cal o truck é encaixado, tamén é coñecido coma "base". Hai dúas mesas en cada skate. En cada unha das mesas ten unha cavidade onde se deve colocar as chupetas (parte integrante dos amortecedores).

Trucks[editar | editar a fonte]

Son os eixos do skate, a parte onde se encaixan as rodas, os rolamentos e o amortecedor que absorbe os impactos de cada chimpo. Os trucks son xeralmente feitos en aluminio, mais poden ser de material plástico e até mesmo de poliuretano que é o mesmo material utilizado para confección de rodas de skate.

Amortecedores[editar | editar a fonte]

Son catro (dous pares por truck) en cada skate: que son postos nas partes superiores puntiagudas dos trucks; dous en formatos circulares, que son postos entre a mesa e o truck; e outros dous de forma irregular - unha parte maior do que a outra - que son usados entre o truck e a torca do parafuso central. Os amortecedores reciben unha clasificación: Vai de 95 até 100. Noventa e cinco, ou máis próximo de 95 (ex.: 96, 97), son máis suaves. Cen, ou máis próximo de 100 (ex.: 98, 99), son máis duros. Eses números veñen acompañados dunha letra que pode ser: A, B ou C, Exemplo: 98A. Non existe combinación: 95AB, 97AC, etc.

Rodas[editar | editar a fonte]

Existen varios tipos de rodas, marcas e tamaños. Unha marca das máis utilizadas é a Moska porque dura moito[Cómpre referencia], non escorrega demasiado e é ben redonda.

Rolamentos[editar | editar a fonte]

Permítenlle ás rodas xiraren libremente e por tanto que o skate se deslice polo chan. Son feitos con ligaduras de aceiro e existen diversas marcas. Hai unha clasificación dos rolamentos denominada ABEC. Esta, clasifica o rolamento en canto a súa precisión nas dimensións. Unha especie de certificado de enxeñaría. Esta certificación ABEC non clasifica os rolamentos por durabilidade e velocidade. Esas características dependen da calidade dos compoñentes: esferas, gaiolas, lubrificación etc.

É perfectamente posíbel que un rolamento ABEC 3 de determinada marca corra e dure máis ca un ABEC 7 doutra marca. Existen tamén rolamentos sen certificación ABEC, como os da "Bones". Esa classificación é feita a partir de números impares de 1 até 11, por tanto os "ABECs" existentes son ABEC 1, ABEC 3, ABEC 5, ABEC 7, ABEC 9 e ABEC 11.

Parafusos[editar | editar a fonte]

Responsábeis de fixar partes do skate. Son cinco en cada truck, sumando un total de dez parafusos: oito para prender as dúas mesas (catro en cada mesa) e dous parafusos centrais (kingpin) —son aqueles parafusos grandes onde son tamén encaixados dous amortecedores.

Lixa[editar | editar a fonte]

Fica adherida á superfície da táboa e fai que aumente a adhesión entre o calzado e a táboa do skate, posibilitando así a execución de manobras e impedindo que o calzado deslice involuntariamente sobre a táboa. Esa lixa é como un "adhesivo" e é pegado en riba da táboa.

Modalidades[editar | editar a fonte]

Street Style[editar | editar a fonte]

No skate de rúa (street skate), os praticantes utilizan a arquitectura da cidade, por exemplo, bancos, escadas e pasamáns (elementos do mobiliario urbano) como obstáculos para executar as súas manobras e expresarse. É con distancia a modalidade máis difundida e popular do skate.

Vert ou Vertical[editar | editar a fonte]

Half-Pipe

A modalidade vertical é practicada nunha pista con curvas (transicións), con 3'40m ou máis de altura, tres metros de raio e corenta centímetros de verticalización, xeralmente posúen extensións. A pista, que presenta a forma de U, é chamada half-pipe e pode ser feita de madeira ou formigón.

Pool Riding

Está considerado como unha das modalidades máis loucas de skate, pois é practicado en piscinas vacías, que coas súas paredes arredondeadas son verdadeiras pistas de skate. Na realidade as pistas de skate en forma cócava están inspiradas nas piscinas, que tiñan a transición redonda (o fondo redondo das piscinas americanas é para evitar problemas en caso de conxelación da auga). Na década de 1970, algúns skaters de California, máis concretamente de Santa Mônica, aventuráranse a andar en piscinas vacías, así foi criado o Pool Riding que actualmente é unha modalidade underground practicada por algúns skaters con afección polas transicións rápidas. En 1999, a Vans (unha marca de calzado deportivo para skaters) inaugurou unha das maiores pistas da América, onde a atracción principal é unha réplica da famosa piscina Combi Pool que estaba na extinta pista de Pipeline en Upland e xa promete outra pista en breve, sempre coa inclusión de piscinas no seu deseño.

Big Air

Modalidade creada por Danny Way que foi adaptada e actualmente é a principal competición do X-Games. Trátase de crear pistas con obstáculos que verdadeiramente reproducen o que fan os skaters de street.

Downhill Slide

Modalidade onde o skater descende unha ladeira facendo manobras a alta velocidade. Un dos inventores do downhill-slide foi Clifford Coleman, de Berkeley, California. El e os seus amigos crearon o Slide por volta de 1965, mais soamente en 1975 se encontraron nun evento no que puideran compartir as súas experiências vividas nestes 10 anos e exhibiron os primeiros slides en pé (Stand-up) dos que se ten noticia.

Co pasar dos anos, Cliff comezou a desenvolver outro tipo de Slide, o Slide de man, agachado, o cal podería ser executado en velocidades maiores proporcionando unha maior seguranza no Downhill, visto que este slide podería ser utilizado como unha especie de freo na descida de inclinación maiores. Desenvolvendo a habilidade dos skaters de descer desniveis cada vez maiores e máis rapidamente.

Freestyle[editar | editar a fonte]

Modalidade onde o skater presenta varias manobras en secuencia, xeralmente no chan. O freestyle é considerado unha das primeiras modalidades do skate. Cada skater efectúa as súas combinacións de manobras nun tempo estipulado previamente. Hoxe, esta modalidade está voltando con forza no mundo enteiro. Moitas manobras do street de hoxe en día veñen do freestyle.

Longboard downhill[editar | editar a fonte]

Consiste en descer unha pendente executando manobras de slide, cun skate maior, chamado Longboard. Con características ben próximas á modalidade Downhill Slide, no long, o estilo clásico do "surf" é máis explorado, no aproveitamento dos laterais das pistas e da propia madeira (Shape). Hoxe, com o desenvolvemento técnico, o longboard downhill consegue equilibrar agresividade, velocidade e o clásico ao mesmo tempo.

DownHill Stand-up (SPEED)[editar | editar a fonte]

Ten como finalidade descer a ladeira ou pendente imprimindo velocidade, os equipamentos de seguranza necesarios para a práctica do Downhill speed son varios incluindo casco e outras proteccións, alén dun skate especial para velocidade. O record mundial de velocidade está en posesión do brasileiro Douglas (Dalua), chegando a 113km/h na ladeira mais rápida do mundo no RS-teutônia en outubro de 2007.

Mini-rampas[editar | editar a fonte]

As mini-rampas son populares en todo o mundo pois, devido á pouca altura que teñen, as manobras son executadas conha maior facilidade. Nesta modalidade, hai unha mistura de street con vertical. Na realidade as mini rampas son un mini half pipe, onde as paredes non chegan á vertical. Elas varían de 1 a 2 metros e 10 cm de altura. Son excelentes para aprender manobras. Estas pistas son facilmente construíbeis. O risco de se mancar nunha manobra é ben pequeno e é unha práctica necesaria na aprendizaxe de calquera skater.

Manobras básicas[editar | editar a fonte]

As manobras máis simples e primeiras en aprender son.

Ollie[editar | editar a fonte]

Allan "Ollie" Gelfand revolucionou este deporte ao inventar a técnica de salto sen agarrar o patín coas mans, técnica que adoptou o seu nome: o ollie, que podía practicarse tamén na rúa, e que é a técnica de salto básica do skate.

  • Posicionar a punta do pé de atrás na parte de atrás do skate e o de diante un pouco atrás dos parafusos dianteiros;
  • Agacharse un pouco, preparándose para impulsar o corpo para arriba. Manter os brazos lixeiramente abaixados;
  • Bater o tail no chan con forza, levando os brazos para arriba ao mesmo tempo que se salta. Inclinar lixeiramente o corpo para diante;
  • Ao bater o tail, o skate vai subir, nese momento débese botar o pé de diante para a fronte, deslizando o peito do pé sobre a lixa, facendo o skate retornar á posición horizontal;
  • Controlar o "voo". Despois dalgunha experiencia, deixar que o skate e o corpo aterren pola forza da gravidade, sen forzar;
  • Ao sentir o skate tocar o chan, amortecer a caída flexionando os xeonllos;
  • No comezo, é natural que as rodas de atrás non saian do chan. Para que elas suban, débese bater o tail con toda a forza e encoller a perna de diante;
  • Despois diso, levar o pé de diante para o frente, deslizándoo sobre a lixa, empurrando o nose e impulsando o skate, tanto para diante como para arriba;

Shove-It[editar | editar a fonte]

  • Ficar na súa base normal.
  • Co pé do Tail, dar un impulso para atrás, e co pé do nose chutar para diante.
  • Xuntar isto cun pequeno pulo para diante.
  • Lembrar, a manobra perfecta é aquela na que se consegue caer cos pés enriba do parafuso. (Tamén é menos probábel unha caída).

Flip[editar | editar a fonte]

  • Posicionar os pés e flexionar os xeonllos.
  • Bater o tail e chutar o flip, impulsando o corpo para diante e para arriba;
  • O skate debe pegar nos pés no alto, e en paralelo ao chan (repare a altura á que o skate está do chan).
  • E débese manter así até chegar ao chan.
  • Xirar coas catro rodas ao mesmo tempo, cos pés enriba das bases.
  • Os xeonllos flexionados axudan a absorver o impacto.
  • Manter tranquilidade ao continuar andando.

Skate na Galiza[editar | editar a fonte]

Un dos lugares da Galiza onde máis se expandiu a práctica do skate é a área da Coruña, onde desde os anos 90 era habitual ver skaters entre outros sitios na Praza Pontevedra ou na zona da estación de trens. Fóra da cidade tamén hai skaters no Burgo e en Arteixo, onde foi construída unha pista de skate.

Curiosidades[editar | editar a fonte]

  • Entre 1978 e 1989 o skate estivo prohibido na Noruega, puníndose a posesión, uso ou venda de monopatíns. A prohibición parece ser que foi debida ás numerosas feridas e lesións ocasionadas pola práctica do skate. Os skaters optaron por construír rampas en bosques e outras áreas illadas co fin de evitar á policía.
  • Militares do Estados Unidos informaron publicamente de que o Corpo de Marines dos Estados Unidos probaron skates nos anos 90 en combate urbano. O obxectivo era usalos en manobras dentro e entre edificios para detectar detonadores ou francotiradores.
  • Jason Lee, foi un dos primeiros skaters en ter o seu propio modelo de calzado deportivo feito pola Airwalk.
  • Peggy Oki, 1975 foi a primeira skater muller da que se ten coñecemento, era do grupo Z-Boys.
  • A primeira muller que se converteu en skater profesional foi Patti McGee, no ano 1965, sendo portada nese mesmo ano da revista Life Magazine.
  • O Concello de Barcelona aprobou unha ordenanza municipal durante os anos 2000, que prohibía entre outras cousas a práctica do skate en espazos públicos, obrigando ao pago de cuantiosas multas e requisamento de monopatíns. A decisión foi moi controvertida dada a forte implantación histórica do skate na cidade (un dos centro máis importantes de skate en Cataluña ou mesmo no estado español).
  • No filme Lords of Dogtown, faise un percurso por parte da historia do skate. O filme conta a historia dos Z-Boys, un grupo de skaters dos anos 70 que revolucionaron o skate.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ocean Howell, Topic Magazine. "Extreme Market Research". http://www.webdelsol.com/Topic/articles/04/howell.html. Retrieved on 2006-12-13.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Borden, Iain. (2001). Skateboarding, Space and the City: Architecture and the Body. Oxford: Berg. (en inglés)
  • Hocking, Justin, Jeffrey Knutson and Jared Maher (Eds.). (2004). Life and Limb: Skateboarders Write from the Deep End. New York: Soft Skull Press.
  • Weyland, Jocko. (2002). The Answer is Never: a History and Memoir of Skateboarding. New York: Grove Press.
  • Hawk, Tony and Mortimer, Sean. (2000). Hawk: Occupation: Skateboarder. New York: HarperCollins.
  • Thrasher Magazine. (2001). Thrasher: Insane Terrain. New York: Universe.
  • Brooke, Michael (1999) The Concrete Wave - the History of Skateboarding. Warwick Publishing
  • Mullen, Rodney and Mortimer, Sean (2003). The Mutt
  • Skateboard Kings, documental de 1978.
  • SkateSpotter, directorio sobre skate.
  • Eduardo Britto, (2000)A onda dura. Parada Inglesa NPL (Brasil).

Filmografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]