Sinan

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Mimar Sinan
خواجه معمار سنان آغا
Mimar Sinanخواجه معمار سنان آغا
Busto de Mimar Sinan en Ancara.
Nacemento: 1489/1490
Ağırnas, Eyalet de Karaman, Imperio Otomán Imperio Otomán (hoxe Provincia de Kayseri)
Falecemento: 17 de xullo de 1588 (98 anos)
Constantinopla, Imperio Otomán Imperio Otomán
Nacionalidade: Otomán
Ocupación: Arquitecto

Mimar Koca Sinan ibn Abd al-Mannan, en turco otomán قوجه معمار سنان آغا , coñecido como Sinan, e mesmo como Mimar Sinan (o arquitecto Sinan), nado en Ağırnas, Eyalet de Karaman (actual Turquía) o 15 de abril de 1489, e finado o 17 de xullo de 1588 en Constantinopla, foi un arquitecto otomán do século XVI, creador da arquitectura clásica otomá, que integra as tradicións orientais e as bizantinas.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Mocidade[editar | editar a fonte]

Mimar Koca Sinan, naceu o 15 de abril de 1489 na aldea de Ağırnas, preto da cidade de Kayseri (Cesarea), en Anatolia, nunha familia cristiá greco-ortodoxa. Foi aprendiz de albanel e carpinteiro co seu pai. Na mocidade, en 1512, en virtude dun novo decreto dado na subida ao trono do sultán Selim I Yavuz, que desenvolvía o sistema de « devşirme », instaurado por Murat I, - un sistema de recrutamento de mozos cristiáns, de entre oito e dezasete anos, que se convertesen ao Islam e gardarlle fidelidade absoluta ao sultán, calquera que fose a posición a que accedesen -, Sinan, a pesar de ser un tanto maior, é levado a Estambul e enrolado no exército. Crese que foi nesta altura cando se iniciou na arte e na técnica de construción de armazóns.

Logo dun período de rigorosa formación, pasa da cabalaría aos corpos técnicos, participa en numerosas campañas con Selim I e con Soliman I o Magnífico (1494-1566), e principia a construír pontes e fortificacións.

Participa na Guerra Santa e na vitoria en Çaldiran (1514) sobre da dinastía xiíta dos Persas Sefevidas, chegados ao poder en 1501, que permite a incorporación do leste da Anatolia (Armenia; logo participa na expedición de Exipto, entre 1515-1517, no transcurso da cal os turcos esmagan os Mamelucos na batalla de Merdj Dabiq, preto de Alepo, en Siria. De volta en Estambul, entre no prestixioso "Corpo dos xanízaros" » (en turco « yeniçeri » significa « soldado novo »).

Na época de Suleimán, participa na expedición a Belgrado en 1521, e na de Rodas en 1526, obtendo a graduación de oficial. Despois da batalla de Mohács en 1526, tórnase xefe dos técnicos. Aínda participará na expedición de Viena en 1529, na de Alemaña entre os anos 1529-1532 e nas de Iraq, de Bagdad et de Tabriz entre 1532-1535.

A descuberta da arquitectura[editar | editar a fonte]

Como militar que participou en numerosas expedicións por Europa e Asia tivo oportunidade de ver e estudar todo tipo de construcións e edificacións e como xanízaro recibiu nocións de construción. As súas primeiras construcións son militares (pontes, estaleiros e fortificacións), máis logo dirixirá a edificación de innúmeras mesquitas e outros edificios públicos. Entre as primeiras obras civís que construíu, deben citarse a Ponte Coban Mustafa Pachá, en Svilengrad, Bulgaria, e a mesquita Hüsrev Pachá (Hüsrev Paşa Camii) en Alepo, Siria, esta en 1536-1537.

Sinan inspirase a miúdo, para trazar as súas mesquitas en Santa Sofía, a xoia bizantina, creando estruturas nas que a cúpula central semellará lixeira e espazos interiores bañados de luminosidade. Utilizou sistemas capaces de apuntalar as construcións exteriormente para poder conservar o interior aberto. Con frecuencia construía as súas mesquitas como parte dun complexo, comprendendo escolas, baños, un casa de acollemento e hospital.

O arquitecto imperial[editar | editar a fonte]

En 1539, despois da morte do arquitecto Acem Ali, autor da mesquita Yavuz Selim (Yavuz Selim Camii) en Estambul, Mimar Koca Sinan foi nomeado « mimarbasi », xefe dos arquitectos imperiais, posto que conservará con tres sultáns : Suleimán o Magnífico, Selim II e Murad III. Cando este nomeamento, non era xa novo (50 anos), mais case lle quedarían outros cincuenta anos creativos, que conduciron a arquitectura turca as máis altas cimeiras.

A primeira mesquita erguida despois do nomeamento - a mesquita Haseki Sultán (Haseki Sultan Camii), edificada en honra da esposa de Soliman, a sultana Roxelana - conserva unha organización espacial moi tradicional, sen revelar innovacións. Por contra, o proxecto seguinte, a mesquita Mihrimah (Mihrimah Camii) (1540-1548) en Usküdar, case sen solución de continuidade coa anterior, representa un primeiro paso adiante, pois entre outras novedades, contén tres semicúpulas rodeando a cúpula principal.

A Mesquita Şehzade Mehmet (Estambul)[editar | editar a fonte]

A continuación, Sinan inicia o proxecto da mezquita Şehzade Mehmet (Şehzade Mehmet Camii) (1543-1548), ou do Principe Mehmet, que commemora o predilecto de Suleimán, vítima dos celos de Roxelana, que alí ten a súa tomba.

Este templo considérase a primeira obra maior de Sinan. Foi levantada con vistas ao Mar de Mármara e ao Corno de Ouro. Como a maior parte das mesquitas edificadas logo, a Şehzade está erguida sobre un plano cadrado e cuberto dunha cúpula central, apoiada sobre catro pilastras e sostida por outras catro semicúpulas e máis outras menores subsidiarias. Como noutros casos é o centro dun complexo de edificacións.

Á vista da súa estrutura, coidase que se inspira na mesquita iraquí de Fatih Pachá (Fatih Paşa Camii) en Diyarbakir (hoxe no Sueste de Turquía), construída entre 1518-1522, que posúe tamén unha gran cúpula repousando sobre pesados piares que sosteñen catro semicúpulas. Presenta un acusado contraste entre o exterior, aparentemente descoidado, e o interior, exquisitamente decorado pero con sinxeleza.

Descoñécense as razóns polas cales Sinan, utilizou logo planos máis achegados a Hagia Sophia fronte a estes máis audaces empregados na Şehzade.

A mezquita Süleymaniye[editar | editar a fonte]

Para Suleimán, Sinan construíu, entre 1550 et 1557, a mezquita Süleymaniye (Süleymaniye Camii) de Estambul, reputada polos poetas turcos como « o esplendor e a xoia ». Esta mezquita « selatin » (plural de « sultan ») - chamase así as mezquitas con varios alminares só contruídas polo sultán ou seus familiares - é incontestabelmente un dos seus grandes acertos e a silueta da Süleymaniye, con os seus catro afiados alminares, cerchados de dez balcóns (indicando que Suleimán era o cuarto sultán otomano de Estambul e o décimo da dinastía otomana), domina o horizonte da ribeira occidental do Corno de Ouro. Sinan reiterou aquí o sistema de sostemento que xa el mesmo empregara na mezquita Bayezid, (ou de Baiaceto). Sostén a cúpula por mrdio de semicúpulas orientadas para o mihrab (ou parede que indica a dirección cara A Meca). As cúpulas, como sempre descargan, de xeito harmonioso, dunhas en outras, os empuxes das súas masas.

A Süleymaniye e o seu complexo representan unha organización urbana estendida nunha ampla zona, englobando unha escola coránica (darülkurra), un hospital, un baño público (hammam), un hospicio, seis colexioss de teoloxía, almacéns, e os mausoleos (türbe) do sultán Suleimán e da súa esposa Roxelana (a sultana Hürrem). Constitúe o exemplo máis significado das concepcións do urbanismo dos Turcos, que atribúen unha natureza social ás construcións relixiosas. Todos os artistas da época (como p. ex. Ahmet Karahisar e o seu discípulo Hasan Çelebi para as decoracións caligráficas) contribuiran, e foi realizada tendo conta tanto do aspecto global como dos detalles.

Sinan, nesta obra, reinterpretou o estilo de Santa Sofía. Os sete anos que duraran os traballos, demostran o xenio do arquitecto no dominio da organización tanto como no da arquitectura. O caderno de contabilidade da edificación, que ilustra a época, ten chegado ata nós, e dá preciosas indicacións sobre dos métodos de traballo do arquitecto.

A Mesquita de Rüstem Pachá[editar | editar a fonte]

Entre 1560 e 1564, ergue para o Gran Visir Rüstem Pachá, xenro de Suleimán o Magnífico a mezquita Rüstem Pacá (Rüstem Paşa Camii), tamén en Estambul, no barrio de Eminönü . É pequena e está soberbamente proporcionada. É aínda unha obra excepcional, unha xoiña da arte otomana. Achase por encima dunha arcada de almacéns, coma un cantil sobre rúas bordeadas de caravanserrallos, con construcións que talvez remonten á época bizantina. O plano é clásico: forma rectangular, cúpula central apoiada sobre catro semicúpulas e cinco cupulas menores. Estupendos azulexos de Iznik (a antiga Nicea) recubren os interiores do templo.

Unha recente restauración resaltou o seu valor, mais o terremoto de 1999 danou as súas cupuliñas.

A Mesquita de Atik Valide[editar | editar a fonte]

Sinan creou tamén un complexo (Külliyesi), en torno dunha mezquita para Nurbanu Valide Sultán, a esposa veneciana de Selim II e mai de Murad III (1574-1595). A mezquita de Atik Valide (Atik Valide Camii) ou mezquita da sultana-mai, foi construída entre 1570 e 1579, no barrio de Üsküdar, na parte asiática de Constantinopla. O extenso complexo, máis unha vez, pon de relevo o papel social do templo entre os otomanos, como lugar non só de oración, senón tamén de vida. A mezquita, no centro, chegou ata nós en tres etapas constructivas.

A decoración máis significativa está no interior do santuario. Son pinturas especialmente motivos florais, plasmados en paineis murais, cubertos de azulexos de porcelana decorados, principalmente cerca do púlpito (minbar). Como noutros casos, o mihrab, a parede cara a Meca, que orienta os pregos, está decorado con cerámica de Iznik (Nicea). A porta e as contraventanas da sala de oracións están ornamentados con incrustacións de marfín e nácar.

A mesquita Selimiye[editar | editar a fonte]

Mesquita Selimiye, Edirne

Santa Sofía, construida polos « infieis » constituía a teima dos arquitectos musulmanos. A idade de 80 anos, entre 1569 e 1574, Sinan contruiu para Selim II a mezquita Selimiye (Selimiye Camii), en Edirne (Andrinópole). Por primeira vez, superabanse as dimensións de Santa Sofía.

Nesta edificación, que o mesmo arquitecto coidaba como a obra do seu período de mestrado, puxo en práctica o principio da cúpula sobre plano octogonal, problema que xa tentara resolver na mezquita de Rüstem Pachá. Sinan ergue aquí a cúpula maior - con un diámetro de 31 metros - de todas as que executara. Está sostida por oito piares, e mercé ao espazo que recubre, dá impresión de que o interior do templo é maior do que é na realidade. A cúpula determina así mesmo a visión das liñas principais da fachada externa do santuario. O resto das construcións do complexo están detrás da mezquita. Os catro alminares reclaman a atención desde o primeiro momento. Estes minaretes, de aspecto elegante, foron instalados nas catro esquinas da plataforma cadrada sobre da cal se eleva a mezquita. Nesta obra, Sinan mostra o seu xenio, que non só vía, senón que era capaz de interpretar a herdanza recibida da Anatolia, única no mundo. Esta mezquita, aínda cando non é a súa derradeira obra, está considerada, con xustos títulos, como unha obra mestra que culmina a síntese da arquitectura turco-otomana da época clásica. Fixa, por así dicilo as regras dese período, pola súa estrutura, o tratamento do espazo, as súas proporcións e a súa ornamentación.

A mesquita de Sokullu Mehmet Pachá[editar | editar a fonte]

Entre 1572 e 1577 Sinan edificou, no famoso barrio de Galata, preto da Mezquita Azul (Sultanahmet Camii), a mezquita de Sokullu Mehmet Pachá (Sokullu Mehmet Pacha Camii), encargada polo Grand Visir do mesmo nome.

Foi levantada sobre as ruínas dunha igrexa bizantina, Haghia Anastasia, da que se reutilizarán os materiais. A nova mezquita é célebre polas fermosas porcelanas azuis, que cubren os piares arredor da bóveda, os contornos das xanelas e o mihrab, mais que non obnubilan a beleza arqitectónica. No interior, o visitante non pode senón quedar sobrecollido de admiración diante dos azuis, verdes, púrpuras e vermellos dos elegantes deseños dos azulexos de Iznik e as pinturas mostrando caraveis e crisantemos, e máis os vitrais polícromos. Como noutras obras, e seguindo o modelo de Santa Sofía, a cúpula central vai sostida por semicúpulas.

Do mesmo xeito, ademais do templo, hai un complexo arredor, incluíndo un convento de derviches. O patio, ao que se accede por un pequeno túnel, está rodeado de pórticos con 30 cúpulas, sostidas, na maior parte, por columnas bizantinas reaproveitadas.

O Kırkçeşme[editar | editar a fonte]

Sinan non só construiu mezquitas. En 1553, foille encargada a resolución do problema de abastecemento de auga á capital. Examinou todos os acuedutos antigos, e buscou novas fontes. Os traballos de construción de novas instalacións foron iniciados en 1554 e terminados en 1560. Para iso, realizou unha rede de cuarenta fontes, que denominou « Kırkçeşme », cunha lonxitude de máis de 50 km, para cuxo suministro debeu construír diques fluviais, túneis, canles e dous acuedutos: os de Uzunkemer e Egrikemer, preto de Estambul. Este proxecto a por do dominio da auga era tan importante a ollos de Suleimán, que fixo un desembolso de 43 millóns en moeda de prata, case equivalente ao que gastara (53 millóns) no complexo de Süleymaniye.

O construtor de pontes[editar | editar a fonte]

Mimar Sinan outorgou tanta importancia ás súas pontes como ao resto dos traballos. Estaba orgulloso da ponte de « Büyükçekmece », dun longor de 635,5 metross, e que é tan perfecto como sólido. Foi el tamén o que botou sobre o río Cekmeçe, os vinte e oito arcos da ponte da vía imperial que une Edirne con Estambul. Tamén levantou, entre 1577 e 1578 a Ponte de Višegrad sobre o río Drina, en Bosnia-Hercegovina, nos Balcáns.

Últimos anos[editar | editar a fonte]

En 1580, edifica a mesquita Chemchi Pachá (Chemchi Paşa Camii) en Usküdar, na beira asiática do Bósforo.

En 1584, a sultana Nur-u Banu, esposa de Selim II e mai de Murad III, fai construír en Estambul, seguindo trazas de Mimar Sinan, uns baños públicos, o hammam de Çemberlitas, reputado como unha das obras máis importantes da arquitectura otomana do século XVI.

En 1586, á respeitábel idade de 97 ans, emprende aínda a construción das súas dúas últimas mezquitas: Mesih Mehmet Pachá (Mesih Mehmet Paşa Camii) e Molla Tchelebi (Molla Tchelebi Camii) en Findikli, que non poderá ver acabadas.

En total, no percurso da súa dilatada carreira, Sinan e o seu equipo executaran 350 construcións :

A pesar da extensión excepcional da súa vida profesional, é difícil pretender que todas estas obras fosen planificadas e realizadas por Sinan persoalmente. Unha parte delas, das que a maioría se encontran en Estambul, foran realizadas polos seus discípulos ou por organizacións de arquitectos que estaban vencelladas a el, e el contentaríase con supervisar a concepción da obra e os traballos. Por outra banda, na listaxe van incluídas as restauracións nas que participara.

Sinan viviu durante a época que constituiu a idade de ouro do Estado otomano. Foi arquitecto-xefe con tres soberanos: Suleimán I o Magnífico, Selim II e Murad III. Tivo un papel considerable na concepción e execución de numerosas obras arquitectónicas que simbolizaron o poderío do Imperio. O estudo da súa vida revela a historia dun verdadeiro creador, xamais satisfeito con as súas realizacións, constantemente en busca de ideas novas e tentando pór a punto dispositivos innovadores. A súa influencia continuou sentindose moito tempo despois da súa morte, e en todas as épocas se recoñeceu a súa importancia.

Mimar Sinan faleceu case centenario, o 17 de xullo de 1588 en Estambul. Foi inhumado nun ángulo do Norte da mezquita Sülimaniye, na proximidade dos mausoleos de Suleimán e da súa esposa Hürrem, máis coñecida por Roxelana.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • D. Kuban, « The style of Sinan's domed structures », dans Muqarnas, 1987, pages 72-97.
  • Jean-Paul Roux, « Les Mosquées de Sinan », dans Dossiers d'Archéologie, mai 1988, N° 127 .
  • Henri Stierlin, « Sinan et Soliman le Magnifique », dans Dossiers d'Archéologie, mai 1988, N° 127 .
  • Ali Topçu, « Sinan et l'architecture civile », dans Dossiers d'Archéologie, mai 1988, N° 127.
  • Ali Topçu, « Sinan et la modernité », dans Dossiers d'Archéologie, mai 1988, N° 127.