Siricio, papa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Siricio")
Papas do século IV
Antipapas

Siricio

Siricio (Roma, ca 334 - 26 de novembro de 399) foi o 38° papa da Igrexa católica, que o venera como santo. Desde o 17 de decembro de 384 até a súa morte, foi o sucesor do Dámaso I e foi sucedido por Anastasio I. Foi autor de dous decretos sobre o celibato clerical.

Notas biográficas[editar | editar a fonte]

Siricio era fillo dun tal Tiburcio. Entrou ao servizo da Igrexa aínda de tenra idade e, segundo a inscrición posta na súa tumba, durante o pontificado do papa Liberio (352-366) foi primeiro lector e despois diácono. Despois da morte do papa Dámaso I, Siricio, cardeal de "San Pastore", foi elixido o seu sucesor por unanimidade e, probabelmente, foi consagrado bispo o 17 de decembro. O antipapa Ursino, que fora rival de Dámaso (366), estaba aínda vivo e continuou coas súas pretensións. O emperador Valentiniano III, nunha carta a Piniano (23 de febreiro de 385), deu o seu beneplácito á elección de Siricio.

Lexislador[editar | editar a fonte]

O seu primeiro acto oficial revelouse importante. Himerio, bispo de Tarragona, dirixira ao papa Dámaso unha lista de quince cuestións relativas ao bautismo, a penitencia, a ordenación sacerdotal, e mesmo o matrimonio. Aínda recentemente elixido, Siricio respondeulle o 23 de febreiro de 385: as súas indicacións retoman as disposicións do primeiro Concilio de Nicea (325) e aínda do Sardica (343). Mais Siricio axuntou posíbeis sancións. A carta mostra tamén que Siricio era consciente da súa autoridade na Igrexa. De feito, a súa epístola constitúe a primeira decretal pontificia, é dicir, unha carta papal sobre asuntos de disciplina ou de dereito canónico.

Esta carta decretal foi continuada con outras misivas, que incitaban aos bispos de África a que aplicasen os canons dos dous concilios romanos (o que convocara o seu antecesor Dámaso I, e máis o reunido por el mesmo). O primeiro canon concernía á consagración dos bispos e mais a obriga de castidade para os clérigos. O segundo esixía un inquérito adecuado sobre os candidatos a recibir as ordes eclesiais.

Contra a herexía[editar | editar a fonte]

Sirice actuou con enerxía contra os herexes, en colaboración con Ambrosio, bispo de Milán. No concilio de Capua (392), condenou a Bonoso, bispo de Sardica, que negaba a virxindade de María. No mesmo ano, condenou, nun concilio romano, ao monxe Xoviniano, que non só negaba a virxindade de María, senón que refugaba a vida de celibato e a castidade. Deixou, porén, a xuízo das igrexas locais a tarefa de sancionar ambos os dous herexes.

Seguindo a postura de Dámaso, interveu na controversia acerca dos priscilianistas. Despois da morte do emperador Magno Máximo (388), sancionou os bispos que libraran a Prisciliano e os seus compañeiros ao brazo secular. Foi o caso de Itacio, bispo de Tréveris, cidade onde fora executado o herexe. Siricio condenou tamén ao bispo Félix, que apoiara a Itacio. Finalmente, autorizou o retorno ao seo da Igrexa dos priscilianistas.