Sinfonía fantástica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Primeira páxina do manuscrito de Berlioz da Sinfonía fantástica.

A Sinfonía fantástica Op. 14, titulada orixinalmente como Episodios da vida dun artista, sinfonía fantástica en cinco partes (orixinalmente en francés Épisode de la vie d’un artiste, symphonie fantastique en cinq parties), é unha composición de Hector Berlioz adicada emperador Nicolao I de Rusia. A súa estrea tivo lugar o 5 de decembro de 1930 no Conservatorio de París baixo a dirección de François-Antoine Habeneck, seis anos despois da estrea da Novena Sinfonía de Beethoven. Composta de cinco escenas descritivas, esta obra, máis próxima ao poema sinfónico que á sinfonía, forma parte dun xénero chamado música programática.

Historia[editar | editar a fonte]

Retrato da actriz irlandesa Harriet Smithson.

O 11 de setembro de 1827, Hector Berlioz asistira a unha representación da obra de William Shakespeare Hamlet, unha das obras máis admiradas por Berlioz do que era o seu autor predilecto. A actriz que encarnaba á desventurada Ofelia na función era a irlandesa Harriet Smithson, da cal o compositor se namorou dun xeito obsesivo.[1]

Características[editar | editar a fonte]

Formalmente, a Sinfonía fantástica está dividida en cinco movementos, relacionados entre si por unha especie de leitmotiv, xa aludido no programa, que o compositor define como idée fixe, unha melodía que aparece en todos eles, sempre baixo aspectos diferentes, ao mesmo tempo que no plano dramático simboliza a obsesión do artista pola súa amada. Este procedemento non era novidoso (algúns compositores do clasicismo xa experimentaran co uso de motivos recorrentes), mais si o era a súa funcionalidade dramática. Neste caso, como "idea fixa", Berlioz reaproveitou unha melodía da súa cantata Herminie, unha das catro cantatas compostas polo compositor francés para o Prix de Rome e que compuxera en 1828.[1]

Movementos[editar | editar a fonte]

  1. Rêveries – Passions (Soños - Paixóns)
  2. Un bal (Un baile)
  3. Scène aux champs (Escena no campo)
  4. Marche au supplice (Marcha ao suplicio)
  5. Songe d'une nuit de sabbat (Soño dunha noite de Sabbat)

Programa[editar | editar a fonte]

Rêveries – Passions[editar | editar a fonte]

Nas notas ao programa de Berlioz en 1845, o compositor escribiu:[2]

O autor imaxina a un músico novo e vibrante, aflixido pola enfermidade do espírito que un famoso escritor chamou a onda de paixóns (le vague des passions)[3], ve por primeira vez á muller que une todos os encantos da persoa ideal que a súa imaxinación soñara, e namórase perdidamente dela. Por unha estraña anomalía, a imaxe amada nunca se presenta na mente do artista sen ser asociada cunha idea musical, na que recoñece unha certa cualidade de paixón, mais dotada da nobreza e timidez que lle dá crédito ao seu amor.

Esta imaxe melódica e este modelo continúan rondándoo sen cesar como unha dobre idée fixe. Esto explica a repetición constante en todos os movementos da sinfonía da melodía que pon en marcha o primeiro allegro. As transicións deste estado de melancolía soñadora, interrompidos por ocasionais brotes de ledicia sen obxecto, á paixón delirante, cos seus arrebatos de furia e celos, os seus retornos á ternura, as súas bágoas, os seus consolos relixiosos – todo isto constitúe o tema do primeiro movemento.

Un bal[editar | editar a fonte]

Segundo as notas ao programa de Berlioz:[2]

O artista encóntrase nas máis diversas situacións na vida, no tumulto dunha alegre festa, na pacífica contemplación das marabillosas paisaxes da natureza, en calquera lugar, tanto no campo coma na cidade, a adorada imaxe permanece diante súa e envía o seu espírito á confusión.

Scène aux champs[editar | editar a fonte]

Nas notas ao programa de Berlioz indícase:[2]

Unha tarde no campo escoita a dous pastores na distancia dialogando cos seus 'ranz des vaches'; este dúo pastoral, a escena, o suave son das árbores no vento, algunhas das causas para a esperanza que concibiu recentemente, todo conspira para restaurar ao seu corazón un pouco acostumado sentimento de calma e para darlle aos seus pensamentos unha cor máis alegre. El medita na súa soidade, e espera que pronto xa non estará máis pola súa conta ... Pero se ela o traizoa! ... Esta mistura de esperanza e medo, de ideas de felicidade interrompidas por negros presaxios, conforman o tema do adagio. Ao remate un dos pastores reanuda o seu ‘ranz des vaches’; o outro xa non contesta. Sons alongados de tronos ... soidade... silencio ...

Marche au supplice[editar | editar a fonte]

Das notas ao programa de Berlioz:[2]

Convencido de que o seu amor non é correspondido, o artista envelénase con opio. Malia que a dose do narcótico non abonda para matalo, mergúllao nun profundo sono cheo de visións estrañas. Soña que matou á súa namorada polo que é condenado e conducido ao patíbulo onde presencia a súa propia execución. Mentres suplica clemencia os efectos da droga comezan. Quere agocharse pero non pode e daquela observa como un espectador a súa propia morte. A procesión avanza ao ritmo dunha marcha que ás veces é sombría e salvaxe, e outras brillante e solemne, e na que un son xorde de pasos pesados segue, sen solución de continuidade, os máis fortes estoupidos. Ao remate da marcha, os catro primeiros compases da idée fixe reaparecen como un pensamento final de amor, interrompido polo fatal golpe cando a súa cabeza cae rebotando polos chanzos.

Songe d'une nuit de sabbat[editar | editar a fonte]

Berlioz indica nas súas notas ao programa:[2]

Vese a si mesmo nun aquelarre, no medio dunha reunión horrible de sombras, feiticeiros e monstros de todo timo que se reuniron para o seu funeral. Sons estraños, xemidos, explosións de risas; afastados berros que parecen respondidos por máis berros. A melodía amada reaparece unha vez máis, mais agora despoxada do seu carácter nobre e tímido; agora non é máis que unha melodía de danza vulgar, trivial e grotesca: é ela a que vén ao sabbat ... Hai un estrondo de ledicia pola súa chegada ... Ela únese á orxía diabólica ... O toque de defuntos, burlesca parodia do Dies irae, a danza das bruxas. A danza das bruxas combinada co Dies irae.

Orquestración[editar | editar a fonte]

A partitura requiría dunha orquestra enorme para os usos da época coa participación duns 90 instrumentistas, o maior número nunha sinfonía escrita ata o momento. Especificamente:

Instrumentación da Sinfonía Fantástica
Madeiras
2 frautas (a segunda dobra con piccolo), 2 óboes (o segundo dobra con corno inglés), 2 clarinetes en Si bemol, La ou Do (un dobra con requinto), 4 fagots
Metais
4 trompas (2 en Mi bemol, Fa, ou Si bemol grave; 2 en Do ou Mi bemol), 2 cornetas, 2 trompetas en Do, 3 trombóns, 2 tubas
Percusión
4 timpani (con 4 timbaleiros), bombo, caixa, pratos, campás tubulares
Cordas
Violíns (I e II), violas, violonchelos, contrabaixos, 2 arpa

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Juan Carlos Moreno, Berlioz: Sinfonía fantástica, La condenación de Fausto, RBA Coleccionables ISBN 84-473-4599-8
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Translation of Berlioz's program note to the Symphonie fantastique
  3. François-René de Chateaubriand, escritor e diplomático, acuñou a frase le vague des passions, que foi un capitulo do seu Génie du christianisme (1802).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]