Sicherheitsdienst

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Insignia da SD levada na manga esquerda do uniforme.

O Sicherheitsdienst ou SD (Servizo de Seguridade) era o servizo de intelixencia das SS. Foi a primeira organización de intelixencia en crearse dentro do partido nazi, e foi consideraba como unha "organización irmá" da Gestapo. Entre 1933 e 1939, o SD estivo baixo a autoridade da Sicherheitspolizei. A partir de 1939 foi transferida e posta baixo a autoridade da Reichssicherheitshauptamt.

Como todas as demais organizacións auspiciadas polo partido nazi, durante os Xuízos de Nuremberg, tras o final da segunda guerra mundial, foi condenada por crimes contra a humanidade e prohibida en Alemaña.

Historia[editar | editar a fonte]

O SD creouse en 1932 e púxose baixo o mando de Reinhard Heydrich, coa misión de detectar, investigar e neutralizar posibles inimigos dos líderes do partido nazi, tanto dentro como fóra do mesmo. Nesta función entraba nunha certa competencia coa Sturmabteilung (SA), pero, despois de moitas discusións, o 9 de xuño de 1934 foi declarado como "servizo de información do partido" en exclusiva. En 1938 ampliáronse as súas atribucións, converténdoo no servizo de información oficial para todo o estado, apoiando á Gestapo e traballando en colaboración coas administracións Xeral e Interior.

O SD organizou unha rede de axentes e informadores ao longo do Reich, incluíndo tamén máis adiante os territorios ocupados. Consistía nalgúns centos de axentes a tempo completo, e varios milleiros de informadores localizados en todos os campos da sociedade, incluíndo o propio partido nazi e as forzas armadas alemás. O SD era a axencia encargada de conseguir a información, mentres a Gestapo e a Kriminalpolizei, ou Kripo, eran as axencias executivas do sistema de policía política. Todas elas atopábanse baixo o control efectivo de Heinrich Himmler como Xefe da Policía alemá. Sumado á súa xefatura das SS, convertíano nun dos xerarcas máis influentes da Alemaña nazi.