Sitio de arte rupestre do Vale de Côa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Conxunto de gravados en Penascosa

O sitio de arte rupestre no Vale do Côa é un dos maiores lugares ao aire libre con mostras de arte paleolítica.

A finais da década dos ano oitenta foron descubertas incisións gravadas en Vila Nova de Foz Côa, no Portugal nororiental. Este lugar áchase do val do río Côa, e comprende milleiros de incisións que representan cabalos, bóvidos (uros), caprinos e outros animais, seres humanos e figuras abstractas, datábeis entre 20.000 e 10.000 anos de antigüidade. Desde o ano 1995 un equipo de arqueólogos está a catalogar e estudar este complexo prehistórico. Foi tamén creado un parque para acoller visitas turísticas en áreas moi determinadas.

A polémica posterior á descuberta[editar | editar a fonte]

Logo da descuberta do complexo, que se estende ao longo de bastantes quilómetros do curso do río, xurdiu unha polémica acerca da construción dun encoro coa súa central hidroeléctrica.

Se fose construído, o nivel das augas represadas subiría até cubrir boa parte dos gravados rupestres descubertos. Este feito era coñecido pola compañía enerxética portuguesa (a EDP) e mais polo IPPAR (Instituto Português do Património Arquitectónico, xa antes de que a comunidade científica soubese da importancia do sitio.

Localización do Val do Côa

O arqueólogo Nélson Rabada, estudando o sitio grazas a un acordo entre a EDP e o IPPAR, decidiu dalo a coñecer aos medios de comunicación e ás máis altas autoridades da materia, como a UNESCO. As súas revelacións provocaron un grande escándalo na opinión pública portuguesa e internacional, e o caso foi denunciado no The Sunday Times, no The New York Times, no International Herald Tribune, e noutros xornais de grande prestixio e tiraxe.

Os documentos elaborados pola UNESCO non foron unánimes sobre o posíbel perigo arrastrado pola construción da central. Jean Clottes, xefe do departamento de prehistoria, defendeu que a suba das augas mesmo podería amparar os gravados de actos vandálicos, mais ao tempo confirmaba que "é o sitio de arte paleolítica a aire libre máis grande de Europa, se non o é do mundo".

Esta resolución non agradou aos arqueólogos nin a opinión pública, de xeito que se ergueu un forte movemento entre a opinión pública portuguesa que se opuxo á construción da central. No 1995 o parlamento e o goberno portugués, baixo a dirección do Primeiro Ministro António Guterres, decidiron suspender os traballos do encoro, creando un parque dedicado aos estudos arqueolóxicos e o turismo.

Arte[editar | editar a fonte]

As incisión encontradas representan principalmente animais, como cabalos, bóvidos (uros) e caprinos. Hai tamén figuras humanas e abstractas.

As imaxes aparecen case exclusivamente sobre superficies verticais de penedos, de tipo xistoso, ao longo do val do río Côa. Está realizados usando a técnica da incisión. As dimensións varían entre 15 e 180 centímetros, mais na súa maioría son de 40 a 50 centímetros, que con frecuencia se agrupan formando frisos e composicións. O estilo usa sobre todo liñas grosas. Calculouse que as incisións máis antigas se remontan a 20.000 anos atrás (estudo de 1995).

A importancia do sitio está en relación coa rareza deste xénero de obras, ademais da súa incríbel extensión. Existen numerosos lugares con gravados en grutas, pero os lugares ao aire libre son rarísimos; poden citarse os de Mazouco (Portugal), o de Fornols-Haut (Francia), ou os de Domingo García e Siega Verde (ambos dous en España), mais ningún deles pode competir en dimensións espaciais con Vale de Côa.

Sitios específicos[editar | editar a fonte]

Équido e caprinos en Penascosa

O sitio do val do Côa está composto por 16 agrupamentos de gravados, dispersos ao longo de 17 quilómetros: